MANUEL MERA
O anuncio da central nacionalista de que está considerando a convocatoria dunha nova folga xeral se o Goberno central non retira o Decreto da Reforma Laboral, amosa onde está hoxe a iniciativa sindical no noso país e as fondas diferenzas de modelo existentes con respecto a CCOO e UGT. Para os días 3 e 18 de novembro, a CIG ten convocadas mobilizacións para seguir premendo sobre este tema, que é fundamental para a clase traballadora, xa que a Reforma precariza as condicións laborais, debilita a forza dos asalariados nas empresas e condiciona á baixa os salarios. Despois do éxito do paro do pasado 29 de setembro, e sen ningunha resposta positiva por parte do Goberno Zapatero, deixar pasar o tempo sen convocar novas accións de loita, non só consolida na práctica o retroceso, senón que ademais alenta o Goberno central, a Xunta de Galiza, e a patronal a continuar con novas medidas a prol da centralización e concentración da riqueza e do poder (xa que para isto se está aproveitando agora a crise).
A actitude das centrais estatais non axuda nesta andaina, e ademais semellan non estar dispostas a erguer ningunha alternativa á marxe do sistema, e polo tanto das propostas dos dous principais partidos que o xestionan alternativamente no Estado español: PP e PSOE. Ninguén nega a necesidade de chegar a acordos, de procurar o consenso, porén este debe garantir como mínimo: manter o marco laboral actual e avanzar en modificacións que permitan un repartimento máis xusto do traballo e da riqueza. Explícome, mesmo o modelo anterior de relacións laborais deu pulo nas últimas décadas a un aumento dos lucros das grandes fortunas e, como consecuencia, que a clase traballadora choiara máis tempo e a maior ritmo, perdendo salario real, e ademais deterioráronse os ingresos de labregos e os pequenos empresarios.
Os sindicatos en Francia, sen apostar por rachar co sistema, están amosando un nivel de combatividade e teimosía (polo tanto de coherencia) moi superior ás grandes centrais do Estado español (mesmo CCOO xa manifestou que non ía convocar unha nova folga xeral). Neste intre, polo tanto, non se pode argumentar que este é un problema europeo que necesita de maiores complicidades, porque as mobilizacións en Grecia, Francia, Italia, Portugal e outros países, amosan que existe un escenario propicio para resistir esta construción tan reaccionaria da Unión Europea. Non se trata de que o sindicalismo nacionalista non poida convocar unha folga xeral, e que non deba facela en solitario se non hai outro remedio (como pretende), porén a unidade permitiría unha resposta máis forte. Ademais este é un momento no que se suman potencialidades noutros países como as comentadas. Esta acumulación de forzas podería ser abondo como para mudar políticas e redefinir nalgúns aspectos a Unión Europea.
O que esta acontecendo en Francia reflicte asemade, como tamén as mobilizacións en Grecia, un xeito de axer do movemento obreiro que ten a virtualidade de manter no tempo a presión, agudizar as contradicións, e fortalecer a militancia. Non se trata neses casos tanto de facer un día de folga xeral, no que paren todos os sectores, como ir sumando solidariedades no proceso a partir dos núcleos máis combativos, e confrontar até o límite co Goberno. Polo que, con todas as limitacións que este modo de atacar o problema poida ter, de partida, suma máis posibilidades de éxito, que unha convocatoria de folga xeral que se presenta como unha acción sen continuidade. O lóxico é que, se o Goberno central non rectifica, despois dun prazo, as centrais sindicais convoquen accións máis fortes, como unha folga xeral de dous ou tres días continuos, ou folgas un día durante varias semanas, alternadas con outras medidas de forza. Unha folga xeral non pode ser unha acción para lavar a cara, e moito menos utilizala coa finalidade principal de manter o papel dun sindicalismo intermediario co poder económico e político.
En resumo: todo reflicte que a contestación ás medidas de desregulación laboral, rebaixa fiscal aos poderosos, privatización e redución de servizos públicos non acaba máis que encetar; e que Galiza non vai ficar á marxe desta confrontación..