Xoves 09.09.2010
| Actualizado 10.57
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Imaxe da reunión da Xunta de Portavoces do tres grupos políticos do arco parlamentario galego FOTO: Ramón Escuredo |
Os grupos da oposición na Cámara -PSdeG e BNG-, presentaron un total de 1.331 emendas parciais ó proxecto de orzamentos da Xunta para 2010 nas que pretenden recolocar máis de 556 e 530 millóns, respectivamente, para destinalos a investimento produtivo e de servizos sociais. Pola súa banda, o PPdeG porá "nomes e apelidos" ó complemento de pensións non contributivas. En sendas comparecencias, os voceiros socialista e nacionalista, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Aymerich, argumentaron a necesidade de reducir gastos e reverter esas partidas en investimentos "reais", entre as que se fixaron en innovación, universidades e servizos públicos sociais -sanidade e educación-. Os socialistas presentan 744 emendas por seccións, organismos autónomos e ó articulado que, en total, mobilizan 556 millóns de euros. Pola súa banda, os nacionalistas suman 587 emendas que recolocan máis de 530 millóns.
PSdeG e BNG reclaman que a construción dos hospitais sexa financiada con fondos públicos. Os socialistas destinan tres millóns de euros á contratación de novo persoal. "En lugar de optar por pagar máis ós que xa están" é necesario incrementar o persoal para "mellorar os servizos ós cidadáns", sostivo Leiceaga. Pola súa banda, Aymerich apostou por cumprir cos acordos retributivos adoptados na mesa sectorial cos traballadores do ámbito sanitario.
En materia de universidades, os socialistas mobilizan 6 millóns de euros "para facer un esforzo" nesta materia. Tamén para o BNG as universidades son "as grandes esquecidas" nas contas galegas. O PSdeG presenta, ademais, unha emenda para incrementar en 10 millóns de euros as partidas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), así como moven uns 41 millóns na Consellería de Economía e Industria e uns 130 euros na sección de obras e servizos.
A maiores, o grupo socialista pide que dos 300 millóns de euros que se destinan a convenios coa Administración local, polo menos o 20 por cento -uns 60 millóns-, se distribuan con "criterios obxectivos" co horizonte de alcanzar o 40% o ano seguinte.
Os tres grupos presentaron tamén emendas sobre as pensións non contributivas coa fin de habilitar esta partida, segundo recalca a oposición, ou darlles "nomes e apelidos" a ese fin, en palabras do PPdeG. Este foi un dos puntos de maior polémica, posto que a partida non aparecía no capítulo 23 de diversas consellerías. O PPdeG emenda este apartado para habilitar unha partida de 11 millóns procedentes do fondo de continxencia (que ten no borrador 20,68 millóns).
Este movemento reduce á metade o fondo de continxencia respecto de 2009, cando contaba con 19,4 millóns, e prodúcese logo dunha rectificación da Xunta, tras barallar a Consellería de Traballo destinar esa partida a outros servizos sociais. Ruiz Rivas insistiu en que este diñeiro "xa estaba disposto" nas contas galegas.
Máis recorte de soldo nos altos cargos e a supressión do plus
O PPdeG, como anunciara, rexistrou emendas para baixar o salario dos altos cargos nun 3%, algo que o PSdeG tratará de aumentar a un 5%. A este respecto, Leiceaga, quen recoñeceu que esta redución non se recolle na emenda á totalidade, explicou que debe estenderse ós soldos dos altos directivos de empresas.
O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, subliñou que as emendas do seu grupo van encamiñadas a dotar de "maior austeridade" as contas e por iso é polo que lle desen forma á redución do 3% dos soldos de altos cargos e de todas as institucións que dependen da Administración autonómica, como o Tribunal da Competencia ou o Consello Consultivo.
Con todo, para o BNG, esta redución é insuficiente e piden como medida de "austeridade ben entendida" a supresión do plus de altos cargos, para o que presentaron unha emenda ás contas. Aymerich referiuse ao que chamou "veto" do PPdeG para introducir no pleno do Parlamento a iniciativa lexislativa popular que pide a supresión deste complemento e sobre a que Ruiz Rivas indicou que hoxe se volverase tratar na Xunta de Voceiros.
O PPdeG tamén rexistrou unha enmenda para facilitarlles ós concellos a distribución dos seus orzamentos, de maneira que pide que os municipios poidan destinar a gastos, ademais da investimentos, diñeiro do fondo local extraordinario de 18 millóns.
Leiceaga cre que o PP "se emenda a si mesmo"
Fernandez Leiceaga concluíu onte en que o PPdeG "se emenda a si mesmo", o que tilda de "desautorización clara" á Xunta, algo que atribuíu a que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, pretende ser "conselleiro de todo", o que implica "caos, ineficacia e paralización". Os populares defenderon a autonomía do seu grupo e a "capacidade que se ve plasmada" nas emendas rexistradas e tachou de "burla" as presentadas pola oposición, por debuxar "un estado irreal". Así, observou un "optimismo patolóxico" nos documentos da oposición.