Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

POR NAVEGAR AO DESVÍO

27 de xaneiro

Estévez
Estévez

CARLOS CALLÓN   | 24.01.2011 
A- A+

No filme O xefe de todo isto, dirixido por Lars Von Trier, o dono dunha fábrica de tecnoloxía, para ser amigo dos traballadores e que non o vexan como un distante e cruel xefe, finxe ser un simple delegado das ordes que lle chegan dun imaxinario presidente. Así, transmite apesarado e cómplice cos afectados as decisión máis incómodas: el non manda, non ten alternativa.

Cando decide vender a empresa, coas consecuencias negativas que terá para os traballadores, non lle queda outra que contratar un actor para que interprete o papel do xefe que estivera ausente todo este tempo. O comediante chega a pórse tanto no papel que actúa coa lóxica da súa personaxe mesmo cando o seu finximento se descobre.

Non parece unha parábola perfecta do que está a acontecer nestes momentos no Estado español? O goberno democraticamente elixido no Congreso dos Deputados, a través das deputadas e dos deputados saídos das últimas votacións, presenta que todas as medidas que están a adoptar, que non levaban no seu programa electoral, son para satisfaceren as demandas dun etéreo, voraz e implacábel amo denominado Mercado. Non son eles, é o xefe de todo isto o que ordena a conxelación das pensións para 2011, a supresión da axuda ás paradas e aos parados que non cobran outra prestación, a redución dos salarios do persoal das Administracións Públicas, a reforma laboral que abarata e facilita o despedimento, a privatización das rendíbeis empresas públicas AENA e Lotarías do Estado, etc.

Slavoj ?i?ek, entre outros lugares no seu libro O espectro segue a roldar (editado entre nós por Laiovento), sostén que unha das diferenzas fundamentais entre o socialismo e o capitalismo está en que no primeiro sistema hai a quen botarlle as culpas. O pensador esloveno escribiuno moito antes de que estourase a actual crise, mais é inmersos nela como podemos comprender mellor o alcance das súas palabras. Os gobernos democraticamente elixidos irresponsabilízanse publicamente das súas funcións e amósanse como simples títeres do omnimpotente Deus Mercado, que quere manter o seu lucro, aínda que sexa a custo de aumentar as fendas sociais e desprotexer as maiorías sociais. Non son necesarias máis filtracións de wikileaks nin máis thrillers sobre conspiracións: quen manda está ao descuberto.

Ante esta situación, convértese en urxentemente necesario reactivarmos a musculatura social e tornarmos á rúa. Penso que por iso é un acerto a convocatoria de folga xeral realizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o primeiro sindicato de toda Galiza en número de afiliadas e afiliados e o segundo en número de delegadas e delegados. É un pulso moi forte para levalo adiante sen a compaña das outras dúas grandes organizacións sindicais, de obediencia estatal, polo que é máis oportuno agradecer as tarefas e responsabilidades que puxeron sobre as súas costas.

Campaña

Ademais do propio labor de mobilización para parar Galiza este día 27, é fundamental o labor de formación e información que se está a desenvolver: realización dunha páxina web específica con argumentos para o debate (folgaxeral.galizacig.com), un vídeo explicativo sobre o que na realidade se está a facer coas pensións, etc. Son datos que se vaporizan na inmensa maioría dos medios de comunicación, máis atentos a multiplicaren falsidades como que o sistema público de pensións está en perigo.

Comprobando as fontes limpas, obsérvase que tal afirmación é unha falacia, que funciona como argumento do xefe de todo isto para nos presentar como irremediábeis as súas decisións. A verdade é que non ten a ver coa crise económica que o Goberno central dificulte o acceso ás pensións e reduza a súa contía. Ollo a estes datos para confrontar coa machacante propaganda oficial:

-En ningún estado da Unión Europea se supera nestes momentos a idade legal dos 65 anos. De feito, no que respecta á media da idade real de xubilación, o Estado español está nunha das cotas máis altas da Unión, con 62,6 anos segundo os últimos datos.

-Os estudos pagos pola banca, que sinalaban que o sistema público de pensións entraría axiña en quebra, apuntaban en 1995 que na actualidade o Estado tería só 39 millóns de persoas, cando a realidade é que ten 8 millóns de habitantes máis. Investigacións máis recentes, de 2005, consideraban que en 2010 habería 7,6 millóns de pensionistas, cando a realidade son 200.000 menos; os cotizantes á seguridade social serían para estes oráculos 13,9 millóns, cando a verdade é que son 17,8 millóns...

-A seguridade social, aínda en plena crise e cun 20% de desemprego, segue a ter superávit.

Non quero finalizar sen convidarvos a todas e a todos a participardes na convocatoria de mobilizacións que se van realizar en diferentes puntos do país este día 27, así como animarvos a que asinedes e difundades o manifesto de apoio dispoñíbel na rede (https://sites.google.com/site/adhesionsfolgaxeral/listaxe-de-adhesions). Na nosa man está construírmos un mundo máis xusto e máis democrático. Paramos para avanzar..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS