"A fábrica/ é unha grande caldeira/ de ruído e de sombras./ Fóra dela,/ sobre os xuncos e a arxila pasmada/ os corvos que pasan cada mañá/ observan con milenaria estrañeza/ o confinamento espiritual dos homes/ no dominio do parco metal." O poeta Alfredo Ferreiro recrea con versos coma estes no seu libro Metal central a súa experiencia como traballador dunha empresa do sector que estes días está a protagonizar tantas portadas de xornais.
O poemario, editado por Espiral Maior, foi presentado onte. "Durante uns anos traballei nunha fábrica de 18.000 metros cadrados na que o ferro acadaba os 1.300 graos de temperatura. Un lugar cheo de ruído, con moita escuridade de noite... Comecei como obreiro, e, malia que tiña unha filoloxía, era o máis inculto de todos en temas de mecánica, electricidade...", comentou.
O libro reflicte a sensación desacougante que ao autor lle producía a fábrica. Ferreiro reflexiona sobre o paso do tempo, a relación entre as máquinas frías, precisas e poderosas, e os homes, fráxiles pero dotados de alma, corazón e cerebro que as máquinas non teñen e precisan, a oposición entre a nave a a aldea na que se sitúa...
"Non quixen facer unha reivindicación laboral. Si reivindicar os humanos como o máis importante da fábrica. O libro está dedicado aos que foron os meus compañeiros, e xurdiu dunha necesidade miña de volver á poesía. O traballo foi duro, pero tamén tiven os meus triunfos, e este é un deles", sinalou. "Tamén digo que se foramos tan flexibles coma o metal, se tivesemos máis capacidade de adaptarnos, poderiamos ser máis felices", engadiu.
O libro, cuxa portada foi ilustrada por Alberto Esperante, apunta ao confinamento que pode producir o mundo do traballo, nunha sociedade deshumanizadora, que constrinxe a creatividade... "Moitas veces aparcamos as necesidades que temos internamente, as que nos levarían a cumprir o noso destino, por preconceitos, imposicións, por non ser capaces...", cre.