Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Política Galicia

aCtores dO cambio

Manuel Ruiz Rivas: "Nunca houbo unha oposición que traballara tanto"

“Todos pensamos que o noso paso pola oposición foi bo, porque nos axudará a gobernar mellor e a superar algúns tics” ·· “A lexislatura está esgotada. Non creo que sexa apropiado celebrar agora o congreso rexional”

POR LUIS POUSA  | 31.07.2008 
A- A+

Manuel Ruiz Rivas, antes de comezar a entrevista concedida, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos

Manuel Ruiz Rivas (Ribeira, 1957; viúvo: dúas fillas; licenciado en Dereito pola USC; ex xuíz de distrito; procurador dos Tribunais; deputados e portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia), considera que o PP sae "modernizado na súa mensaxe" do congreso de Valencia, "porque eu non creo que o partido estea nun sitio moi diferente ao que xa estaba. O que si hai é outras caras, outras formas de transmitirllo á cidadanía. Eu creo que o centro sempre foi o espazo natural do PP; pero tamén é certo que ese centro se ten que visualizar a través da mensaxe, e quizais aí non estabamos acordes co que nos esixía gran parte da sociedade" .

 

O triunfo de Mariano Rajoy no congreso de Valencia é incuestionable?

Si. A gran lección de Rajoy foi que hoxe ten moito máis adaptado o seu equipo ao que quere que se lle transmita á sociedade dos valores do noso partido. O seu triunfo foi incuestionable por dúas razóns: por un apoio de máis do 85 por cento, e porque se veu perfectamente que non había ningunha alternativa que lle puidera facer fronte.

 

Esperaba dalgúns dos que agora non están xa na dirección do PP opinións tan duras como as que verteron contra Rajoy?

Dentro do partido, esas actitudes foron as que máis nos ferían as entrañas. Dentro dun partido, todo o que haxa que dicir se di onde hai que dicilo, e o sitio non é os medios de comunicación. Eu, que fun adestrador de fútbol, digo que os trapos sucios se lavan no vestiario.

 

Cando lle toca ao PPdeG facer o seu congreso?

A pesar de que aínda non sabemos a data das eleccións, non creo que sexa o máis apropiado celebrar agora un congreso rexional. O máis apropiado é facer balance dunha lexislatura esgotada, e que a xente visualice todo o que levamos proposto e o que seguiremos pensando.

 

Pero están emprazados a celebrar múltiples congresos locais, como o de Santiago, que xa deu moito que falar, e a renovación na provincia de Ourense.

Si hai cousas que se teñen que facer no ámbito local e nalgún caso provincial, pero sempre desde a óptica de que neses sitios o partido ten que quedar mellor preparado para afrontar as eleccións.

 

Como avalía o labor da oposición nesta lexislatura?

Tiñámolo difícil, porque nunca foramos oposición. Estar na oposición serviu para dúas cousas. Primeiro, todos nós pensamos que o paso pola oposición foi bo, porque nos axudará a gobernar mellor e superar algúns tics. Segundo, porque superada a etapa inicial na que estabamos perdidos do que tiñamos que facer, nunca houbo unha oposición que traballara tanto. Temos case 17.000 iniciativas, o que nunca se deu antes; superamos en preto de 3.000, conxuntamente o PSdeG e BNG cando estaban na oposición. Cualitativamente, nunca tantas leis nin tantos apoios recibiu un Goberno dunha oposición que en contraprestación recibiu labazadas e soberbia.

 

En que cuestións concretas poñería o acento do traballo parlamentario do PPdeG?

No debate do Estado da Autonomía o noso grupo fixo o que nunca se fixera: máis de 600 iniciativas de impulso. En toda a lexislatura intentamos que se visualizase que só había un grupo que estaba preparado para ser Goberno, o Popular. Moitas veces a oposición queda reducida ao papel mediático de oporse, pero neste caso o noso traballo está marcado pola cantidade de iniciativas que fixemos.

 

A estratexia do PPdeG ten un trazo en positivo?

Nós fixemos moitas iniciativas de control ao Goberno, pero foron obviadas polo funcionamento do Parlamento. O Parlamento está a perder a súa esencia como Cámara de control ao Goberno e como Cámara lexislativa. Tristemente, neste momento o Parlamento é un trámite máis na elaboración dunha lei. Con nós non se conta, estan saíndo leis cun só debate en ponencia.

 

Iso é malo?

Claro que é malo, porque fai imposible que esa lei saia mellorada. Dese xeito o Parlamento é un trámite máis, como o é un informe da Asesoría Xurídica ou do Consello Consultivo.

 

Para que serven as comisións de investigación?

Coa mecánica actual só serven para confundir e, ao final, embarrar o campo. Nesta lexislatura se serven para algo é para xulgar os gobernos que non están no Goberno, para xulgar o pasado. Hai que darlles un maior dinamismo, teñen que asemellarse moito ao sistema xudicial. Na comisión de investigación non se poden vetar preguntas e documentación que veñen ao caso.

 

¿Refírese ao caso da axente electoral do PSdeG?

A cuestión non está en que esa señora sexa unha axente electoral, senón en que non se deixou investigar se esa utilización demostrada de fondos públicos para o pagamento dunha axente electoral dun partido determinado é un feito illado, unha trama ou algo de maiores consecuencias. Aí estan implicados a Administración local, a Administración autonómica e un sindicato afín. Teremos que buscar no Estado de Dereito outras fórmulas para continuar investigando.

 

¿Non debería quedar claro que axente electoral é unha figura legal, utilizada polos partidos, para evitar confusións?

É certo que cando se fala de axente electoral, no caso da emigración parecera que é alguén que vai conseguir os votos de forma irregular. E non é así. Nós temos axentes electorais, e axentes electorais somos cada un dos que formamos parte dun partido político. Pero hai que transparentar máis o voto na emigración.

 

¿O voto debe ser en urna: libre directo e secreto?

Nun primeiro momento tivo sentido o que se fixo, porque era dar as maiores facilidades posibles para que puidera votar a xente que estaba fóra, e participara na construción do país. Pero hoxe estamos a falar do 12% do electorado galego. E hai que extremar as garantías dese voto, para que sexa a propia vontade do elector a que quede expresada nas urnas.

 

Vostedes teñen a María Xosé Caride, conselleira de Política Territorial, como un dos obxectivos a abater?

Que Galicia teña unhas infraestruturas adecuadas é unha acción de goberno na que poñemos un especial énfase no seu control. A señora Caride entrou na consellería a escachar. Obras que hoxe en día terían que estar rematadas non están licitadas, como a variante de Noia; outras, como a autovía da Barbanza, atrasáronse meses de forma inxustificada, para logo dálas dunha forma escura e, cando menos, cometendo irregularidades de procedemento. Se tres anos depois presenta un plan de estradas e unhas directrices do terrorio, un pode pensar en que investiu o seu tempo. Pero non ten nada que ver coa persoa, senón coa actividade como conselleira.

 

É de recibo a actitude de boicot do PPdeG á renovación dos dous representantes do BNG no consello da CRTVG?

Nós sentímonos vítimas dunha estratexia que é que pareza que o PPdeG non está facendo o labor que lle corresponde como oposición; que, unha vez que non goberna, se esqueceu dos galegos. Iso o está o facer o Goberno a través de dúas canles, o Parlamento e os medios públicos de comunicación. No caso dos medios públicos de comunicación nós non temos outra defensa que pedir unha renovación ampla e total dese Consello. E iso pasa porque se aproximen posturas e o Parlamento nomee un director xeral. Vai rematar a lexislatura sen que quen o prometeu cumpra a promesa de que haxa un director da CRTVG nomeado polo Parlamento. Nós o único que facemos é utilizar a maioría cualificada para impoñer a pluralidade.

 

¿De verdade cre que ao cambiar o director xeral cambia o modelo de xestión informativa?

Ben, cando menos participamos nesa decisión. É evidente que o modelo é moito máis que a figura do director xeral. Pero recordo tamén que hai leis pendentes que podían axudar a iso: Lei da CRTVG, Lei do audiovisual, Lei de publicidade innstitucional. Hai unha serie de instrumentos que o Goberno podía utilizar para transparentar a acción política, entre elas a da oposición, e está indo no camiño inverso.

 

A reforma do Estatuto de Autonomía é a gran materia pendente desta lexislatura?

Eu non diría tanto o Estatuto como o autogoberno. Esta lexislatura é a do parón das transferencias. Estamos a falar de só 9 transferencias dunha contía menor, cando se solicitaban 70. Van quedar o 85 por cento sin incorporarse. Esa parte é un suspenso do Goberno. A reforma do Estatuto é un suspenso posiblemente de todas as forzas políticas, pero nós sempre dixemos que só imos cambiar do Estatuto aquilo no que haxa consenso para cambialo. Nós consideramos que Galicia é unha nacionalidade histórica dentro de un Estado que non é plurinacional.

