Unha nova xeración de videoxogos demostra que fronte á pantalla dun ordenador non todo é sexo e destrución, tamén é posible "xogar" a encontrar solucións estábeis para os máis urxentes problemas mundiais.
Coñecidos como os "xogos serios", estas variantes rompen co estereotipo dos mundos de fantasía habitados por tipos violentos, para suxerir unha experiencia innovadora: a de mergullar momentaneamente o usuario nas apremantes crises do mundo real.
Os seus deseñadores e partidarios son unha amálgama de programadores informáticos, activistas, empresarios e representantes de organizacións como Nacións Unidas que apostan polas consolas e monitores como ferramentas de comunicación e cambio social.
O "movemento de xogos serios", como se coñece o grupo, busca pór nenos, adolescentes e adultos na pel dos pobres, os inmigrantes, os refuxiados e as vítimas do terrorismo.
"A xeración que medrou con Super Mario está a entrar no mercado laboral e a política, co cal ven estes xogos como outra boa ferramenta para se comunicar", di Henry Jenkins, catedrático do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MTI).
Os promotores dos "videoxogos con conciencia", moitos destes gratuítos e cun número crecente de seguidores, asistiron a fins de xuño pasado ao terceiro congreso "Games for Change" ("Xogos polo Cambio"), celebrado en Nova York. Alí presentouse a nova xeración de xogos concienciados, como "Peacemaker", que desafía os xogadores a asumir posicións nun ou outro bando do conflito israelí-palestino, co obxectivo de chegar a unha solución pacífica e estable.
Deseñado por estudantes da Universidade Carnegie Mellon baixo o lema de "o videoxogo para promover a paz", "Peacemaker" descargarase desde a páxina web peacemakergame.com a fins de ano.
En "A Force More Powerful", un xogo creado polo International Center on Nonviolent Conflict, os activistas poden converterse en estrategas de boicots efectivos e demostracións non violentas a prol da democracia, a paz e os dereitos humanos.
De forma similar, "The Organizing Game" ofrécelles a grupos de resistencia ferramentas básicas para organizar as comunidades, e de feito foi utilizado efectivamente por máis de 20 organizacións de activistas en California.
O xogo lánzase o próximo mes en organizinggame.org, e a versión en español estará dispoñible en 2007. Outro xogo que sairá proximamente, en setembro ou outubro, é "Squeezed" ("Espremido"), que converte os xogadores en "xornaleiros", inmigrantes ilegais que dan con xefes inxustos e malas colleitas no sur de Estados Unidos.
Desenvolvido por estudantes da Universidade de Denver, en Colorado, o xogo estará dispoñible na rede universitaria da canle de televisión MTV, mtvu.com.
"Darfur is dying", cara a cara coa vida real da guerra
O seu xogo "Darfur Is Dying" ("Darfur está morrendo) mete o xogador na pel de un dos 2,5 millóns de refuxiados que loitan por sobrevivir na conflitiva zona de Darfur, en Sudán, e anímaos a tomar accións na vida real.
O xogo xa conta con máis de 800.000 xogadores desde o seu lanzamento en abril, segundo a súa deseñadora, Susana Ruiz, para quen "a meta é chegar a esas persoas que non necesariamente len o New York Times nin ven un documental sobre Darfur, nin son activistas".
Pero o xogo realmente creado pola ONU é "Food Force", no que os usuarios emprenden unha carreira contrarreloxo para salvar da fame a millóns de persoas en todo o mundo. Dispoñible de forma gratuíta en food-force.com, o xogo xa superou os catro millóns de descargas en apenas 15 meses.