Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

TRAÍÑAS: ESTE SÁBADO ARRINCA A LIGA ACT NO GROVE

Cabo da Cruz e Mecos, fronte ás potencias do norte

As dúas embarcacións galegas marcan como obxectivo seguir na máxima división unha temporada máis

JOSÉ M. MIRAMONTES SANTIAGO  | 03.07.2007 
A- A+

Cabo da Cruz e Mecos velan remos ante ou inicio da Liga ACT de traíñas que terá lugar a vindeira fin de semana. O sábado, día 7, sóltanse amarras no Grove para a disputa da regata V B. Outón Xunqueiriña e o domingo celebrarase a XVII Bandeira de Boiro, sendo estas dúas as únicas probas da competición que se disputan en augas galegas. O resto das probas do calendario, configurado cun total de 18, disputaranse en Cantabria e no País Vasco.

As dúas traíñas galegas volverán afrontar a liga ACT San Miguel en inferioridade de condicións con respecto ás potentes escuadras cántabras e vascas. Varios son os hándicaps que teñen que salvar Cabo da Cruz e Mecos para dar a cara ante os Goliat do norte e cumprir os seus obxectivos, que non son outros que a permanencia na máxima categoría nacional da especialidade.

A maioría dos doce equipos participantes superan en orzamento ós galegos, chegándose a triplicar ou a cuatriplicar en tres ou catro escuadras rivais. Se a este factor determinante lle engadimos que das 18 regatas do calendario, 16 se disputan fóra da nosa comunidade autónoma, as dificultades increméntanse á hora buscar unha vitoria. Un dato que reflicte con claridade a diferenza entre uns e outros é que varios equipos cántabros son practicamente profesionais, namentres que os galegos compiten por pura devoción e afección.

De feito, Juan Ramón Outeda, presidente do club Mecos, afirma que os remeiros dos clubs máis potentes da ACT cobran mensualmente ó redor de 1.500 euros, mentres que os dos dous equipos galegos só se reparten os premios que conseguen nas regatas (desafortunadamente son poucos e escasos). Cabo da Cruz e Mecos contan cun presuposto de 150.000 euros e máis da metade está destinado ó equipo da ACT para viaxes e aloxamentos, fundamentalmente.

Da mesma opinión é Benigno Silva, adestrador de Cabo da Cruz, quen tamén sabe que ademais de loitar contra vento e marea tamén o farán contra rivais superiores. De todas as formas recorda con ilusión o quinto posto final da pasada competición, e nesta campaña non descarta repetir faena aínda que o ve difícil polos reforzos dos rivais. De cara ás dúas primeiras e únicas probas en augas galegas, o adestrador da embarcación boirense considera que están menos rodados cós rivais ‘‘por non disputarmos ningunha regata’’. l

 


Doce equipos participantes

Os equipos participantes na Liga ACT 2007 son os seguintes: Arkote, Cabo da Cruz Rianxeira, Hondarribia Pasquier, Candy Orio G. Eibar, Mecos Mondariz, Laredo Urcabal, Pedreña, San Pedro, Castro Urdiales, Zarautz Inmob. Orio, Urdaibai UmproIsabel, Zumaia Altuna e Uria.


CALENDARIO

1. Outón Xunqueiriña (O Grove 2007-07-03). 2. XVII Bandeira de Boiro (Boiro 2007-07-08). 3. Cudeyo (Pedreña 2007-07-14). 4. Bandeira Telefónica (San Sebastián 2007-07-15). 5. San Pedroko (Pasai San Pedro 2007-07-21). 6. Plentziako. (Plentzia 2007-07-22). 7. Getxoko. (Ikurriña Getxo 2007-07-28). 8. Bandeira Flaviobriga (Castro Urdiales 2007-07-29). 9. Hondarribiko. (Hondarribia 2007-08-04). 10. Zumaiako. (Zumaia 2007-08-05). 11. Zarauzko. (Zarautz 2007-08-18). 12. Zarauzko. (Estropadak Zarautz 2007-08-19). 13. Bandeira Villa Laredo (Laredo 2007-08-25). 14. Ikurriña . Orio (Orio 2007-08-26). 15. Bahía Gorliz (Gorliz 2007-09-15). 16. Bermeo H. (Bermeo 2007-09-16). 17. Bandeira de Bilbao (Bilbao 2007-09-22). 18 B. El Corte Inglés (Portugalete 2007-09-23).


Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS