Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

As pitas cegas do Ulla

M. DE BRAN  | 18.12.2012 
A- A+

Unha mañá soleada de setembro atopeime cun señor sentado na beira do Ulla contemplando un espectáculo de chispazos de luz sobre as aguas desde río. Díxome que os producían as pitas cegas, porque emitían un gas por estaren en celo. E esta falsa crenza levoume a facer as seguintes observacións deste popular e fantástico insecto, sobre o que nunca me parara a pensar. Espero que sexan de utilidade para desterrar outras falsas crenzas populares.

Tensión superficial da auga

Por ser a auga tan coñecida, algúns humoristas téñena definido como un líquido incoloro, inodoro e insípido que hai algúns animais que a beben. En realidade, está constituída por unhas partículas tan pequenas que nin se poden ver cos microscopios de luz de máis aumentos, chamadas moléculas. E constan de tres átomos esféricos: dous pequenos de hidróxeno e un máis grande de osíxeno enlazado con eles mediante sendas unións, que reciben o nome de enlaces químicos.

Á súa vez, o átomo de osíxeno de cada molécula está unido con un dos dous de hidróxeno doutra das moléculas veciñas máis próximas que rodean a súa, mediante unha unión adicional máis débil denominada enlace hidróxeno. Se este enlace entre as moléculas veciñas non existise, a auga sería un gas á temperatura ambiente en vez dun líquido, coas súas moléculas invisibles movéndose ó azar, e chocando unhas coas outras coma as bólas nunha partida de billar. Polo tanto, este enlace é responsable das nosas vidas.

Pero as moléculas da superficie libre da auga, ó non teren outras veciñas por encima coas que unirse mediante o dito enlace hidróxeno nin mediante outras forzas atractivas máis débiles existentes entre estas moléculas chamadas forzas intermoleculares, forman unha tona que ofrece unha pequena resistencia a romperse denominada tensión superficial, que fai que algúns insectos poidan camiñar sobre ela sen afundirse.

Nomes que recibe e hábitat

O máis popular en Galicia destes insectos é a pita cega (Gerris lacustris), á que moitos lle chaman zapateiro, quizais por imitación do nome de "zapatero" que teñen en castelán. Outros nomes del en galego son: cabra cega, cabuxa, cabra lola, xastre, costureira, mariñeiro, paretrés, etc. E outros menos coñecidos por ser locais son: "tixeiras", en Rois (A Coruña); cagallos, en Trazo (A Coruña), etc. A razón de ter tantos nomes en galego débese a que esta lingua non foi normalizada mediante a escola, debido á secular represión lingüística dos gobernos españolistas. En cambio, en castelán só ten o dito nome de "zapatero" e de "tejedor, moito menos usado. No sucesivo usaremos o de pita cega, por consideralo o máis representativo.

Viven nas augas doces tranquilas dos ríos, lagoas, pozas, etc., desde o comezo da primavera ata ben entrado o inverno. Entón, a maioría delas retíranse a vivir entre as herbas e outras plantas de fóra da auga, da que foxen ó arrefriar. A temperatura ideal para elas é de 25ºC. Por iso abundan tanto no río Ulla medio, do que proceden as nosas observacións. Porque as augas deste río teñen unha temperatura idónea, chegando algún ano a alcanzar nesta zona 23 ou máis graos centígrados no mes de xullo, segundo os rexistros realizados dela na Estación ictiolóxica de Ximonde, do concello coruñés de Vedra. En cambio, nos ríos de montaña abundan menos, por teren as augas máis frías.

Descrición

Como pode verse na foto A, a femia é máis grande có macho (dimorfismo sexual). Ademais distínguese del polo tubo saínte de poñer os ovos (ovovípero ou oviduto), que lle sobresae ó final do abdome, como se pode apreciar nesta foto.

M.B.
Foto A. Macho (esquerda) e femia (dereita) de pita cega -
FOTO: M.B.

Teñen os dous o tronco alongado, da cor marrón polo lombo, que varía de escuro a claro segundo os exemplares. E pola barriga, na que se distinguen seis aneis, son da cor gris prateada. A cabeza delas é moi pequena, cun ollo negro saltón diminuto de cada lado, difícil de apreciar a simple vista, de aí o cualificativo de "cegas".

