imprimir

Laporta anuncia que votará en contra da investidura de Mas por rexeitar a declaración unilateral de independencia

29.11.2010

EFE . BARCELONA

O líder de Solidaritat Catalá per a Independència (SI), Joan Laporta, anunciou hoxe que o seu partido votará en contra da investidura do candidato de CiU, Artur Mas, por rexeitar a declaración unilateral de independencia.

Vistos os bos resultados obtidos onte nas eleccións catalás, con ao redor de 102.000 votos -un 3,1 por cento do total- e catro escanos, Laporta tamén explicou en rolda de prensa en Barcelona que a súa formación se presentará ás próximas eleccións municipais de maio de 2011, e pechou a porta a presentarse nas xerais.

Laporta valorou moi positivamente os seus resultados, que cualificou de "éxito sen precedentes", xa que SI é "unha das tres forzas que gañou escanos".

O ex presidente do F.C. Barcelona reiterou que a cidadanía "quere que goberne CIU", á que recordou que pode seguir a vía autonomista, que levaría SI á oposición, ou a vía da independencia, na que atoparía o seu apoio.

Laporta asegurou que, salvo se se compromete a avanzar cara á independencia, feito máis que improbable, SI votará en contra de Mas no debate de investidura.

Así mesmo, o líder soberanista descartou unha posible abstención do seu partido na investidura porque, dixo, "parecería que tamén validamos" a opción dun goberno de CIU.

Laporta compareceu ante os medios franqueado polos seus dous compañeiros de partido e deputados electos por Barcelona, Alfons López Tena e Uriel Bertran.

Sobre a fragmentación do voto independentista, Laporta, recordou que, ademais dos votantes que optaron por SE, ERC ou Reagrupament -que quedou sen representación-, hai unha parte importante destes electores que preferiu apoiar a CIU coa intención de desbancar o tripartito do Govern.