imprimir Pechar fiestra

CINE

As "Fronteiras" da identidade

20.03.2007 Este sábado estrearase en Tui o documental de Rubén Pardiñas sobre os límites culturais de Galicia

A. LOSADA . SANTIAGO

Este sábado estrearase no Festival Internacional de Documentais de Tui o filme Fronteiras, do director Rubén Pardiñas, que repasa as diferencias que existen entre os límites administrativos de Galicia e os sociolingüísticos. Sen chegar a tomar partido sobre a galeguidade dos territorios asturianos, leoneses ou portugueses que arrodean a fronteira autonómica, a película reflexiona sobre como a lingua e a cultura son alleas ás divisións políticas e sobre como un concepto tan difuso como a identidade se estende a través delas.

O director, Rubén Pardiñas, explica que a súa intención foi "buscar esas fronteiras culturais que non están nos mapas", tanto a través da opinións dos expertos como da visión da xente deses lugares sobre si mesma.

En Fronteiras interveñen persoas como o ex presidente da Xunta Manual Fraga Iribarne ou o ex portavoz nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras. Ademais, contouse coa colaboración de escritores e lingüistas "do nivel" de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega, e Ana Cano, presidenta da Real Academia da Llingua Asturiana.

Da outra banda, o filme inclúe entrevistas ós habitantes de vilas como Ponferrada (León) ou Navia (Asturias), cuxa decisión sobre a súa propia identidade "debe primar ante todo á hora de definilo", di Pardiñas. O director explica como "neste grupo, hai de todo, dende o que razoa que el é castelán falando nun galego impecable ata o que reclama a anexión a Galicia".

A modo de "coda final", Fronteiras para tamén polo Val de Xálima, un lugar de Estremadura no que se fala unha variante de galego (o "valego") que evolucionou indepententemente dende a Idade Media. Para Pardiñas as tres aldeas de Xálima son un exemplo de como os trazos sociolingüísticos poden dar grandes saltos territoriais.

"A cuestión é -resume o director- que aínda que as fronteiras administrativas xa están fixadas e poucos as discuten, os límites culturais son difusos e están no centro do debate", tanto para os intelectuais como para a xente que vive entre dúas terras. "Sen tomar partido por ningunha opción, nós queremos reflectir ese debate", conclúe Rubén Pardiñas.

 

A idea gañou o concurso de curtas documentais en 2006

O proxecto de Fronteiras naceu hai máis dun ano, en forma de curta documental de cinco minutos sobre o limiar astur-galáico, que foi presentada ó concurso do Festival de Tui 2006 e gañou. O premio, patrocinado por AVID Technology consistía na rodaxe dunha longa baseada na mesma idea.

O traballo de producción correu a cargo de Pascana Films S.L. e agora será AVID a encargada de promocionar e distribuír esta cinta que terá a súa primeira proxección pública nesta fin de semana.

BIOGRAFÍA

Chegado das Belas Artes

O director do filme, Rubén Pardiñas (Vigo, 1976), é Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e Diplomado en Cinematografía pola Escola de Cinematografía e Audiovisual da Comunidade de Madrid (ECAM).

Anteriormente traballou como director artístico é e autor dos libros Emancipación, ¿de qué? Una visión pragmatista del arte contemporáneo (XII Premio Espais a la Crítica de Arte, Girona, 2001) e de varios artigos en medios especializados na arte comtemporánea.