Na cabeza dispoñen dunha antena móbil flexible de catro segmentos de cada lado, cara a diante. E entre elas teñen unha trompa marrón alongada, coma as moscas.

Dispoñen de tres pares de patas delgadas coma fíos, por iso reciben o nome de paretrés. Son as pequenas de diante, que parten de debaixo dos ollos; as do medio, que arrancan da parte terminal do tórax e son as máis longas; e as traseiras, que se inxiren no extremo do tórax onde comeza o abdome, e son lixeiramente máis curtas cás do medio. E poden dobralas todas polo medio e por preto do extremo libre, coma as das persoas polos xeonllos e a xoga dos pés.

As lonxitudes dos membros da femia máis grande que observamos no Ulla medio a finais de setembro son as seguintes en milímetros: tronco, 18; patas do medio, 28; patas traseiras, 25; patas dianteiras, 13; antenas, 6; e trompa, 3. E non atopamos ningún exemplar máis grande neste río nin con ás, das que noutras terras teñen dous pares delas para desprazarse.

Nin o mellor enxeñeiro naval llelas podería dispoñer mellor, porque ó pousarse cos extremos delas na auga reparten o peso do corpo sobre eles de tal maneira que non afondan nin mollan a barriga. Ademais, deste modo poden nadar facilmente e cazar coas patas dianteiras cando queren.

M.B.
Foto B. Pata de pita cega vista cun microscopio -
FOTO: M.B.

Pero o máis sorprendente de tan alta enxeñería biolóxica é que teñen as patas e parte do corpo cubertos de pelos invisibles incluso coa lupa binocular por seren microscópicos, como amosa a foto B. As patas rematan con un pelo máis longo e duro (uña apical), e nalgúns casos con dous. Na parte final delas, entre as ditas uñas e o resto (tarso), os pelos son un pouco máis longos, e forman unha almofadiña repelente da auga (hidrófoba), cando esta non a soborda. E ó pousarse na auga sobre as súas seis almofadiñas hidrófobas, fórmanse ó redor delas unhas coviñas semiesféricas de aire, como indica a foto C, que semellan uns zapatos. En total calzan tres pares destes fantásticos zapatos. E de aí o seu nome de zapateiros.

M.B.
Foto C. Zapatos de pita cega -
FOTO: M.B.

Para verlles os zapatos cando nadan ou están paradas, hai que mirar na dirección adecuada para recibir a luz reflectida polas ditas coviñas, senón pasan inadvertidos. Polo tanto, este arcaico insecto usa un calzado e unha vestimenta da máis alta tecnoloxía.

A súa curiosa maneira de nadar

Cos seus zapatos flotan e nadan por encima da auga con gran facilidade coma cuns patíns, sen rozala coa barriga para nada, con moita maior facilidade cás barcas máis sofisticadas construídas polo home.

Se non se sostiveran a flote na auga, afogarían por non seren anfibias. E se flotan non é por ser moi lixeiras senón por sosterse a flote mediante o seu fantástico dispositivo de enxeñería biolóxica antes descrito. Pero necesita ser activado por elas senón afondan coma unha pedra, como sucede cando morren. Polo tanto, detrás deste sistema está a vontade e o segredo da vida destes animais.

Co sistema activado móvense por riba da auga a gran velocidade, preferentemente cara a adiante contracorrente. Pero só nas correntes moi débiles, por seren incapaces de vencer as fortes. E ó deterse na corrente, esta vólveas atrás. Despois repiten teimosamente o seu percorrido, adiante e atrás coma tecendo (por iso en castelán lle chaman "tejedor" a este insecto). E ó cansarse, retíranse a descansar nas augas paradas. E á sombra cando fai sol, porque as excita moito.

Nadan a saltos, por iso tamén lles chaman cabras lolas, por parecerse a estes animais e outros bóvidos con esta enfermidade, que os volve moi inquietos coma elas. Para moverse na auga usan as patas do medio de remos, e as traseiras de temón semidobradas pola metade, cos extremos libres rectos e paralelos, que os poden abrir ou cerrar para dirixir a marcha.

Durante o seu percorrido estiran as patas do medio todo canto dan cara adiante, que chegan á altura das dianteiras estiradas por diante da cabeza. Despois, empuxan a auga cos remos para tras coma os mariñeiros ó vogar, por iso se chaman mariñeiros coma eles. E de cada vogada avanzan un corpo ou varios, e despois descansan un pouquenín. Pero tamén poden facer veloces carreiras dun metro ou máis de lonxitude, remando tan rápido que a simple vista non se distingue un salto do anterior, semellando un movemento continuo.

Coas patas do medio estiradas para diante e as traseiras semidobradas que poden abrir e cerrar como dixemos, semellan unhas tesoiras. Por iso tamén se chaman "tixeiras" e costureiras.

M.B.
Foto D. Espectáculo de pitas cegas co sol do atardecer -
FOTO: M.B.

Como se moven con gran rapidez, as coviñas de aire ou pegadas na auga dos seus zapatos fanse e desfanse coa mesma rapidez, e dan lugar a varios fenómenos ópticos sobre a superficie libre da mesma. Desde lonxe, os días nubrados, semellan lixos na tona da auga. E desde cerca, figuran que están caendo pingueiras na auga, como se comezase a chover. Pero se brilla o sol ó outro lado do observador e do grupo delas, co que manteñen unha gran actividade, semellan unha gran lumieira de chispazos sobre a auga, debidos á reflexión da luz nas ditas coviñas. Este fenómeno recóllese na foto D, tomada en setembro ó cerrado da noite coas augas limpas na área recreativa do Areal (Berres, A Estrada), arriba da ponte de Sarandón. O espectáculo aínda é máis rechamante cando as augas baixan avoltas, por contrastar máis sobre elas a lumieira.

Cómo cazan e se reproducen

Cazan en manada, como indica a foto E. Coas antenas dispostas cara a diante detectan as presas (moscas, formigas, etc) e minúsculos seres animais e vexetais do plancto acuático, polas ondas que estas producen na auga. Aprésanas e suxéitanas coas patas de diante, para zugarlles o zume do seu interior coa trompa, por alimentarse por succión. E despois ocultan a trompa dobrada para tras, por debaixo da barriga.

M.B.
Foto E. Pitas cegas de cacería -
FOTO: M.B.

Contan os troiteiros do Ulla que cando andan por entre elas pescando coas pernas espidas, pícanos nelas coma as moscas, pero sen maior importancia. E ó encerralas nun bote de vidro para observar o seu teimudo comportamento, turran coma os carneiros contra as paredes del ata que se cansan.

M.B.
Foto F. Apareamento de pitas cegas -
FOTO: M.B.

Aparéanse como indica a foto F, quedando pegadas. As femias poñen os ovos ó comezo da primavera nas plantas nadantes das augas paradas, dos que saen as larvas entre os 12 e 20 días. E pasan por cinco etapas ou mudas, cada unha máis duradeira cá anterior. En total, tardan entre 60 e 70 días en facerse adultas.

Outros aspectos

Non son comestibles para os peixes, nin para os outros animais do río. Porque, como din na Ulla, "todo é leña". Nin se lles coñece ningunha utilidade, salvo a de purificar as augas para alimentarse. Pero a pesar de abundar tanto neste e noutros os ríos, non causan ningún maleficio para o home.

Resulta sorprendente que, sendo a nosa xente tan boa observadora da natureza, alcumase de cegas a estas fantásticas criaturas, quizais por non lles ver os ollos por ser diminutos. A verdade é que dispoñen dun sistema de visión estereoscópica extraordinario, que lles permite ver a gran distancia todo o que hai e se move ó seu redor. E esta vantaxe unida á súa gran axilidade para moverse, fan que sexan difíciles de pillar para observalas de cerca. Ou que os amantes dos animais as poidan coller para os seus acuarios. Pódense cazar cun copo ou unha rede á noitiña na beira do río, por mingúalles a visión coa luz feble. Pois despois aproveitar toda a luz do día de cacería, abeiran para pasar a noite coa manada.

A medida que vai arrefriando o río polo inverno e a canle del transformándose nunha forte corrente inhabitable, a maioría delas retíranse a vivir entre as herbas e as plantas das aforas del ata á primavera, por entre as que dan grandes saltos. Algunhas quedan concentradas nas augas paradas da beira do río, ata que vén unha enchente que as obriga a marchar. Pero ó pasar ela, volven para auga. E o río pasa, e elas permanecen.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS