Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

O Consello da Cultura inaugura “Alba de Gloria”, a mostra que recrea o último gran discurso de Castelao

Na exposición utilízanse as últimas tecnoloxías
Na exposición utilízanse as últimas tecnoloxías

SANTIAGO  | 07.11.2018 
A- A+

Escoitar e ver o último discurso de Castelao da súa man, cun formato innovador e vangardista. Así é “Alba de Gloria. Unha experiencia”, a mostra que inaugurou este serán en San Domingos de Bonaval a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, canda o presidente de honra da institución e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e mais unha nutrida representación de autoridades e personalidades. “Esta non é unha exposición máis, como tampouco é un discurso máis”, explicou a presidenta do CCG ao tempo que reivindicou a “necesidade dun Panteón de Galicia que reúna as grandes figuras da nosa cultura”. Manuel Gago, o comisario da exposición, incidiu na rolda de prensa anterior á inauguración que a mostra pretende “trasladar a emoción da colectividade que asistiu a aquel discurso no ano 1948 e que está presente en todas as crónicas daquel acto”. A exposición estará aberta ata o 3 de febreiro de 2019.

O discurso que Castelao constrúe e que posteriormente foi coñecido como “Alba de Gloria” é unha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Iníciase coa figura de Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e remata co “Gran Don Ramón (Valle-Inclán)”. “Engadimos unha figura máis, a de Alexandre Bóveda (sito na mostra diante do sepulcro de Castelao en conexión coa amizade que os unía), para completar esa gran listaxe” apuntou o comisario no marco da rolda de presentación. En total son sesenta e cinco figuras e persoeiros que se enumeran conformando un dos grandes mitos populares como é o da Santa Compaña. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros como Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou San Dámaso. O discurso, tendo en conta que Castelao era pintor, goza dunha gran plasticidade e riqueza, plasmadas na imaxe e na simboloxía que ten cada figura de tal xeito que, en palabras da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, “é unha obra cimeira da lingua galega”.

Peche dun ciclo

“Alba de Gloria” foi o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Gallego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948. Alba de Gloria encerra unha gran poética na súa esencia pero tamén no seu contexto. “Coa exposición que recrea esta festa, o Consello da Cultura pon fin ao ciclo das Irmandades da Fala que celebramos entre os anos 2016 e 2018”, explicou Rosario Álvarez. Era unha revisión necesaria “que abre outros camiños, como a necesidade dun panteón de Galicia, sobre a que o Consello da Cultura Galega ten traballado previamente e que consideramos necesario”, insistiu Rosario Álvarez en relación á proposta de Lei do Panteón de Galicia elaborada en 2011.

A exposición

“Empregamos a última tecnoloxía dispoñible para trasladar a emoción, para conectar cos sentimentos da xente do mesmo xeito que fixo Castelao hai setenta anos e tamén conectado co esforzo que facía por buscar novos formatos para chegar á maior cantidade posible de xente”, explicou Manuel Gago. Unha idea na que insistiu a presidenta ao dicir “pensamos que Castelao, ao que lle gustaba innovar, estaría contento con esta obra”. Ademais, o desafío tecnolóxico da exposición está tamén na reconstrución da propia figura de Castelao, que interactuará cos visitantes na experiencia virtual, que dura oito minutos. Para a realización desta exposición “traballamos con recursos propios que amosa o capital acumulado no Consello da Cultura”, indicou a presidenta.

A mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante a través dunhas gafas de realidade virtual pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.

O Labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e na que se perfila un posible panteón nacional de Galicia. Unha relación da historia de Galicia cun dos mitos máis populares do imaxinario galego como é a Santa Compaña.

A Sala das Palabras é un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época. Preténdese, deste xeito, contextualizar as palabras de Castelao e trasladar a significación que tiña naquel contexto un discurso. A exposición ofrece fragmentos de alocucións de Maruxa Boga, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego.

A Árbore das historias plasma dun xeito gráfico os grandes relatos que foron emerxendo para definir ata hoxe a identidade histórica galega.

Ademais, a exposición tamén ten unha parte que permite ver a xenealoxía do propio discurso “Alba de Gloria”, que Castelao foi tecendo co paso do tempo, coas variantes que foi incorporando ou eliminando. Hai tamén unha contextualización histórica e un infográfico interactivo de big data para poder coñecer a evolución da presenza en textos escritos das grandes figuras da historia que pasaron a formar parte do imaxinario e a identidade do país.

Hai oco tamén para que a cidadanía deixe a súa contribución, xa que lles pedimos aos visitantes que fagan a súa achega e nos conten os que consideran que deberían formar parte dese posible Panteón de galegos ilustres.

Actividades didácticas

Está prevista a realización dun programa didáctico para centros educativos e colectivos de adultos con previa reserva. Os interesados deberán solicitalo a través do correo albadegloria@consellodacultura.gal ou chamando ao teléfono 685860773 para reservar a data. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS