Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

POR NAVEGAR AO DESVÍO

O amor de Sancha e María

CARLOS CALLÓN   | 20.06.2011 
A- A+

No seu discurso como mantedora dos premios Xerais 2011, María Xosé Queizán amosounos un poema asinado por unha trobadora occitana, unha trobairitz, que tiña como cantado obxecto de desexo outra muller. A autora d"O despertar das amantes indicounos tamén que houbera bastantes esforzos da crítica contemporánea para tentar evitar a tan explícita lectura lésbica.

No trobadorismo galego-portugués aconteceu un procedemento semellante por parte da crítica cun par de composicións que falan de relacións homosexuais masculinas: unha cantiga de autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos e outra de Pero da Ponte. Porén, non hai nada que se lle pareza ao caso que nos comentou María Xosé Queizán, entre dúas mulleres. Dificilmente podería ser, claro, cando das ruínas que conservamos do noso esplendor trobadoresco baixomedieval non temos nada que nos faga nin intuír que houbese tan sequera versos escritos por esa discriminada metade da humanidade.

No caso galego-portugués o lesbianismo só aparece como elemento temático nas cantigas satíricas e protagonizado por soldadeiras, por prostitutas -aínda que algúns, como o historiador José Mattoso, coidan que tamén habería que englobar aquí outros textos referidos a monxas, que eu non vexo moi claros-. A súa situación marxinal facía posíbel que mantivesen uns vencellos entre elas, mesmo con certo cariz público, que serían inviábeis para outras mulleres.

A dúas destas soldadeiras do século XIII que foron satirizadas polos seus relacionamentos sexuais ou afectivos con outras mulleres coñecémolas polo nome: Sancha e María. Delas mesmo sabemos que foron vivir á rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, ben pertiño da catedral. As súas figuras, que trato máis polo miúdo nun dos capítulos do ensaio Amigos e sodomitas, terán un protagonismo especial cando o vindeiro 28 de xuño se realice o roteiro sobre a homosexualidade na Compostela medieval (lembrade: o punto de saída é a libraría Couceiro ás 20.00 horas e a asistencia é libre).

Os nomes de ambas aparecen no texto "Direi-vos ora que oí dizer", escrito por Joán Vasques de Talaveira. Reparemos en como a referencia á "manceba" se presenta literal xa desde o terceiro verso:

"Direi-vos ora que oí dizer, / de Maria Leve, assi haja ben / pola manceba: que se desavén / dela; e pois lh" ali non quer viver, / ena Moeda Velha vai morar / Dona Maria Leve, a seu pesar.

Ca atal dona com" ela guarir / non pod" ali, se manceba non ha; / e vedes que oí, amigos, ja: / que, pois que se lh" a manceba quer ir, / ena Moeda Velha vai morar / Dona Maria Leve, a seu pesar.

Ca diz que morará ali mal e alhor, / poi-la manceba sigo non houver; / e contra San Martinho morar quer, / pola manceba: que, xi lh" ora for, /ena Moeda Velha vai morar / Dona Maria Leve, a seu pesar.

Ca non pod" a manceba escusar, / se na Moeda Velha non morar."

O problema con que se satiriza a Maria Leve é que ela non querería ter a súa residencia na zona de prostitución que era na altura a Moeda Vella, rúa que, con certeza, tal e como sinala a composición, está "contra San Martinho" Pinario. A erradicación da prostitución extramuros das cidades aínda tardaría en chegar.

Na Idade Media, o fenómeno do acompañamento sexual remunerado valorábase como un "mal necesario, por canto contribúe a defender a honra das mulleres, evitando ou facendo diminuír as agresións sexuais e reducindo o número de adulterios", seguindo as palabras de Esther Corral. É por iso que, neses tempos, mesmo no centro de poboacións como Barcelona encontramos distintivos públicos, ostensíbeis porén relativamente discretos e codificados, para indicar cando se está a entrar nunha zona cun bordel próximo. Algúns destes sinais en pedra aínda se manteñen hoxe para testemuñar ese pasado.

Como era de agardar nun momento en que o equívoco ou aequivocatio -tan citado na nosa fragmentaria Arte de Trovar- se considera unha virtude da dicción, o trobador Joan Vasques de Talaveira alimenta a existencia de varias lecturas no mesmo texto.

Por exemplo, pódese hipotetizar con que estea aquí presente un xogo de palabras en "Leve", que pode funcionar non só como un alcume, senón tamén como verbo, cuxo suxeito é a manceba, que deberá levar á súa compañeira para que "assi haja ben" (v. 2), por máis que sexa "a seu pesar" (refrán). Así mesmo, a ironía fai aparición no suposto disgusto de María Leve por ter que ir habitar nunha zona de prostitución, ríndose así duns remilgos inagardados en quen xa exerce como meretriz, como xa sabería o público que ouvise esta composición.

O outro aspecto co que xoga o poeta é co sutil sobreentendido sobre a relación que mantén Maria Leve coa súa manceba, que é o suficientemente intensa como para que teña que ir vivir alí onde o decida ela.

Estas vinculacións tan intensas entre dúas soldadeiras aparecen en máis cantigas, como este incompleto texto de Afonso Eanes do Cotón que parece ter -en palabras de Manuel Rodrigues Lapa, na súa monumental edición do noso corpus satírico medieval- "uma insinuação maliciosa de relações de sexo":

"Traj" agora Marinha Sabugal /?a velha que adusse de sa terra, / a que quer ben, e ela lhi quer mal; / e faz-lh" algo, pero que [muito] lh" erra; / mais ora quer ir moiros guerreiar, / e quer consigo a velha levar / mais a velha non é doita da guerra."

Hai ademais unha outra breve cantiga do mesmo Joán Vasques de Talaveira que podería -como hipótese- ser o reverso da que ten como incipit "Direi-vos ora que oí dizer". A aparición dunha Maria e do termo leve no primeiro verso podería apuntar a que entra dentro deste contexto, de forma que o "amor" ao que se fai referencia é ao existente entre ambas, o cal conduciría ao trobador ao fracaso nas súas pretensións de relacionamento con Sancha:

"Sancha Perez leve vós parecedes / e pero eu sei que mi vós mal queredes, / non xi m" obrida o amor de Maria.

Bon doair" havedes e manso falades / e pero eu sei que me vós desamades, / non xi m" obrida o amor de Maria."

É lindo observar como se fai referencia ao "amor" (sic) entre dúas mulleres na Compostela do século XIII. Mágoa que a súa aparición e o seu coñecemento só sexa grazas a dous textos burlescos, onde os emparellamentos lésbicos son escusa ou argumento para a sátira..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS