Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

O bebé de Lugo ingresado por malos tratos será operado na Paz

Está baixo tutela da Xunta, que lle busca xa familia de acollida // Os pais, libres con orde de afastamento// Retirados 1.500 quilos de lixo da súa casa

Vivenda na que residían os pais co pequeno.
Vivenda na que residían os pais co pequeno.

LUGO. P. LEMOS/AXENCIAS  | 22.08.2019 
A- A+

O bebé lucense de dous meses ingresado o venres no Hospital Universitario Lucus Augusti ( HULA), por supostos malos tratos dos seus pais, segue na UCI do centro hospitalario e a súa situación é estable. A pesar diso, vistas as graves lesións que ten nos seus ollos, o equipo médico que o atende decidiu o seu traslado ao hospital A Paz, na capital madrileña, onde será operado.

Tal como lembrou onte a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, os pais levaron o pasado venres ao bebé ao centro médico da praza de Ferrol, en Lugo, onde, despois dunha primeira valoración médica, foi derivado ao HULA para que fose asistido de varias lesións. Á vista do tipo de danos que presentaba, foi activado o protocolo por posibles malos tratos. O Xulgado de Instrución número 1 da cidade, de garda, requiriu á Policía para que detivese o luns aos pais, que pasaron o martes a disposición xudicial.

Isabel Rodríguez explicou que os proxenitores están investigados por un presunto delito de malos tratos e foron postos en liberdade, pero cunha orde de afastamento do menor.

TUTELADO. A titular do Xulgado de Instrución que atendeu o caso ditou un auto de medidas urxentes de protección do menor que, en primeira instancia, outorga a tutela da vítima á Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, prohibiu que os pais se aproximen ou comuniquen co menor e denegou por anticipado a solicitude dun réxime de visitas ao bebé.

A maxistrada tomou na tarde do martes declaración aos pais, detidos como supostos autores dun delito de malos tratos e decidiu posteriormente a súa posta en liberdade. Con todo, ambos están obrigados a comparecer semanalmente ante a sede xudicial.

A Xunta de Galicia asumiu xa a "tutela urxente" do menor e realiza o seguimento do caso priorizando a procura dun acollemento familiar. Segundo explicou a Europa Press a directora Xeral de Familia, Amparo González, neste caso, como noutros similares, a Administración actuará "sempre buscando o maior beneficio para o menor". 

LIXO NO HOGAR. Na casa da rúa Irmáns Carro de Lugo, na que residía o neno cos seus pais investigados por malos tratos, acumulábanse 1.500 quilos de lixo e desperdicios, e había un cheiro "nauseabundo", segundo dixo un dos operarios que acudiu ao domicilio.

Tal e como explicou o concelleiro Álvaro Santos, os servizos municipais de limpeza, atendendo á recomendación xudicial, eliminaron en dous días de traballo toda esa cantidade de residuos acumulados na vivenda. Tamén levarán a cabo a desinfección e desratización do inmoble "para garantir a salubridade pública", afirmou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS