Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Alfredo Suárez Canal, conversando co seu colega nacionalista Carlos Aymerich, onte, no hemiciclo FOTO: Ramón Escuredo |
O deputado do BNG e ex conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, desmentiu onte que certificase "algunha obra" sen acabar e rexeitou "calquera paralelismo" entre el e o actual dirixente de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o popular Agustín Hernández, respecto da construción en Salvaterra do Miño.
En declaracións ós medios nos corredores do Parlamento autonómico, onde onte comezou o último pleno deste período de sesións, Alfredo Suárez Canal avisou de que a certificación de obras lles corresponde "ós funcionarios e ó técnicos" da Administración , polo que non é imputable este feito a "ningún conselleiro".
"Non estampei a miña firma en ningunha obra acabada nin sen acabar", aseverou. O deputado do Bloque saíu así ó paso da denuncia realizada o luns polo PPdeG, que acusou a Suárez Canal de certificar as obras dunha ponte en Tomiño (Pontevedra) sen finalizar. O deputado popular Alejandro Gómez Alonso comparou este caso co de Agustín Hernández por certificar unhas obras sen iniciar cando estaba na Deputación de Pontevedra e animou o PSdeG a querelarse contra Suárez Canal como o fixo co actual conselleiro, e tamén contra o ex líder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, por ser o responsable do goberno no que estaba Suárez Canal.
O deputado nacionalista censurou as "medias verdades, mentiras e difamacións" do PP por "pretender esconder a súa inacción" con "este tipo de indicacións", e acusou os populares de usar a "técnica da lura".
Así mesmo, Suárez Canal argumentou que, unha vez coñeceu a denuncia, os nacionalistas comprobaron que "as obras están practicamente realizadas", mentres que no caso de Hernández, "onde si había firma, nin estaban iniciadas". "Unha diferenza substancial", apostilou.
A maiores, subliñou como "aspecto non menor" que Agustín Hernández fora "traballador" da empresa, que, curiosamente, "é a mesma que realiza as dúas obras -a de Tomiño e a de Salvaterra-". Neste sentido, indicou que esta situación "non ocorre co conselleiro de Medio Rural", afirmou en referencia a el mesmo.
En conclusión, Alfredo Suárez Canal advertiulle ó PPdeG de que non "calará" a oposición coa "chantaxe" por "moita tinta de lura que distribúa" ás actuacións realizadas pola anterior Xunta bipartita.
Non hai a mesma vara de medir
O PPdeG lamentou onte que a oposición considere "gravísima" toda actuación protagonizada por altos cargos do PP e cando se "demostra" que eles protagonizan "actos similares" argumenten "que non pasa nada".
