Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Por NAVEGAR AO DESVÍO

Atención telefónica en galego

CARLOS CALLÓN   | 21.02.2011 
A- A+

Nalgúns dos artigos anteriores nesta mesma sección viamos como nas administracións públicas galegas ou con dependencias en Galiza temos non só o dereito básico a que nos entendan, senón tamén a que nos atendan en galego. Porén, fóra dos poderes públicos, os nosos dereitos como comunidade lingüística encóntranse nunha situación de certa indefensión xurídica.

O marco legal estabelece que non se poden producir discriminacións por razóns culturais ou lingüísticas, mais este parece un mandato tan grandilocuente como vacío. Constatemos que hai case duascentas normas (leis, decretos, ordes...) que garanten a presenza do castelán nos usos comerciais e empresariais, mentres que non hai ningunha que de xeito amplo, concreto e taxativo garanta unha igualdade de tratamento para o galego. Porén, si demos conseguido algúns adiantos concretos nalgúns sectores, como as caixas de aforros (mentres estas existan...), a restauración e os seguros.

En contraposición co noso caso, vemos que nas comunidades lingüísticas catalá e euskalduna dentro do Estado español si se desenvolveron nestes 30 anos de autonomía certas normas que recoñecen dereitos concretos no ámbito socioeconómico. Os seus adiantos lexislativos están avalados como plenamente constitucionais, seguen o ronsel doutras democracias europeas e -a pesar do histrionismo sensacionalista dalgúns medios de comunicación da dereita española- demostraron melloras para a convivencia neses territorios.

Que podemos facer, pois, as galegas e os galegos co noso restritivo marco actual? En primeiro lugar, temos que ser conscientes de que, cando se nos ofrece un produto ou servizo, como potenciais consumidoras ou consumidores, temos o dereito de recibir un trato respectuoso e non discriminitorio, con independencia da lingua que utilicemos.

En ningún estabelecemento en Galiza nos poden negar a atención se falamos en galego nin poden insultarnos ou tratarnos despectivamente, con frases do tipo: "No me hable como si estuviera en su aldea", "A mí no se dirija en gallego" ou "Hábleme en cristiano". Tales discriminacións poden e deben ser denunciadas a través da correspondente folla de reclamación (que nunca se poden negar a proporcionarnos) e, a través da copia coa que quedemos, instar as autoridades de consumo a que penalicen dito estabelecemento por discriminación lingüística. Neste caso temos tamén a opción da denuncia xudicial, aínda que os custos económicos e persoais fan recomendábel tela só como última opción. Iso si, non podemos permitir que nos desprecen por falar no noso idioma na nosa propia terra.

Aínda que non temos o dereito legal recoñecido a que nos respondan en galego, iso non quita que si teñamos a opción de solicitalo cordial e firmemente, con frases do tipo: "Perdoa, seríame máis cómodo se me atendeses en galego. Podería ser?" Haberá veces que "non poderá ser", e nós tamén tiraremos as conclusións oportunas como potencial clientela; mais noutras veces sorprenderémonos co cambio. Esta é desas pequenas cousas que van labrando o futuro da lingua e que está na nosa man todos os días.

Quitando algunhas excepcións, unha empresa privada, legalmente, pode negarse a usar o galego. É certo. Mais nós, legalmente, tamén podemos realizar solicitudes para que o usen e, tamén legalmente, podemos negarnos a adquirir os seus produtos ou servizos. Un consello para promover o uso da nosa lingua é manter unha actitude de alta fidelidade lingüística, apoiando as empresas que apostan polo noso idioma. Moitas delas podemos encontralas na seguinte ligazón: www.amesanl.org/abertosaogalego.

Hai tamén algunhas empresas en Galiza que din que garanten o dereito de atención en galego para quen así o solicite expresamente. Penso por exemplo no caso dos estabelecementos do grupo Corte Inglés ou na FNAC. Porén, a verdade é que as traballadoras e traballadores destas compañías non teñen como requisito unha formación lingüística en galego nin saben que os seus directivos presumen de ofrecer atención en galego. Cando esteas nalgún destes estabelecementos, solicita que che respondan no teu idioma e, se non o fan ou te encontras con algún problema, presenta a correspondente queixa ou solicitude. Neste caso, non é necesario que sexa nunha folla de reclamacións oficial, xa que se trata dun escrito interno para a empresa. O teu texto non debe ir dirixido contra a traballadora ou traballador que non che puido atender en galego, pois ela ou el non ten responsabilidade niso (salvo que ofreza un tratamento despectivo, claro). Quen debe saber que non recibiches unha boa atención e que iso pode ter consecuencias no teu futuro como clienta/e é a empresa, que na realidade non garante aquilo do que presume.

O dito até aquí vale para a atención presencial. Mais, na telefónica? Encontrámonos neste aspecto cunha das formas máis intensas de imposición do castelán na actualidade. Hai empresas fornecedoras de gas ou enerxía eléctrica non teñen ninguén que saiba entender o galego ou só o teñen a determinadas horas (segundo isto, para poderes falar no teu idioma só podes ter unha avaría os días laborábeis pola mañá). Case todas as compañías de telefonía móbil (coa única excepción de R) só teñen servizo de atención en galego a algunhas horas ou dependendo do tema polo que chames. Hai empresas de asistencia en estrada coas que parece misión imposíbel continuares a falar en galego. E así cun amplo e discriminatorio etcétera.

Coas mesmas orellas que agora levo postas, unha traballadora de Movistar espetoume hai dez días que eu podería ter atención en diferentes "lenguas" como o español, o catalán, o inglés ou o alemán, mais que non tiñan servizo para "dialectos". Non discutín con ela, pois nin ela era responsábel nin coñecía o alcance ofensivo das súas palabras. Só lle pedín que tramitase a miña queixa e así o fixo.

Seguro que quen falades habitualmente galego e ledes estas liñas estades a facer que si coa cabeza mentres comento a anécdota. Só na semana pasada, souben do caso de tres persoas diferentes (Silvana, Rosa, Paulo) ás que, con toda a má educación, lles cortaron a chamada porque falaban galego en Galiza.

Ante estas situacións, temos que saber que si temos plena cobertura legal para presentar a correspondente queixa oficial. A disposición adicional sexta da lei 1/2010 estabelece que todos os prestadores de servizos que operen no territorio da comunidade autónoma galega, "con independencia do lugar de estabelecemento orixinario" (isto é: non importa se nos din que nos chaman desde os antípodas, ese é problema da empresa, non noso), "deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística". A norma estipula que estas empresas "favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita en lingua galega".

En consecuencia:

Se te chaman para unha oferta comercial ou se chamas ti para realizar calquera xestión, lembra que tes o dereito a continuar falando en galego.

Se che din que te chaman ou te responden de fóra do ámbito dos territorios de fala galega e que non che entenden, non entres en discusións. Por lei teñen a obriga, como mínimo, de te entender, así que teñen que mirar de pasar con alguén que te comprenda falando no teu propio idioma.

Se che exixen mudar de lingua, realizan declaracións ofensivas ou se che cortan bruscamente a chamada por falares galego, anota os datos da empresa e tramita unha reclamación oficial. Pásalle tamén a información á Mesa pola Normalización Lingüística.

Se din que non che entenden, non entres nun diálogo de xordos nin discutas coa persoa que está do outro lado da liña. Lembra que non estás a falar co dono ou a dona da empresa e que esa persoa non é a que toma a decisión de que se marxine o galego.

A pregunta a formular é: "Pode pasarme con alguén que me poida entender?" É moi importante que nos manteñamos no uso do idioma en todo momento. Repara que aínda que esa persoa non comprenda determinado vocabulario ou expresións do galego, unha pregunta como a que lle acabas de formular é perfectamente intelixíbel para calquera castelán falante mesmo que, polo lugar desde onde nos estea a falar, poida non saber nin situar Galiza no mapa. (Anota, se non, as diferenzas entre "Pode pasarme con alguén que me poida entender?" e "¿Me puede pasar con alguien que me pueda entender?")

Se non che comprende esta pregunta, non é porque non entenda en realidade, senón porque non quere entender. Entón, o problema xa é outro..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS