Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
Cen anos despois de que Pablo Iglesias, logo de acadar a primeira acta de deputado que obtivo, afirmase categoricamente no seu discurso inaugural ante os restantes deputados da cámara que "o partido que eu aquí represento aspira a concluír con todos os antagonismos sociais e a establecer a solidariedade humana"; o actual secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Rodríguez Zapatero, anunciaba que outra nova contrarreforma laboral será imposta ás clases traballadoras de España pola vía do Real Decreto-Lei.
Haberá que esperar á súa publicación no BOE para facer unha crítica máis demorada, pero polo que se presentou, é outra concesión máis á patronal, que non dubidou en botar á rúa dous millóns de persoas con condicións de despedimento menos favorables. Que por que é unha concesión á patronal? Dous datos abondan: o Estado asume partes dos custos do despedimento -para iso non importa botar man do gasto público!- e os propios traballadores contribuirán á creación dun fondo para a contratación indefinida co seu propio salario, pero á patronal concédenselle novas exencións!
Está claro, o goberno cedeu ante o capital financeiro, máis interesado en manter estable o prezo do diñeiro que en garantir o benestar da poboación; non obstante, como sinalaba recentemente Paul Krugman, "o recorte dos gastos mentres a economía segue a estar profundamente deprimida é un xeito moi custoso e bastante ineficaz de reducir a débeda futura. Custosa, porque deprime aínda máis a economía; ineficaz, porque ao deprimir a economía, a contracción fiscal tamén reduce os ingresos dos impostos...". O Goberno, xa que logo, estanos a introducir por un camiño semellante ao que transitou o presidente Hoover dos Estados Unidos entre 1929 e 1933: o camiño da Gran Depresión.
Os graves problemas que afectan á poboación española, que son a precariedade laboral, a perda do poder adquisitivo, o endebedamento familiar..., non se resolven coa redución dos salarios e o abaratamento dos despedimentos...; resólvense mediante o incremento do gasto público, orientado á creación de emprego e a garantir un crecemento sustentable. Non obstante, esa solución non satisfaría os intereses do gran capital, que pretende debilitar o estado do benestar e reducir os dereitos sociais e laborais da poboación para así conseguir dous obxectivos inconfesables: incrementar o seu nivel de beneficios e asegurarse a orde social, garantida por unha parálise do pobo provocada precisamente pola precariedade na que está instalada.
Daquela, é neste contexto de desmobilización social fronte aos constantes ataques ás condicións de existencia do pobo -desemprego, redución de salarios, privatización dos servizos sociais e públicos...-2, no que cómpre actuar: primeiro, para presentar unha alternativa real crible; e, segundo, para organizar o descontento para que a rabia social que se está a acumular entre as clases menos favorecidas non acabar dirixíndose cara a posicións totalitarias... A historia está aí para ensinarnos esa lección.
