imprimir Pechar fiestra

protesta

A CIG denuncia os novos horarios de Educación para ESO

14.03.2007 Critica a redución dun 40% das clases de música, plástica e tecnoloxía pola segunda lingua

AXENCIAS . SANTIAGO

A Confederación intersindical Galega (CIG) amosou onte o seu rexeitamento á proposta da Consellería de Educación para regular a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), xa que reduce nun 40% as cargas de horario lectivo de música e plástica e nun 42% a de tecnoloxía para converter en obrigatoria a segunda lingua estranxeira.

 “Trátase dunha proposta pouco pensada, apresurada e agardamos que a consellería rectifique e a corrixa”, manifestou en rolda de prensa o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen advertiu de que esta redución de clases “non pon nada doada” a estabilidade laboral dos profesores que imparten estas materias (un centenar en música e tecnoloxía, respectivamente, e uns 40 en plástica).

 O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, aclarou que a CIG non se opón ao ensino dunha segunda lingua estranxeira, “pero que isto non supoña un detrimento doutras materias” que considerou que garanten un ensino público de calidade.

Petición: priorizar o portugués antes que o francés
Así mesmo, amosou o apoio do sindicato nacionalista a que se “priorice” o portugués nesta segunda lingua estranxeira “antes que ao francés” e non só por “reforzar lazos” co país “máis próximo” senón en relación con “futuro laboral”, xa que lembrou o número de galegos que traballan no Estado luso.

A CIG tamén se mostrou crítico con que a proposta da consellería que dirixe Laura Sánchez Piñón supoña unha hora máis de carga lectiva de Relixión que o “minimamente establecido”, o que supón, tal e como recriminou, que finalmente conte “con maior carga horaria que as tres de música, plástica e tecnoloxía”.

 Por iso, o sindicato nacionalista avogou por que esta hora a maiores sexa utilizada para evitar esta redución destas tres materias, o igual que a de ‘Educación para a cidadanía’, da que piden a súa supresión. Tampouco “lle ven moito sentido” a que os alumnos da ESO conten entre a oferta obrigada de optativas coa materia de ‘Emprendedores’, mentres que si considerou que deben estar neste grupo informática e educación ambiental.

As escolas poderán ampliar ou reducir o horario

Así mesmo, Louzao tachou de “sorprendente” que o proxecto de Decreto que regula a Educación da ESO deixe á disposición dos centros que fixen ou amplíen o seu horario escolar, “o que carrexará escolas de primeira e segunda categoría”. Para iso, argumentou que haberá colexios que o “teñen máis doado” en canto a medios para ofrecer unha oferta de actividades se se aplica esta ampliación.

Por todo iso, a CIG anunciou que emendará esta proxecto de Decreto no próximo pleno do consello Escolar de Galiza e mostrou o seu desexo de que a Consellería de Educación os “repense e rectifique”, xa que considera “inasumible” a súa proposta.
 De tódolos xeitos, o sindicato xa anunciou asembleas informativa sobre este decreto en oito cidades galegas; unha campaña de recollida de sinaturas para que se modifique este proxecto de decreto; e encontros cos grupos parlamentarios do Bipartito (PSdeG e BNG) para explicarlles as súas propostas ao respecto. l
 

 

PROFESORADO

 O galego é desvalorizado

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, tamén alertou do “fracaso escolar” que pode supoñer a carga lectiva que carrexará fixar como obrigatoria a segunda lingua estranxeira, xa que argumentou que esta materia, sendo optativa, era xeralmente elixida unicamente polo alumnado de mellor rendemento. Ademais, Louzao recordou que Galiza conta cunha lingua propia “bastante desvalorizada”, outra oficial e outra estranxeira obrigatoria.
 

Estabilidade laboral en perigo

"Trátase dunha proposta pouco pensada, apresurada e agardamos que a consellería rectifique e a corrixa", manifestou en rolda de prensa o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen advertiu de que esta redución de clases "non pon nada doada" a estabilidade laboral dos profesores que imparten estas materias.