 

¿E cal sería a postura do PP se o Tribunal Constitucional dixese finalmente que o Estatuto catalán é constitucional?

Nós temos ben claro o concepto de Galicia. Non estamos visualizando no termo o concepto, se o Tribunal Constitucional cambia ese concepto, eu teño moi claro que o que é Cataluña, o que é Euscadi ou calquera nacionalidade ou rexión deste país o é Galicia. Galicia non é menos que ninguén. O que cuestionamos é que a palabra nación responda a ese concepto.

 

¿Que opina do manifesto que esixe o castelán como lingua común por riba das outras linguas?

Estamos entrando nun terreo perigoso. Nós temos en Galicia unha parte da nosa cultura que é diferente, e, polo tanto, temos que enriquecer o propio, pero, á vez, tampouco descoñecer o que é o común. Así estamos obrigados polas leis. Preocúpame que esteamos entrando nunha dinámica onde todo o mundo se sente agraviado: síntese agraviado o galegoparlante, séntese agraviado o españolparlante. Creo que é posible seguir mantendo ese bilingüismo harmónico, e que a calidade cultural de Galicia se siga enriquecendo cos dous idiomas ao mesmo nivel de coñecemento. E se falamos do uso, a min preocúpame o futuro do galego. A parte do que poida facer a Administración hai algo moi claro: cada vez úsase menos o galego.

O PERFIL

Que lle supuxo o teléfono móbil?

Recoñezo que o teléfono móbil me aforra moitas horas pero, á súa vez, tamén mas acorta de vida. Recordo que o primeiro que fixo o Grupo Popular cando cheguei por primeira vez ao Parlamento, no ano 1993, foi darme un teléfono móbil. E o primeiro que fixen ao chegar a Ribeira foi darllo ao meu cuñado. Eu sabía que aquilo me ía cambiar a vida, e efectivamente así foi.

 

Utiliza moito o PC portátil?

Si. É máis, teño máis dun. Ao primeiro que tiven púxenlle unha pegatina do Parlamento para que miña dona pensara que era da institución e non me rifara por aquel dispendio de gastarme 300.000 pesetas nel.

 

A onde lle gusta viaxar?

Preferentemente aos países nórdicos e centroeuropeos, pero desde hai anos as miñas viaxes son familiares e sempre condicionadas polas fillas, e alí onde haxa un parque atraccións, unha piscina, alá vou eu.

 

Que está a ler?

Estou acabando El juego del ángel, de Carlos Ruiz Zafón. Aí son pouco orixinal, porque me gusta ler bet sellers.

 

Gústalle o cine?

Si, pero a verdade é que é desas cousas que gustas, pero non practicas, como o deporte. O meu tempo de ocio é practicamente das miñas fillas. O último que fun ver ao cine foi La bella y la bestia e Peter Pan.

 

E o teatro?

Gústame, pero tampouco teño facilidades dun sitio próximo que me permita ir; cando viaxo a Madrid adoito ir ao teatro.

 

Que tipo de música lle gusta escoitar?

Basicamente, un grupo que me gusta moito é Maná; veu recentemente a Santiago. Este ano para min foi bo nese sentido, porque o outro que máis me gusta é Alejandro Sanz, que tamén estivo en Santiago. Acudín aos dous concertos.

 

Por onde van as súas preferencias en artes plásticas?

Aí son como aquel bebedor de viño que non é entendido pero que, cando o viño lle gusta, adoita acertar co que lle gusta a outra moita xente. Home, hai que ter moi pouca sensibilidade como para que cando un ve Las meninas ou calquera outro clásico non lle guste. En todo caso, a min gústame basicamente Miró.

 

A arquitectura é unha arte?

E a grande arte que perdura polos séculos.

 

Que tal leva o da conciliación da vida familiar tendo dúas fillas nenas?

Para min a conciliación da vida familiar só ten unha palabra: agradecemento. Agradecemento aos avós das miñas fillas, porque eles son os que logran conciliar o inconciliable. Por iso eu dicía antes que o pouco tempo que me queda libre non mo podo dedicar a min mesmo, sería inxusto e egoísta pola miña parte.

 

Ten tempo para cociñar?

De estudante aprendín a cociñar de todo. Agora son máis sibarita e prefiro a grella, pero teño as miñas dúbidas de que iso sexa unha arte culinaria. Ben, polo menos estou satisfeito coas sardiñas e co churrasco que fago. E todos os veráns fago un paella para 30 persoas..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS