Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 24.10.2014  | Actualizado 10.22

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

POR NAVEGAR AO DESVÍO

Amigos e sodomitas

CARLOS CALLÓN   | 13.06.2011 
A- A+

Estou feliz. Na semana que hoxe comeza chegará ás librarías o meu traballo Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, que hai un par de meses foi galardoado co premio Vicente Risco de Ensaio 2011. Non podo deixar de manifestarme agradecido por este recoñecemento ás entidades convocantes (Fundación Vicente Risco, editorial Sotelo Blanco, Concello de Allariz e Concello de Castro Caldelas) e aos membros do xuri (Fernando Acuña Castroviejo, Teresa Devesa Graña, Xosé María Eguileta Franco, Francisco Fernández Rei e Luís Martínez-Risco Daviña).

O primeiro acto de presentación desta pesquisa -cuxa elaboración ocupou parte do meu escaso tempo libre dos últimos anos- será esta cuarta feira 15 de xuño ás 19.30 h na Galería Sargadelos de Barcelona (rúa Provença, 276), coa compaña de Olegario Sotelo Blanco e Helena González. Convidadas e convidados ficades, se andardes ese día pola cidade condal.

Se non for o caso de estardes por aló, xa vos vou adiantando que a presentación formal en Galiza se realizará o 28 de xuño na libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Ou mellor dito: terá como punto de encontro a libraría Couceiro. Alí combinaremos as persoas interesadas para despois facermos un percurso por algúns espazos da homosexualidade na Idade Media compostelá. Visitaremos a rúa onde vivían Sancha e María, satirizadas no século XIII polo seu amor; confrontaremos a evolución das representacións do santo galego Paio, de efebo desexado polo califa de Córdoba a soldado homófobo da Cristiandade; repararemos en representacións positivas das relacións entre dous homes nalgunha arte relixiosa, etc. Agardo que o itinerario sexa interesante e proveitoso.

Esta presentación non se fará o 28 de xuño por casualidade. Lembremos que nesta data é cando se celebra internacionalmente o Día do Orgullo, Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual, aínda tan necesario. Faise nesa xornada non porque este volume sexa un panexírico (é unha investigación feita co maior rigor posíbel, aínda que procurando tamén un afán divulgativo); faise nesa xornada porque os documentos que se amosan neste volume demostran -máis unha vez!- o proceso de falsificación da historia das opcións sexuais.

Tal falsificación persiste no tempo presente, en que nos encontramos con quen quere facer pasar por obxectividade o que non é máis que homofobia ou, como pouco, prexuízo. Repárese, por exemplo, en que a pesar de que este libro aínda vai chegar esta semana ás librarías, xa tivo algunha crítica negativa. Como xa retruquei no seu momento, o mínimo exixíbel é facer as reseñas de obras que se lesen. Desde aí -polo tanto, desde agora, que a obra chega ás librarías- é cando o debate é posíbel e enriquecedor, por ser factíbel un verdadeiro contraste de ideas e opinións.

Para amosar ben os alicerces documentais do libro Amigos e sodomitas, o camiño de cada capítulo trazarao un texto (literario, historiográfico ou xurídico), cuxa observación permitirá dialogar con outros escritos e entrar en análises máis profundas sobre a historia das opcións sexuais, a percepción e/ou vivencia das relacións sexoafectivas intermaculinas ou interfemininas e da diversidade amatoria, a configuración da intolerancia e o silenciamento, etc. A través de saltos adiante e atrás ao longo da época medieval, trato de ofrecer perspectivas amplas, tentando, ao tempo, non caer no atomismo á hora de explicar as partes.

Aínda que ilumine estes textos cos focos dos estudos xa existentes que estiveron ao meu dispor, parto sobre todo do que eles mesmos transmiten e avanzo sobre eles na reflexión ao longo dos capítulos. Porque, como advertía Sherlock Holmes no Escándalo en Bohemia, "é un erro capital teorizar antes de ter os datos. Sen se decatar, un comeza a deformar os feitos para os adaptar ás teorías, en troca de adaptar as teorías aos feitos".

Ademais de códigos legais, crónicas históricas, prosa literaria e poesía relixiosa, unha das fontes de que máis tiro proveito en Amigos e sodomitas é do corpus cancioneiril profano galego-portugués medieval, cuxos textos conservados abranxen de finais do século XII a mediados do XIV; como se sabe, nesta época é o romance lírico por excelencia en case todas as cortes señoriais peninsulares, quitando as orientais, onde se troba en occitano. Por certo, o lesbianismo no trobar occitano foi un dos temas que abordou a pasada fin de semana María Xosé Queizán como mantedora do acto de entrega dos Premios Xerais 2011. Recomendo a lectura do seu discurso, titulado "Escribir en nome propio". Fai pensar.

Entre os textos consultados, cotexados e citados na pesquisa Amigos e sodomitas salientan, ademais da xa indicada lírica profana galego-portuguesa, as Cantigas de Santa María, A Demanda do Santo Graal, a haxiografía Passio Pelagii de Raguel, os códigos lexislativos que son as Ordenações de Afonso V, as Sete Partidas de Afonso X e o Foro Xuzgo, así como varios escritos historiográficos (algúns hoxe catalogámolos como prosa de ficción, mais probabelmente non eran considerados así na altura): a Crónica Troiana, a General Estoria, a Historia Compostelana e a Crónica de Santa María de Iria.

Algúns destes textos depárannos sorpresas que nos obrigan a repensar e revisar tamén as conclusións a que chegaron algúns pensadores referenciais como Michel Foucault, aínda que moitas veces talvez teñamos que quedar coa palabra na boca e atrevernos só a formular novas preguntas. Do que non cabe dúbida en ningún caso tras ler estes documentos é que a homofobia, si, ten unha historia, non é eterna nin intrínseca ao ser humano; nin tan sequera intrínseca ao cristianismo..

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS