O PSOE esixiulle onte ó PP a adopción de medidas e que aparte da Alcaldía o rexedor de Dozón, Adolfo Campos, que acaba de ser condenado a nove anos de inhabilitación por un delito de prevaricación.
"Non se pode manter un alcalde condenado por prevaricación á fronte do Concello de Dozón", manifestou o secretario Provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Modesto Pose, quen lle pediu ó presidente provincial do PP, Rafael Louzán, que tome "medidas urxentes" ante a "manifesta incapacidade" de Campos "para estar á fronte dunha Alcaldía onde debe representar a todos os seus veciños, independentemente da súa cor política".
Para Pose, a condena de nove anos de inhabilitación "é un feito moi grave", máis cando se debe a resolucións ditadas desde a Alcaldía que xa foron declaradas nulas por outras instancias xudiciais.
"Louzán debe tomar o asunto da man", reiterou Modesto Pose ó pedirlle ó PP "que dea exemplo" e non manteña á fronte do Concello de Dozón un rexedor condenado.
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra estimou probada a denuncia interposta polo sindicato CIG, en representación da funcionaria municipal Ana Lois Navaza, que acusou o alcalde de Dozón de adoptar unha serie de resolucións contrarias ós dereitos desta traballadora, en represalia porque o denunciou por acoso laboral.