Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.09.2019 Actualizado 20:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Catro mil denuncias por exceso de velocidade nunha semana en Galicia

Realizáronse máis de 78.000 controles // Tráfico intensificará as campañas de vixilancia para rebaixar a cifra de mortes // No que vai de ano houbo 61 falecidos, tres máis que en 2018

Coches en caravana na estrada  N-550 á altura da Escravitude, en Padrón o pasado xoves. - FOTO: FERNANDO BLANCO
Coches en caravana na estrada N-550 á altura da Escravitude, en Padrón o pasado xoves. - FOTO: FERNANDO BLANCO

A CORUÑA. ALBERTO MARTÍNEZ  | 21.08.2019 
A- A+

Un total de 4.006 condutores foron denunciados a pasada semana por axentes da Garda Civil de Tráfico nas estradas convencionais de Galicia por pasar os límites de velocidade establecidos e tras ser detectados no marco do operativo de control disposto nuns días –entre o 12 e o 18 de agosto– nos que as festas proliferaron por toda Galicia. Inspeccionáronse un total de 78.388 vehículos.

Por provincias, os denunciados foron 1.742 na da Coruña (34.204 controis); 825 na de Pontevedra (23.095); 838, na de Lugo (13.736), e 601 na de Ourense (7.353).

Este tipo de campañas son habituais en calquera época do ano. No inicio do presente saltou a alarma co notable incremento de falecidos nas estradas. É unha situación que se viña producindo desde abril de 2018, mes no que non se rexistrou ningunha morte, algo insólito desde que en 1959 a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) empezou a contabilizalas.

Os dispositivos actuais melloran os datos acumulados de sinistralidade nas estradas, que na primavera sumaban 15 mortos máis que no mesmo período do ano anterior. A data de onte a cifra reduciuse nunha quinta parte. Son en total 61 as vítimas mortais no que vai de ano, aínda que os 55 accidentes habidos con mortes xa son dous menos no comparativo interanual, segundo cifras que facilitou a Delegación do Goberno.

CARA E CRUZ. No seu desglose apúntase que Ourense é a única provincia que descende en mortes, ao sumar seis menos que en 2018 (cinco, polas 11 do acumulado do pasado exercicio), mentres que a da Coruña é na que máis se incrementa, ao producirse catro (de 26 a 30). Pontevedra aumenta en tres (de 13 a 16), e Lugo suma dúas máis (de 8 a 10).

“Son datos moi preocupantes e seguiremos traballando para revertelos”, expresou Javier Losada,  delegado do Goberno, quen lembra que o Executivo central rebaixou recentemente en 10 km/hora (a 90) o límite de velocidade das estradas convencionais.

MÁIS INICIATIVAS. Desde as autoridades de Tráfico advírtese de que a velocidade non será o único factor que se controlará nos viais. Tras as recentes campañas en xullo para motoristas e ciclistas, así como consellos e chalecos que as patrullas de Tráfico da Garda Civil achegan aos peóns vulnerables, en próximas datas realizaranse máis controis preventivos de alcol e de drogas.

Por outra banda, a Operación especial de tráfico de verán, que se desenvolve desde final de xuño, prevé preto de 10 millóns de desprazamentos na autonomía ata o inicio de setembro. Deles, 5,17 produciranse en agosto.

En canto á campaña da semana anterior, o obxectivo foi “facilitar a circulación e velar pola seguridade”, polo que a DXT despregou un maior número de axentes, radares fixos e móbiles, cámaras de vixilancia do uso do cinto e o móbil, vehículos camuflados e o helicóptero Pegasus.

A novidade do verán son os drons que controlan todo tipo de infraccións, pero están a fixarse máis en distraccións motivadas polo uso do móbil.

As recomendacións de Tráfico inciden en manter a atención ao volante, conducir vehículos revisados antes de iniciar cada viaxe, e cumplir as normas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS