Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Política Galicia

secretaria de Comunicación do Bloque

María Xosé Bravo: "O BNG ten que identificarse como opción do cambio galego"

"Nas municipais, faremos ver que os concellos poden mellorar a vida da xente, aínda que o PP os use como arma de confrontación". "A Executiva actual ten moita forza, porque contou co voto do 90% da Asemblea"

A. LOSADA . SANTIAGO   | 31.01.2007 
A- A+

Fernando Blanco
María Xosé Bravo, secretaria de Comunicación do Bloque Nacionalista Galego
FOTO: Fernando Blanco

María Xosé Bravo forma parte da Executiva do BNG dende a celebración da XII Asemblea Nacional, e ostenta o cargo de secretaria de Comunicación, o que a responsabiliza da relación cos medios informativos e da construción das mensaxes que emite o BNG dirixidas á sociedade no seu conxunto.

 

¿Trae vostede algún cambio á política de comunicación do BNG?

Non teño que facer grandes variacións. Seguiremos traballando na liña que se seguiu nos últimos anos, nos que se abriron grandes iniciativas na área de comunicación, como o BNG ó Día -un boletín informativo para os militantes e simpatizantes do BNG- ou a potenciación da nosa páxina web como portal de noticias.

 

¿Ten metas marcadas?

Seguir crecendo e desenvolvendo órganos propios, agora que a nosa web ten xa máis de 1.000 visitantes diarios. Galicia ten que converterse nunha referencia común para os medios e, a un tempo, debemos impulsar un espazo de comunicación, é dicir, lograr que se produza información dende o país e para o país.

Chegou xusto a tempo de preparar os municipais...

Si, levamos xa algúns meses traballando nelas. O noso labor é trasladar á cidadanía galega a importancia da política municipal e o seu rol en cuestións relacionadas co emprego, coa difusión da lingua, ou con outras cuestións sociais que se poden realizar dende os concellos.

 

¿Resulta difícil coordinar o traballo en 315 municipios?

O certo é que si, un pouco. Agora mesmo hai un importante grupo de xente traballando niso dentro da Executiva, tanto na Secretaría de Comunicación como nas de Organización e Acción Municipal. Entre todos temos que coordinar o traballo e darlle unha visión a escala nacional á campaña. Aínda que logo as Executivas locais son as que trasladan despois ás decisións ó seu ámbito, nós estamos alí para darlles axuda en todo o que nos sexa posible.

 

¿Xa saben cales serán as consignas para esta campaña?

Non, non estamos aínda nesa fase. O que queremos deixar claro agora é que o BNG pode ser representante do cambio galego, que xa chegou á Xunta e que ten que chegar ós concellos, e que podemos conseguir que a política municipal mellore a vida dos cidadáns. É algo importante, pois o PPdeG a está a converter nunha ferramenta de confrontación.

 

¿En que sentido?

Empregan os concellos como armas para desestabilizar a Xunta, en lugar de para gobernar os seus cidadáns. O BNG non ten ese enfoque, prefire unha estratexia de cooperación entre Administracións, que vai en beneficio de todos.

 

Co "blog" de Anxo Quintana durante a campaña das autonómicas, o Bloque foi pioneiro en comunicación dixital, pero agora semella que se estancou...

Tivemos propostas, e dende logo é unha forma de comunicación interesante, pero non temos plans a curto prazo. Para abrir un blog requírese un traballo técnico e o compromiso de actualizalo regularmente, senón e mellor non telo.

 

Ademais da súa Secretaría de Comunicación, existe outra de Imaxe e Propaganda dirixida por Mario López Rico. ¿Onde acaba o seu labor e comeza o del?

Facemos traballos complementarios, sobre todo nestes momentos para preparar as municipais, e por iso é difícil trazar un límite claro. Pódese dicir que Comunicación ten responsabilidade na redacción das mensaxes, no que é o texto, mentres que Propaganda deseña a imaxe das campañas mediáticas.

 

¿Hai roces entre o aparato de comunicación do BNG e os dos departamentos nacionalistas na Xunta?

Non, en absoluto. Nós ocupámonos, sobre todo, dos temas que atinxen exclusivamente á organización política, pero tamén procuramos dar a coñecer o labor de Goberno, tanto na Xunta como nos concellos, así como o traballo do Grupo Parlamentario do BNG. Á fin e ó cabo, as políticas que se levan a cabo dende as institucións públicas son tamén parte da mensaxe do BNG.

 

¿Como é a primeira Executiva creada co BNG dentro do Goberno?

Ten a virtude de contar co apoio de máis do 90% dos militantes que participaron na Asemblea Nacional e de integrar ás correntes críticas xunto coa lista oficial. Iso dálle unha gran forza e lexitimidade. En canto á presenza na Xunta, sei que se variou a forma de traballar, porque antes non estaba, pero creo que simplemente é un recurso máis para ter en conta, non unha complicación.

 

Hai quen di que a presenza de tantas sensibilidades dentro da Executiva é un síntoma de desunión...

Non, é un síntoma de democracia interna, é un gran logro de Anxo Quintana, que conseguiu incorporar ós organos directivos case todas as visións do nacionalismo que conviven dentro do BNG.

 

O PERFIL

María Xosé Bravo Sanjosé naceu no Bolo (Ourense) en 1957. É diplomada en Maxisterio e Licenciada en Psicoloxía pola Universidade Central de Barcelona. Actualmente traballa como profesora de Ensino Secundario e é vicepresidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Foi concelleira polo BNG en Vilasantar e responsable da comarca da Montaña (agrupa Arzúa e Melide). Forma parte da Executiva e do Consello Nacional do BNG dende a última Asemblea, celebrada en decembro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS