Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

As Pontes toma o corazón de Madrid

Dous mil veciños, traballadores e camioneiros concéntranse ante o Congreso contra a morte da planta térmica de Endesa // A vila pontesa secunda unha xornada de folga, con todas as fábricas e comercios pechados

Veciños, traballadores da planta e transportistas concentrados ante o Congreso, en Madrid - FOTO: REMITIDA
Ver galería
Veciños, traballadores da planta e transportistas concentrados ante o Congreso, en Madrid - FOTO: REMITIDA

PATRICIA HERMIDA  | 16.10.2019 
A- A+

Dez mil almas viven en As Pontes. A vila consolidouse co funcionamento da central térmica de Endesa, desde 1976. E 43 anos despois loita pola súa supervivencia, con todas as súas forzas, ata as últimas consecuencias. Ata o Congreso dos Deputados chegaron hoxe máis de 2.000 veciños, traballadores e camioneiros para denunciar o anuncio de peche da planta. A marea de chalecos verdes tomou Madrid dun xeito pacífico pero con toda a forza da reivindicación laboral. En xogo está o futuro de 650 familias: 250 traballadores de Endesa, 250 das auxiliares e 150 camioneiros. E iso, sen contar cos empregos indirectos.

“Estamos máis unidos que nunca, queremos facer ruído para que se abrande o corazón dos gobernantes e por fin encendan a térmica”, indicaba Roberto González, un dos voceiros dos camioneiros. Os 140 transportistas que marcharon a Madrid saían o martes e fixeron noite en Villalpando (Zamora). Cos camións provocaron importantes retencións na A6, pero tiveron que deixar os veículos nunha área de servizo da M50 xa que non podían entrar no centro. Xa na concentración ante o Congreso, o alcalde Valentín González Formoso destacou que “estamos aquí para facer oír a nosa voz en demanda dunha transición xusta para As Pontes”.

Con cortes na zona do Prado, bengalas, silbatos, alarmas e xigantescos carteis contra a especulación do prezo do CO2, os manifestantes fixeron unha demostración de forza. E contaron co apoio dos veciños doutros municipios afectados pola crise industrial do carbón: Carboneras en Almería, Andorra en Teruel e Ponferrada en León.

CIG
Concentración no concello das Pontes
FOTO: CIG

Concello das Pontes
Comercios pechados atendendo á folga xeral convocada para hoxe
FOTO: Concello das Pontes

Ao mesmo tempo, a vila de As Pontes secunda hoxe unha xornada de folga de seguemento total con fábricas e comercios pechados. Xusto á mesma hora que a mobilización en Madrid, os veciños que quedaron nesta poboación de Ferrolterra decidiron concentrarse ante o concello. Segundo Alberte Amado, un dos voceiros dos traballadores das auxiliares, “os polígonos teñen unha parálise total salvo os servizos mínimos acordados, na obra de adaptación da central térmica tamén hai un paro absoluto… estamos nunha xornada de folga de seguemento masivo”.

Finalizada a concentración ante o Congreso, na que contaron co apoio de diversos representantes políticos, os manifestantes agardaban reunirse cos deputados para explicar a súa grave problemática. O retorno a casa farase cos mesmos transportes utilizados: 140 camións, 20 autobuses, ducias de autos particulares e mesmo coches fúnebres. Os veciños xa son un referente de loita en Galicia, contra o peche do seu gran motor económico.

REMITIDA
Os camioneiros circulando cara a Madrid
FOTO: REMITIDA

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS