Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
Hai décadas que a loita de clases non é tan álxida; xorde nun contexto no que a iniciativa fica do lado da alta burguesía especulativa que quere impor un modelo económico e social recuando ao inicio do proceso de industrialización. Non existe neste escenario ningunha marxe para a cesión por parte das organizacións sindicais e sociais, e dos partidos defensores dos dereitos das clases populares, se non queren contribuír ao medre da pobreza e da marxinación. A única negociación posíbel é que os custos sobre a economía do xogo de casino nas finanzas (e por extensión na actividade produtiva) os paguen os responsábeis. Aceptar novas contrarreformas, neste caso das pensións, porén virán máis, mesmo restándolle algo de ferro, na práctica sustenta e alenta a desigualdade e as tendencias ditatoriais dunha ínfima minoría de ricos e poderosos.
Por iso resulta difícil de aceptar en calquera negociación, sexa coa patronal ou co Goberno, máxime se é dun tema que afecta a sectores moi amplos, que as organizacións sociais ou sindicais non empreguen todos os recursos de presión que posúen. Mobilizacións que se deben realizar antes de sentar a negociar e durante todo o proceso, para que a iniciativa fique do lado das clases populares. De non facérmolo así, por derrotismo ou porque non hai condicións para frear as medidas que se quere impor e deter futuras propostas na mesma tendencia, é mellor non sentar a negociar, e non avalar a dinámica de retrocesos pactados. A negociación en debilidade sempre beneficia a alta burguesía, e ademais desmobiliza a clase traballadora e sementa o derrotismo, a desconfianza e individualismo, eivas e atrancos que despois leva anos superar.
A actitude das direcións de CCOO e UGT, tanto na negociación da reforma laboral como agora na das pensións, axustouse a esta folla de ruta suicida para a clase traballadora e só é posíbel entender (que non aceptar) se ten como primeira meta obter privilexios pola interlocución co Goberno e a gran patronal. A folga xeral do 29-S había que facela, aínda que fora serodia, se era o inicio dun xeito máis combativo de entender as relacións laborais. Algo necesario no marco da globalización neoliberal e dunha maior disputa aberta pola crise, senón só era un acto de cabreo a destempo, e polo tanto un día de salario perdido. Malia as promesas feitas pasaron os meses na pasividade e agora diante da reforma das pensións todo reflicte que van repetir o mesmo guión.
Danse pobres argumentos para non realizar unha folga que amosaría o descontente masivo da xente, como que, non se poden facer mobilizacións mentres se negocia, esquecendo que a práctica totalidade dos paros (e son moitos) fanse nos procesos de negociación colectiva coa patronal e nas reivindicacións ás administracións. Tamén se intenta botar sobre os traballadores e traballadoras a responsabilidade da falta de resposta, dicindo que as manifestacións teñen pouco seguimento, porén isto tamén se dixo antes da folga do 29-S que logo foi un éxito en Galiza.
A convocatoria de folga xeral da CIG, para o 27 de xaneiro, racha con esta dinámica. Mesmo sendo atrevida é un acerto, porque coloca a cada sindicato no lugar que debe estar na conciencia colectiva en función da súa práctica e non de promesas e discursos. Tensa o debate e enfronta decididamente o aumento da explotación laboral e redución dos dereitos democráticos, polo tanto xera conciencia e permite modificar a acumulación de forzas a medio prazo. Sería aínda mellor unha convocatoria unitaria, porén todo fai pensar que cada vez é menos doado este escenario, e terémonos que ir acostumando á ruptura da unidade sindical, que nos aspectos de fondo é ficticia hai moitos anos.
Supeditalo todo a conseguir a unidade e unha folga total sen esforzos, sería un camiño con menos atrancos (unha vez tomado o acordo), porén cheo de trampas de se manter no tempo. Porque termina fortalecendo como interlocutores aos que non cuestionan o sistema máis que en aspectos superficiais, e ata o sindicalismo reivindicativo á dinámica pactista das centrais estatais. Aínda que rachar esta dinámica teña custos, co tempo permitirá avanzar con paso máis firme e construír un forte polo de referencia. O 27-X, para alén do resultado do paro en números (sempre tan discutidos) será un pulo cualitativo, marca un antes e un despois na clase traballadora organizada... e seguramente tamén no chamado movemento nacional popular galego..
