Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Política Galicia

Nace Movemento Galego ao Socialismo, novo grupo no BNG

Os ex membros do antigo Movemento pola Base que decidiron permanecer no Bloque tras a escisión do 14 de marzo pasado crean unha nova denominación e chaman á "unidade" no nacionalismo no proceso aberto ·· Manteñen a formación frontista como "aposta estratéxica" ·· Substituto de Otero, imputado na trama de multas, pide deixar traballar a Xustiza ·· Ruiz Rivas di que Política Territorial aproba cambios de obras "que non corren présa" ·· Con esas papeletas mantería o escano 38

Rafa Villar, Noa Presas e Fidel Diéguez do Movemento Galego ao Socialismo
Rafa Villar, Noa Presas e Fidel Diéguez do Movemento Galego ao Socialismo

EUROPA PRESS . SANTIAGO   | 21.03.2009 
A- A+

Os ex membros de Movemento pola Base (MpB) que decidiron permanecer integrados na estrutura do BNG tras a escisión desta corrente no Consello Nacional do pasado 14 de marzo cambiaron o seu nome polo de Movemento Galego ao Socialismo e chamaron onte a facer prevalecer "o afán de unidade" no
nacionalismo.

Un dos integrantes da Xestora Nacional do novo grupo, Rafa Villar, asegurou que, este é "momento de unidade" e de "incorporar máis apoios porque o fundamental é fortalecer o BNG". Así mesmo, considerou que as disidencias "non son o mellor" neste contexto pero destacou que hai unha sociedade "madura" que admite tales decisións e que os compañeiros escindidos merecen o seu "respecto".

Así, esta corrente renomeada reafirmou a súa "aposta política" polo Bloque como "forza nacionalista actuante no país" e confirmou que participará no debate aberto no seo da formación frentista tras os resultados das pasadas eleccións autonómicas do 1 de marzo.

Dentro de Movemento Galego ao Socialismo intégranse, entre outros o propio Villar, Fidel Diéguez –membro do Consello Nacional do BNG–, e Noa Presas, que ademais de formar parte do máximo órgano de decisión ente asembleas, é unha das persoas que constitúen a comisión delegada do Consello Nacional del Bloque que está a organizar a Asemblea extraordinaria de maio na que se renovará a Executiva da formación.

Este grupo formula como "premisas" a participación, que a Asemblea se centre no debate de ideas e que se busque a unidade. "Queremos a maior xente posible no debate; que todos acheguen propostas, pois todas son lexítimas, e que prevaleza o afán de unidade dende posicións xenerosas, incluíntes e dialogantes", pediu Villar.

Respecto á proposta de Xosé Manuel Beiras, integrante da corrente Encontro Irmandiño, que chamou a militancia a inscribirse de forma individual e unha volta ao sistema asambleario no BNG, Movemento ao Socialismo limitouse a sinalar que está "en debate" e insistiu en que a súa premisa é "participación, participación, participación".

 

Evitar calquera disputa legal polas siglas

Coa comparecencia de onte, segundo Villar, pretenden presentar as novas siglas e "eliminar a confusión existente respecto da situación do antigo Movemento pola Base. "Nos últimos tempos un sector de compañeiros decidiu modificar o rumbo da organización e, malia non ser a decisión maioritaria, conservar as siglas de Movemento pola Base e abandonar o proxecto do BNG. Co fin de evitar "calquera tipo de pelexa legal e seguir enturbando o clima" entre os antigos membros de MpB, os que permanecen dentro do Bloque tomaron a decisión de "cambiar de nome". "Anunciamos que dende agora renunciamos a calquera debate público ou batalla legal", dixo, e aclarou que se desvinculan das
siglas de MpB..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS