Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 15.08.2018 Actualizado 18:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

As alegacións á mina de ouro de Corcoesto aluden ó subministro de auga, a contaminación e o cianuro

Foron presentadas pola Plataforma de defensa da localidade ante o proxecto extractivo

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 06.06.2012 
A- A+

A Plataforma pola defensa de Corcoesto está moi activa estas últimas semanas por mor do proxecto da mina de ouro nos terreos desa localidade do concello de Cabana de Bergantiños. Realizaron consultas a numerosos profesionais expertos nas tarefas de extraccións e presentaron as alegacións que, en esencia, van dirixidas ao uso de cianuro, á contaminación, ás vías de comunicación e ao subministro de auga aos veciños.

Nunha nota de prensa afirma o seguinte:

"Durante esta última semana, a petición dos afectados, a Plataforma pola defensa de Corcoesto ven de facer unha labor de divulgación e recollida de firmas en apoio das alegacións ao Proxecto de explotación, Estudo de impacto ambiental e Plan de restauración da mina de ouro que se pretende explotar a ceo aberto en Corcoesto, afectando aos Concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco. Finalmente, agradecendo o apoio de case 1.300 firmantes afectados e solidarios, as alegacións foron presentadas este martes 5 de xuño na Xunta de Galicia por membros da Plataforma pola defensa de Corcoesto.

"Ademáis da elaboración destas alegacións acompañadas por informes técnicos avalados por expertos en diferentes enxeñerías, xeólogos, biólogos, químicos, avogados, medio ambiente, etc. a Plataforma pola defensa de Corcoesto tamén asesorou aos veciños en calidade de afectados na presentación das súas propias alegacións. Nelas esíxenlle garantías á empresa, como o mantemento do suministro de auga potable no caudal e calidade que se vén disfrutando dende sempre e de maneira gratuita, o mantemento das comunicacións viarias, que en algúns casos desaperecen e non se lles dá solución no proxecto, o control da contaminación acústica debida ás voladuras, ao transporte pesado e á planta de tratamento, o rexeitamento ao emprego de cianuro polas afeccións á saúde, ao impacto paisaxístico, etc.

"Este proxecto, que se atopa por un período de 30 días en exposición pública dende o pasado 2 de maio, segundo resolución do 20 de abril, pretende ser promovido pola promotora como Proxecto Industrial Estratéxico, segundo Lei 13/2011 de 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia. De conseguir esta cualificación de Proxecto Industrial Estratéxico, a empresa promotora quedaría exenta do cumplimento de moitas normativas a nivel urbanístico e medioambiental, con vía libre para o trámite administrativo da expropiación, deixando indefensos aos afectados. Polo tanto, en virtude desta lei, a empresa debería presentar documentación referida ao proxecto de implantación, memoria descriptiva detallada das características técnicas, memoria xustificativa da forma en que a proposta dará lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á sua consolidación e da viabilidade económicofinancieira da actuación, idoneidade da ubicación, documento medioambiental e relación detallada de bens necesarios afectados. Omisións de documentación e irregularidades ou incompatibilidades con tal cualificación, son obxecto das primeiras alegacións presentadas pola Plataforma, contra a consideración de Proxecto Industrial Estratéxico. A tecnoloxía a empregar -baseada no emprego de cianuro- lonxe de ser innovadora, é obsoleta, prohibida en moitos países, rexeitada polo Parlamento Europeo, e non sustentable medioambientalmente, por tanto non se axusta ao emprego racional dos recursos naturais que impón a Lei.

"Tampouco favorece dita ampliación do tecido industrial galego, por ser unha actividade ademáis de caduca no tempo, baseada nun valor volátil no mercado, como o prezo do ouro, carecendo deste xeito de garantía suficiente para o cumprimento das obrigas de financiamento e viabilidade. Tamén carece de garantías para asegurar o cumprimento dun plano de restauración adecuado, e sen ningún tipo de responsabilidade civil suficiente para facer fronte a calquera dano ás persoas, aos bens, aos seres vivos, ao ambiente. A oferta laboral non é máis que unha mera relación, pois tampouco se presenta documentación que que xustifique os postos de traballo ou garantice a súa calidade. A idoneidade da súa ubicación é discutible, non así a súa internacionalización, pois é visto que será un país estranxeiro o beneficiario desta actividade industrial.

"Da relación entre a Plataforma e os afectados froito desta labor de divulgación e recollida de firmas é importante resaltar que a boa acollida que tivo reafirma a resposta social xeralizada ao proxecto, e engadir que existe afortunadamente entre os nosos veciños moita información (a pesar das trabas impostas nun primeiro momento desta exposición pública), tanta como preocupación polo futuro, que esta actividade caduca volve de repente incerto. Hai un sentir común que nos leva a unha mesma pregunta: E despois que?"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS