Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

o vindeiro 7 de setembro

A Casa Museo Manuel María abre as portas para unificar o legado do poeta

No acto institucional de apertura desenvolverase un programa de música, poesía e maxia sobre a figura do poeta da Terra Cha

FOTO: FERNANDO BLANCO
FOTO: FERNANDO BLANCO

EFE. SANTIAGO  | 03.09.2013 
A- A+

A Casa Museo Manuel María, no domicilio natal do poeta, en Outeiro de Rei, inaugurarase o vindeiro 7 de setembro co obxectivo de "unificar" todo o legado do artista, segundo explicou Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, responsábel desta iniciativa.

No acto institucional de apertura desenvolverase un programa de música, poesía e maxia sobre a figura do poeta da Terra Cha, con actuacións de artistas como Berrogüeto, Fuxan os Ventos, Uxía Ansede e os poetas Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés ou Bernardino Graña, entre outros.

O museo conta con convenios con varias institucións que cederon a obra. "Todos entenderon que a unidade da obra era o mellor, para evitar dispersión", explicou Ansede.

Deste modo, a Real Academia Galega (RAG) cedeu a obra literaria do autor; a Universidade da Coruña, a biblioteca persoal do poeta, "unha das bibliotecas particulares máis importantes do país", así como a obra artística, que foi cedida polo Museo de Lugo.

O desembolso necesario para a rehabilitación da casa e a recuperación do seu estado orixinal, foi de 350.000 euros, e a Fundación contou con axudas tanto das deputacións de Lugo e A Coruña, como da Consellería de Cultura.

Alberte Asende destacou que un terzo do orzamento correu a cargo de particulares, "dos amigos e amigas da Fundación", cuxa axuda o secretario da Fundación considerou "imprescindíbel".

Nunha conferencia de prensa, Asende resaltou a importancia do proxecto e comparouno coa situación da obra doutros autores ao exclamar: "o que nos gustaría ter unha casa de Castelao con toda a súa obra...".

O museo abrirá aos sábado e aos domingo de forma habitual e, pola semana, con cita previa.

Na presentación desta iniciativa participaron tamén Xurxo Souto e Uxía Ansede, que coincidiron en que é un soño e auguraron que a nova casa museo se converterá nunha mesa de encontro que permitirá estender máis e entre as novas xeracións o coñecemento da prolífica obra do poeta.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS