Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.05.2019 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Política Galicia

os prazos

O PP quere a reforma do voto emigrante antes das autonómicas

Alberto Núñez Feijóo defende “condicionar” a data das eleccións a que antes estea lista a normativa que lles permita ós galegos da diáspora depositar a súa papeleta na urna {seprador} Chama a socialistas e nacionalistas a acadar unha proposta acordada en xullo que sexa aprobada por Madrid en setembro

AXENCIAS . SANTIAGO  | 18.06.2008 
A- A+

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse onte partidario de que a data das próximas eleccións autonómicas estea condicionada a que a modificación da lei electoral para que a diáspora poida votar en urna se faga efectiva. "Agora que se fala moito de datas, a consecución do voto en urna debe ser o condicionante de máxima prioridade", opinou o líder popular, ao tempo que advertiu de que, tras as "irregularidades" destapadas nos últimos meses, sería "imperdoable" para a clase política galega non facer o posible por garantir que os emigrantes poidan exercer o seu dereito ao voto "con total limpeza e transparencia".

Por iso, tras reunirse cos portavoces do seu grupo no Hórreo, Núñez Feijóo apostou por habilitar o mes de xullo na Cámara galega para concluír a tramitación da proposta conxunta que será remitida ao Congreso para reformar o voto emigrante, igual que se ten habilitado noutras ocasións" para tratar, na súa opinión, asuntos de menor enxunlla.

"Temos que comprometernos desde xa", insistiu Feijóo e asegurou que o PP ten, tanto no ámbito galego como no nacional, toda a "disposición" para conseguir que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma na que o censo emigrante vota en urna. "Espero que ninguén poida dicir que as vacacións son máis importantes que a transparencia", resaltou Feijóo e fixo un novo chamamento a PSOE e BNG para "construír entre todos" unha "alternativa" ó actual sistema por correo. Ao seu xuízo, se o Parlamento galego impulsa unha proposta unánime e a remite ao Congreso, "ninguén en Madrid poderá negarlle a lexitimidade de decidir como vai ser a súa próxima composición". Sinalou que se as tres forzas políticas galegas son capaces de redactar unha iniciativa acordada "de forma democrática, limpa e clara", á que non sexa necesario presentar emendas, a modificación podería estar aprobada o próximo mes de setembro. A este respcto, o BNG viu con bos ollos a proposta do PPdeG, mentres que os socialistas puntualizaron que "haberá que falalo".

Por outra banda, o líder da oposición aludiu tamén á reunión que mantivo o luns a comisión que investiga o caso da presunta axente electoral, na que PSOE e BNG deron o visto e prace ao seu ditame de conclusións, que recibirá a súa aprobación definitiva no próximo Pleno.

Ao seu xuízo, os grupos que apoian o Goberno protagonizaron "un novo intento de mesturar" asuntos para "confundir" á poboación ao centrar o debate na redución do prazo para o escrutinio do voto emigrante. "O PSOE quixo evitar que se falase da fraude electoral e o BNG tapar as súas vergonzas de cómplice", lamentou.

En canto á posibilidade de denunciar na Xustiza o caso, Feijóo deixou claro que, polo momento, só acudiran ao Parlamento.

MOVEMENTOS

Acordo de todos para buscar a norma este ano

Os tres grupos parlamentarios da Cámara galega, PPdeG, PSDEG e BNG acordaron onte reducir prazos para aprobar a proposición de lei para reformar a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg) nun pleno extraordinario en xullo.

En roda de prensa tras reunirse na Xunta de Portavoces, o deputado do BNG Carlos Aymerich informou de que no próximo pleno, os días 24 e 25, o Parlamento galego debaterá a toma en consideración desta proposición de lei, para que inicie o seu trámite parlamentario e a Cámara lle dea luz verde antes de que finalice este curso político. Concretamente, os grupos acordaron reducir os trámites para a súa tramitación, de maneira que o período de emendas se acurtou a un só día, o cal non suporá un impedimento posto que o texto será unánime, significou Aymerich.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Ismael Rego, destacou que a Cámara autonómica fará un esforzo para sacar "canto antes" esta proposición de lei, acorde co "encargo realizado polo presidente da Xunta", para remitila ó Congreso.

Con todo, Rego apuntou que se se acurtan os prazos a toma en consideración podería entrar en xuño, pero asegurou que esta cuestión "aínda non está exposta" e, unha vez que se debata a lei no Parlamento, abordarase a súa ratificación.

Posteriormente, o deputado popular Manuel Ruiz Rivas tamén se referiu á "aceleración" do proceso de tramitación que, segundo apuntou, a través da aceleración dos prazos, espera que "estea en tempo" para as próximas eleccións autonómicas.

Respecto diso, o portavoz nacionalista advertiu de que "calquera persoa se dá de conta" de que coa proposición de lei "non se chegará a tempo" aos próximos comicios galegos, polo que o BNG presentará unha iniciativa no Congreso para que se aprobe por esta vía, unha vez que xa existe o consenso entre as tres forzas políticas. Neste sentido, Rego replicou que o "BNG xa tivo tempo" de presentar iniciativas para a reforma e que o Parlamento galego non debe interferir no Congreso, que ten a responsabilidade de aprobar a proposición.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS