imprimir Pechar fiestra

ESTRAÑOS, RAROS E ESQUECIDOS

Antoloxía de poesía galega en Seix Barral

26.01.2007

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Ao longo das últimas décadas, non foron infrecuentes as achegas arredor das letras galegas de seleccións ou antoloxías realizadas, tanto dende a crítica e realidade galega como a través de especialistas e antólogos foráneos que tentaban dar a coñecer o noso sistema literario a todos os eventuais lectores interesados nos trazos esenciais das outras literaturas peninsulares. Libros, revistas, artigos, especiais e monográficos sobre literatura galega agroman noutros espazos distantes a nós nun intento de compoñer un corpus global, unha ollada mural, sobre aquelas literaturas menos coñecidas por minoritarias e que sufriran un silencio obrigado ao longo de décadas.

O profesor Basilio Losada Castro (Pobra de San Xiao-Láncara-, Lugo, 1930) leva dedicadas moitas décadas da súa vida aos labores de crítico, ensaísta, investigador e profesor. Xubilado no ano 2000 como profesor da Universitat de Barcelona, conta entre outros méritos o de ser o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da devandita institución académica. Galiza, Portugal e Brasil son tres espazos literarios moi recorrentes no seu traballo e ás tres literaturas ten dedicado estudos, conferencias e numerosas traducións das máis de cento cincuenta (Rosalía, Pere Gimferrer, Pere Quart (Joan Oliver i Sallarès), Salvador Espriu, Jorge Amado, José Saramago...) que ten preparado ao longo da súa vida. Os seus traballos foron publicados en prestixiosas editoriais e coleccións de libros, salientando, principalmente, os selos: Salvat, Seix Barral, El Bardo, Ocnos (onde apareceu unha antoloxía de poetas galegos de posguerra), Adonais... Ese incansable oficio na difusión das letras galegas, catalás, portuguesas... tenlle reportado destacados recoñecementos entre os que figuran: o Premio Nacional de Tradución (1991); a Creu de Sant Jordi; o Pedrón de Honra (1985); a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, concedida polo goberno portugués; a Ordem do Cruzeiro do Sul, no Brasil, e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Hai máis de trinta anos, o profesor Basilio Losada tamén participou na emblemática colección Biblioteca Breve de Bolsillo-Libros de Enlace, da non menos importante Editorial Seix Barral, un corpus moi heteroxéneo de títulos que, maioritariamente, combinou ensaio, estudo e narrativa. Este Poetas Gallegos Contemporáneos preséntase como unha antoloxía bilingüe galego-castelán na que o crítico ofrece unha escolla de once nomes significativos da lírica galega, (Pimentel, Manuel Antonio, Amado Carballo, Aquilino Iglesia, Seoane, Cunqueiro, Celso Emilio, Tovar, Cuña Novás, Manuel María e Ferrín), dos que se dá unha achega biobibliográfica e que reúnen entre todos eles máis dun cento de composicións. A intención do compilador foi a de realizar unha selección clara, didáctica e significativa dirixida ao lector non galego que conseguira así ter unha visión panorámica do feito lírico que abrangue dende as liñas poéticas do vangardismo deica o presente literario daqueles anos. Consciente da limitación que unha antoloxía ten, (e mesmo da crítica que pode xerar), Basilio Losada é claro ao afirmar que o elenco seleccionado podería ser maior, mais que ninguén podería discutir a importancia, proxección e transcendencia dos once nomes incluídos aquí que coutan un período moi concreto do desenvolvemento das letras galegas.