Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
| Miles de persoas participaron onte na manifestación central da CIG polas rúas de Vigo FOTO: Salvador Saas |
A Confederación intersindical Galega (CIG) censurou hoxe o acordo alcanzado esta madrugada polos sindicatos CC.OO e UGT co Goberno central e ve "máis que nunca" xustificada a folga xeral convocada para esta xornada en contra do aumento da idade de xubilación.
Así, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, asegura que esta central sindical xa "sospeitara" que se chegaría a esta situación. "Constátase así que todas as ameazas de mobilización ou folga que CC.OO e UGT dirixían ao Goberno, tiñan como único obxectivo desmolibizar aos traballadores no seu conxunto e, moi especialmente, aos seus afiliados", manifestou, e atribuído esta situación á intención de que "non se sumasen ás convocatorias de folga xerala que hai este xoves en Euscadi, Cataluña e Galicia".
Seixo afirma que este acordo entre os sindicatos estatais e o Goberno "suponlles unha traizón" aos intereses da clase traballadora, "aceptando as formulacións do Goberno e da Banca" sobre a reforma das pensións e "colaborando claramente na mentira e nos obxectivos que moven esta reforma".
"Na mentira porque o sistema público de pensións non corre perigo ningún a medio prazo, como din o Goberno e os informes pagados pola Banca, e nos obxectivos, que son potenciar a canalización do aforro dos cidadáns cara aos sistemas privados de pensións, que é un dos grandes negocios que ten hoxe o sistema financeiro".
Segundo a CIG, estas reformas van ter como consecuencia que se "dificulte o acceso ás pensións" e, polo tanto, que se reduza o número de pensionistas de forma "significativa. Neste escenario, o que se pretende é que o sistema público de pensións cubra unhas pensións mínimas e aqueles traballadores que teñan capacidade de aforro, por contar con maiores ingresos na súa vida laboral, subscriban dende xa, sistemas privados para garantirse unha pensión complementaria", concluíu.
