Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

NA MARXE ESQUERDA

A contrarreforma laboral que vén

31.08.2010 

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ

En plena ofensiva contra os dereitos das clases traballadoras, o goberno de Zapatero aprobaba o día 16 de xuño, o Real Decreto 10/2010 de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo. As medidas recollidas nese real decreto xustificábanse, obviamente, como necesarias para recuperar o ritmo da creación do emprego e reducir o desemprego ante a alarmante situación de desemprego que padece a clase traballadora española. Non obstante, as medidas urxentes recollidas nese real decreto, validado polo Congreso dos Deputados con 168 votos a favor o 22 de xuño, e no proxecto de lei en que se transformou axiña, lonxe de ser as máis axeitadas para satisfacer as anteditas necesidades, semellan máis ben unha nova volta de porca contra as clases traballadoras ao fomentar as situacións de desigualdade entre dous traballadores ante un mesmo traballo, convertendo así o "deber de traballar" nun dereito, como recolle o Tratado constitucional europeo en contra do dereito laboral continental que establecía o "dereito ao traballo", unha das principais conquista históricas do movemento obreiro internacional.

Fixémonos nun dos artigos da contrarreforma laboral que vén, o relativo ás modificacións das condicións do traballo. O Estatuto dos Traballadores impide a modificación da xornada de traballo pactada no convenio colectivo; ora ben, por medio desta contrarreforma, que exclúe a distribución dos tempos de traballo da xornada laboral, ábrese a porta á conversión da xornada de traballo -especialmente protexida-, nun simple cómputo anual de horas -distribuídas aleatoriamente segundo o interese do patrón e á marxe da saúde e integridade física e psíquica do traballador-.

Así mesmo, esta nova contrarreforma laboral suprime as limitacións á utilización de ETT na Administración Pública, construción, minería e outros traballos perigosos, agás en casos excepcionais, fomentando así a dualidade entre traballadores. Unha dualidade que tamén se establece para o caso do fondo de capitalización que establece esta contrarreforma, que cada traballador poderá cobrar en caso de despedimento, mobilidade xeográfica, actividades de formación ou xubilación, pois trátase dun fondo que aforran os empresarios á conta dos traballadores e que será desigual no momento da xubilación de cada traballador, xa que dependerá exclusivamente da súa vida laboral, polo que deixa de ser un dereito equitativo e solidario. Que dicir con respecto á facilidade de despedir que introduce esta nova contrarreforma, que non só abarata o despedimento, senón que elimina numerosos obstáculos existentes na lexislación anterior ao minimizar as causas obxectivas polas que unha empresa pode despedir os traballadores?

En fin, estamos ante unha nova contrarreforma ao servizo dos intereses do gran capital e afastada dos intereses da clase traballadora, na que o executivo esqueceu que a fonte de lexitimación dos cargos de representación política non son os consellos de administración das grandes empresas transnacionais.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS