Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 22.05.2013
| Actualizado 14.10
Noticia 1 de 1
Portada |
RSS
Antón Reixa reivindica o papel de "cooperativa" para a SGAE fronte ao modelo de "yonki do diñeiro" de Teddy Bautista
SANTIAGO. EP | 18.03.2012
O candidato a presidir a Sociedade Xeral de Autores (SGAE), Antón Reixa, asegurou que esta entidade "non debería ser percibida como un poder fáctico", senón que "dalgunha forma é unha cooperativa" para xestionar conxuntamente os dereitos de autor. "E creo que é un ben da sociedade civil", apostilou.
Nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España, que recolle Europa Press, Reixa contrapuxo o novo camiño que se propón iniciar na SGAE coa súa candidatura fronte ao modelo do expresidente Teddy Bautista que "se converteu nun profesional dos dereitos de autor".
Tras valorar a carreira artística de Bautista, Antón Reixa criticou que o seu "último salario foron 350.000 euros" á fronte desta entidade, polo que cre que se "ao presidente da SGAE lle pagas 350.000 euros estás a fabricar un monstro, un yonki do diñeiro que non vai querer volver regresar á súa actividade normal".
Así, Reixa defendeu o papel da SGAE na sociedade, ao tempo que xustificou que sexan os propios autores os encargados de recadar o resultante dos seus dereitos de autor, fronte á "febre neoliberal" para que esta función a desempeñe a Administración "ou managers", polo que confía "máis" na "autorregulación da propia industria cultural".
"O dereito de autor é unha forma bastante máis ecuánime do que normalmente poidamos pensar respecto á remuneración dos creadores", xustificou, para explicar que "se a sociedade en conxunto funcionase así, todas as actividades económicas serían máis xustas e retributivas".
Así mesmo, considera que a Rede Arteria "supuxo unha dexeneración do que era un bo propósito", en relación á débeda producida e apostou por "reestruturala" e "desfacerse" dela.
© 2013 www.galiciahoxe.com
Todos os dereitos reservados. Prohibida a
reprodución total ou parcial do contido sen a
expresa autorización do propietario.