Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.01.2020 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

á caza dos erros

Concurso para 'airear' os cazapos e as trabadas á lingua e concienciar sobre o seu bo uso

As FotoTrabadas buscan a implicación da sociedade no proceso de normalización lingüística na administración

A recepción de fototrabadas para concursar está aberta ata o 2 de febreiro - FOTO: Uvigo
A recepción de fototrabadas para concursar está aberta ata o 2 de febreiro - FOTO: Uvigo

B. VEGA | UVIGO  | 10.01.2014 
A- A+

Os cazapos xa non teñen escapatoria coa posta en marcha do FotoTrabadas, un concurso, promovido pola Asociación Trabalingua, que busca darlle caza a todos os erros que se poden apreciar nos carteis, na sinalización, nas misivas e noutros medios escritos dependentes da administración pública nos que se produza tanto un mal uso da lingua galega como a ausencia da mesma. A través desta iniciativa os integrantes da asociación universitaria dan un paso máis cara á concienciación e normalización da lingua galega no seu uso público, solicitando para iso a axuda de persoas alleas á agrupación para denunciar estes erros. Co obxectivo de incentivar a participación no concurso, a asociación outorgará un premio á fototrabada que máis apoios reciba nas redes sociais.

O curso pasado a asociación levou a cabo a iniciativa Ti informas, Trabalingua denuncia, e “foi de aí de onde saíu a idea das FotoTrabadas” explica Antía Veres, integrante de Trabalingua, facendo fincapé en que “o ano pasado organizabámonos doutro xeito, posto que na anterior actividade eramos os propios membros da agrupación os encargados de levar a cabo a acción quedando a sociedade como mera informadora ou indicadora". Sen embargo, con este novo concurso o que buscan “é unha participación máis activa da sociedade, o que conleva unha maior concienciación, xa que o ollo crítico pasa de informar a actuar dun xeito máis directo” sinala Veres.

En Trabalingua saben da relevancia que neste momento teñen as plataformas dixitais e por iso centran o concurso nas mesmas. Sen embargo, tamén son conscientes “da inxente cantidade de información que lles chega aos usuarios das redes sociais a diario e, polo tanto, do difícil que é captar a súa atención e conseguir participantes activos” recoñece a integrante, que non dubida en afirmar que “aínda así, estamos moi contentos coa participación e coa colaboración que nos está a chegar por parte doutros colectivos á hora de difundir a actividade, cousa que aproveitamos para agradecerlles”.

Ata o momento teñen recibido 19 fototrabadas a través das redes sociais, aínda que “a gran maioría mandáronnolas a través do Facebook” indica Veres. “O que temos é unha participación clarisimamente maioritaria de mulleres. Rapaces, a que andades? Poñede as pilas!” subliña esta compoñente da asociación, invitando ao xénero masculino a participar na acción que ten o prazo aberto ata o 2 de febreiro.

Así funciona o Fototrabadas
As redes sociais son unha ferramenta esencial para a participación neste concurso que ten un funcionamento moi sinxelo. “Cada vez que vexades algún uso indebido do galego, ou a súa ausencia en calquera das administracións públicas, tirade unha foto e compartídea connosco a través do Facebook, do Instagram ou do Twitter” explican dende a organización. Despois eles farán unha recompilación de todas as imaxes recibidas a través das diferentes plataformas xuntándoas nun álbum de Facebook.

Esta recompilación resulta esencial para a votación e a escolla da persoa gañadora, xa que serán os propios usuarios que frecuenten a páxina en facebook da Asociación Trabalingua os que decidirán a fototrabada merecedora do premio, ou o que é o mesmo, a que máis “gústame” teña recibido antes do 2 de febreiro, data na que se pecha tanto a recepción de fototrabadas como a votación.

Actividades para concienciar
Trabalingua é unha asociación que xorde a partir dun grupo de estudantes que se decatan do seu interese común pola lingua galega despois de acudiren ás primeiras Xeiras da lingua en abril de 2009, organizadas polos Comités. A partir dese momento os seus membros traballan arreo para poñer en valor a lingua e a cultura galegas e para concienciar á sociedade sobre o seu bo uso. Para este fin teñen organizado actividades de moi diverso tipo e están a piques de presentar a súa programación para o segundo cuadrimestre do presente curso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS