Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Brusco descenso das temperaturas e primeiras folerpas na montaña

As mínimas caeron ata 4 graos na Coruña, e as máximas fixeron o propio en Pontevedra e Lugo // O vento obrigou a activar alertas nas Rías Baixas e no litoral noroeste, onde se agardan ondas de ata 6 metros // A situación mellorará un pouco mañá, á espera da entrada dunha nova borrasca o sábado

A CORUÑA, 07/11/2019.- Un home corre co seu can polo paseo marítimo da Coruña, este xoves, onde a Policía Local impide o acceso aos areais da cidade debido á previsión meteorolóxica.
A CORUÑA, 07/11/2019.- Un home corre co seu can polo paseo marítimo da Coruña, este xoves, onde a Policía Local impide o acceso aos areais da cidade debido á previsión meteorolóxica.

SANTIAGO. OLGA VILAR  | 07.11.2019 
A- A+

As previsións do tempo apuntaban a que a entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera faría caer os termómetros, a así foi. Este xoves, dependendo da zona de Galicia, as temperaturas mínimas descenderon 1 grao en Ourense, Vigo, Ferrol, Pontevedra e Lugo, 2 graos en Santiago e 4 graos na Coruña. No tocante ás máximas, e segundo recolle Meteogalicia, as cidades peor paradas foron Pontevedra e Lugo, onde onte chegaron aos 17 e os 13 graos, respectivamente, mentres hoxe non pasarán dos 13 e dos 9, 4 graos menos en cada caso.

O frío non será o único protagonista destes días. De feito, está previsto que xa este xoves caian as primeiras folerpas na montaña das provincias de Lugo e Ourense, onde se vai activar o aviso amarelo por neve a partires das 18.00 horas. A cota situarase entre os 800 e os 1.000 metros.

A borrasca que afecta a Galicia conleva ademais un aumento da intesidade dos ventos, especialmente no mar, que obrigou a activar alertas no litoral noroeste e nas Rías Baixas. O peor agárdase na Coruña, na Costa da Morte e na Mariña luguesa, con ondas que poderían chegar aos 6 metros. De feito, na cidade herculina prohibiuse o acceso ás praias.

As chuvias intensificaranse contra a tarde, e poderían ir acompañadas de sarabia e aparato eléctrico. Estas precipitacións tenderán a remitir mañá venres, cunha lixeira subida das temperaturas. Dacordo coas predicións de Meteogalicia, o sábado entrará unha nova borrasca, e o domingo quedaremos nunha situación intermedia se ben persistirán as chuvias.

PRIMEIRAS FOLERPAS NA MONTAÑA LUGUESA

Os primeiros copos de neve chegaron á montaña luguesa de Pedrafita do Cebreiro, no corazón dos Ancares, este xoves para inaugurar a tempada de neve deste inverno en Galicia. O alcalde do municipio lugués, José Luís Raposo Magdalena, viu como a súa localidade cubríase este xoves por "un manto branco" durante a tarde desta xornada. Desta maneira, a chegada dos primeiros copos case cumpre co refraneiro ao que aludiu Raposo: 'Por Santos, neve nos campos'.

Dez días despois do festivo de todos os Santos, leves precipitacións en forma de neve aparecen en Galicia. A diferenza do ano pasado --cando a primeira nevada chegou aos 40 centímetros de espesor-- por agora, a montaña luguesa recibiu sen moita sorpresa a chegada dos copos que deixaron unha pequena capa branca sobre o pobo.

Neste sentido, Meteogalicia activou a alerta amarela por neve tanto na montaña de Lugo, que se mantén desde as 12,00 horas deste xoves até as 12,00 de mañá; como na Ourense, que se activou ás 18,00 horas desta xornada e continuará até as 12,00 horas do venres.

Despois do mediodía, fontes de Meteogalicia confirmaron a Europa Press que a cota de neve ascenderá do mil aos 1.400 metros. Espérase que unha borrasca situada sobre Inglaterra deixe paso a ventos do Noroeste que traerán inestabilidade e chuvascos xeneralizados que irán remitindo durante a tarde.

Pola súa banda, as temperaturas manteranse sen moitos cambios durante esta madrugada e a próxima xornada. En Ou Cebreiro a mínima que se rexistrou é de -1,3 graos, mentres que o valor máis baixo de toda Galicia apareceu no municipio ourensán da Veiga, en Xares, próximo á fronteira con Castela e León, -4,2 graos.

DISPOSITIVOS
Pola súa banda, o Concello de Pedrafita ten listo todo o operativo de seguridade. A máquina quitaneves xa estivo traballando nas rúas e o resto de dispositivos cambiaron as rodas de verán polas de inverno a semana pasada. Ademais, a Xunta activou o pasado venres o Plan de Vialidad Invernal co fin de "garantir a mobilidade e a seguridade".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS