imprimir

APPLE

Máis posibilidades

31.01.2010 O Ipad abre novas oportunidades no sector editorial despois de varios anos en crise

PAULA GIL . SAN FRANCISCO

Cobrar polo que pode lerse de balde na rede é difícil e os ingresos por publicidade en liña son baixos, pero a chegada do iPad de Apple podería abrir novas oportunidades para o sector editorial tras varios anos de crises. O iPad non vai, por suposto, entrar automaticamente en todas as casas, pero o éxito doutros aparellos da firma estadounidense lanzados recentemente como o iPod e o Iphone permiten augurar un éxito semellante.

Os expertos vaticinan xa entre dous e cinco millóns de unidades vendidas durante o primeiro ano e ingresos para Apple de entre 2.800 millóns e 3.500 millóns de dólares grazas ó iPad, presentado o mércores en San Francisco (EEUU). Desta vez Apple decidiu cambiar de estratexia e, no canto de lanzar o seu novo produto a un prezo elevado para baixalo despois progresivamente, decidiu ofrecer o iPad a partir de 499 dólares en EEUU, a metade do que se esperaba, para facelo accesible a un público máis amplo.

O iPad é, ademais, intuitivo e moi similar ó Iphone, polo que o novo aparello será moi familiar para os millóns de persoas que xa compraron o teléfono en todo o mundo. Pero o iPad conta cunha gran vantaxe que non ten o Iphone. Namentres que a poucos se lles ocorre ler o xornal ou un libro na pequena pantalla do teléfono, a pantalla táctil de 9,7 polgadas do iPad -cunha gran calidade de gráficos e posibilidade de incluír vídeo- fan del teoricamente un lector perfecto para case todo tipo de publicacións dixitais e abren a porta a novos tipos de anuncios e maiores ingresos publicitarios.

Especialmente para as revistas, cuxo contido gráfico e multicolor resulta imposible de reproducir en moitos dos e-books actualmente no mercado, as posibilidades de negocio son enormes.

O novo dispositivo de Apple tamén ofrece unha nova vía de distribución para os xornais, como The New York Times, que participou na presentación do iPad. A versión para o aparello do diario estadounidense permite ampliar artigos co dedo e ver vídeos relacionados coas noticias, pero algúns expertos expresaron xa a súa decepción ó constataren que non hai moitas diferenzas coa versión online do xornal.

No mercado literario, Apple asinou acordos con cinco grandes grupos editoriais, entre eles Penguin e Hachette, e en breve espera incluír moitos máis.

Steve Jobs, conselleiro delegado e cofundador de Apple, explicou na presentación que un sector clave para o iPad serán tamén os libros de texto. O aparello permite adquirir os contidos a través da nova tenda iBookstore, que mostra as cubertas dos libros e das revistas nun orixinal andel e funciona de forma parecida á tenda iTunes para o iPod e a de aplicacións para o Iphone.

David Young, conselleiro delegado de Hachette Book Group, afirma nunha entrevista en The Wall Street Journal que a súa compañía empezará a publicar practicamente todos os seus títulos en formato dixital o mesmo día que as edicións de tapa dura. Ata o de agora, as editoriais preferiran esperar coas edicións dixitais dalgúns libros para aumentar as vendas en papel, pero espérase que este costume empece a desaparecer e máis editores sigan os pasos de Hachette.

A pregunta do millón é que influencia terá o iPad nos actuais acordos das editoriais con outros fabricantes de lectores de libros electrónicos e se aquelas insistirán en ter as mesmas condicións que lles ofrece Apple, máis vantaxosas en prezo.

Doutra banda, Apple debe solventar aínda un outro atranco, xa que o grupo xaponés Fujitsu estuda emprender medidas legais contra a empresa americana polo uso da marca iPad no seu último ordenador de tableta, xa que a empresa nipoa bautizara con ese nome un dos seus dispositivos en 2002.Ao día seguinte de que Apple presentase o seu esperado iPad, unha voceira de Fujitsu en Toquio confirmou que o grupo nipón solicitou o rexistro desa marca en EEUU en 2003, aínda que o proceso aínda non está pechado. Agregou que polo momento Fujitsu está estudando a situación antes de emprender calquera acción en relación a Apple.

As revistas en liña serán as grandes beneficiadas pola chegada do novo aparello de Apple, xa que o seu contido gráfico e multicolor resulta imposible de reproducir en moitos dos e-books que actualmente están no mercado, polo que as posibilidades de negocio son enormes

Prezos dos libros aínda moi caros

Os prezos que ofrece a libraría do iPad son, polo de agora, máis altos cós que teñen no mercado as marcas da competencia. Namentres que o Kindle de Amazon, por exemplo, cobra 9,99 dólares por libros publicados recentemente, os mesmos títulos custarán entre 12,99 e 14,99 dólares no iPad, dos que Apple quedará cunha comisión do trinta por cento.

Melloras para os futuros lectores

Sarah Chubb, presidenta da editorial Condé Nast Dixital, salientou que a compañía está organizando xa un departamento interno de publicidade para concentrarse nas mellores estratexias para usuarios de lectores de libros electrónicos, que ata o de agora non ofrecían calidade de imaxe suficiente para as cabeceiras da compañía, cousa que agora o Ipad lles proporciona, o que fará mudar a súa política.

Pantalla pouco relaxante para ler

Os expertos opinan, con todo, que o iPad non será tan exitoso como para varrer ó resto dos e-books do mercado e consideran que seguirá existindo competencia. Outros aparellos como o Kindle ofrecen, por exemplo, vantaxes como un menor peso, un prezo máis baixo e unha pantalla menos luminosa e máis relaxada para a vista.

 

Influencia no sector dos xogos

Outra cuestión será a influencia que terá o novo aparello de Apple en sectores como o das producións audiovisuais ou o dos videoxogos. A súa pantalla converte o iPad nunha especie de minitelevisor de alta definición, moito máis atractivo que, por exemplo, as consolas de pequeno tamaño actualmente no mercado. Agora só falta unha oferta ampla de videoxogos para este novo aparello.

enrede@galicia-hoxe.com