Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

en lugo

Cen expertos celebran na Casa do Saber unhas xornadas sobre conservación en castros galegos

Os participantes neste foro, organizado pola Xunta de Galicia e a firma BIC Materiales e Conservación en colaboración coa USC, visitarán este sábado o castro de Viladonga

De esquerda a dereita, Carolina Pérez, Felipe Arias, Pedro García Herradón e Ramos Ledo, na apertura das xornadas sobre conservación de castros - FOTO: USC
De esquerda a dereita, Carolina Pérez, Felipe Arias, Pedro García Herradón e Ramos Ledo, na apertura das xornadas sobre conservación de castros - FOTO: USC

LUGO  | 14.06.2013 
A- A+

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurou este venres as primeiras Xornadas sobre Conservación en Castros Galegos, un foro técnico organizado polo Museo do Castro de Viladonga e a empresa BIC Materiales e Conservación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que conta con financiamento da Xunta de Galicia.
 
García Herradón salientou ante os preto de 100 técnicos, estudosos e profesionais do sector da conservación e restauración o interese destas xornadas, ao tempo que lamentou que todo o público presente non puidera aproveitar a súa estadía na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo para realizar unha vista aos restos romanos que conforman a chamada Domus do Mitreo, un xacemento de grande relevancia cuxa inauguración por parte da Xunta de Galicia está prevista para finais de xuño ou para o mes de xullo.
 
O xefe territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, José Jesús Ramos Ledo, destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela para a organización destas xornadas sobre conservación dos castros galegos, cuxa celebración coincide co comezo do Arde Lucus, subliñou.
 
O director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias, adiantou tamén no acto de presentación das xornadas algúns dos cambios realizados sobre so programa inicial, tal e como é o que afecta á imposibilidade de visitar o castro de Saá, na parroquia pastoricense de Baltar, por mor da imposibilidade de chegar en autobús a este asentamento castrexo aínda sen escavar.
 
Programa
A restauradora do castro de Viladonga, Carolina Pérez, e Marta Díaz, que dirixe o proxecto de restauración do devandito castro desenvolvido pola empresa BIC Materiais e Conservación, abriron a quenda de relatorios deste foro cunha exposición sobre a xestión patrimonial e dos recursos existentes en Viladonga, un castro xestionado pola Xunta de Galicia.
 
O proxecto de intervención integral no castro de Vigo centrou a intervención da directora do proxecto de musealización deste asentamento castrexo urbano, Matilde González, mentres que Yolanda Porto, directora do proxecto de consolidación de Castrolandín, falou sobre as actuacións proxectadas neste castro de Cuntins.
 
As semellanzas e diferenzas dos castros costeiros e de interior, tales como son o de Baroña, en Porto do Son, e Castromaior, en Portomarín, foron abordadas neste foro polo arqueólogo Luis López González e polo restaurador Miguel Ángel López Marcos. Este último relator e Yolanda Álvarez tamén analizaron as semellanzas e diferenzas entre os castros de San Cibrán de Lás (San Amaro/Puxín) e o de Cervantes.
 
O castro do Facho, en Cangas do Morrazo, e o de Besomaño, en Ribadumia, centraron os dous últimos relatorios da primeira xornada deste foro, que concluíu cun debate e posta en común das achegas expostas polos distintos relatores convidados.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS