Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

calidoscopio

Contrarreforma, suma e segue

07.12.2010 

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MANUEL MERA

As medidas tomadas polo Goberno central para calmar os mercados (os grandes capitalistas) son máis unha vez negativas para as clases populares. Neste caso suprímense as achegas económicas a 600.000 desempregados, sen ingreso por paro, efectivízase a privatización do servizo de colocación e dáselle entrada ao capital privado en empresas públicas máis solventes. Axiña subiu a Bolsa e houbo todo tipo de gabanzas polas institucións europeas. Agora ben, con seguridade, como en anteriores oportunidades, en pouco tempo comezarán de novo as presións na procura de novos retrocesos nos salarios, nos dereitos laborais e nas prestacións sociais. Algunhas delas xa están anunciadas, como a reforma das pensións e da negociación colectiva.

Coa reforma da xubilación quérese rebaixar a contía media que recibirá cada xubilado, con este fin estanse debatendo no Pacto de Toledo varias propostas. Quérese reforzar deste xeito os fondos privados de pensións, que son no Estado español moi minoritarios, como unha nova fonte de lucro para bancos e aseguradoras, transferindo os custos dos seus despropósitos inmobiliarios aos pensionistas e aos aforristas, aumentando o custo dos servizos. O que abraia é que o Goberno ceda a estas esixencias da patronal bancaria, que segue especulando e estrangulando o crédito. Asemade, non se pode ignorar que os xubilados con fondos privados perderon coa crise desde un 37% dos ingresos, no Reino Unido, ate un 7% no Estado español.

Con relación á negociación colectiva tanto a patronal como os sindicatos estatais queren modificar os criterios polos que se regula. A primeira, individualizando a negociación, de xeito tal que o traballador perda a forza da unidade, e polo tanto fique totalmente sometido aos criterios que lle impoña o empresario. Por parte de CCOO e UGT quérense eliminar os convenios de ámbito autonómico e provincial, no que ten un gran peso o sindicalismo nacionalista (máis reivindicativo e combativo). Preténdese que todos os convenios teñan un marco estatal, podéndose mellorar no ámbito da empresa (ficarían abandonadas aquelas que teñen pouca actividade sindical). Este tipo de convenios estatais xa existen, e non é casual que teñan unha capacidade de mobilización nas folgas moi cativa e unhas condicións máis baixas que os de ámbito autonómico e provincial.

Neste caso, tan negativo como as medidas tomadas e propostas ¡que o son moito! é a actitude do PSOE que escenificou sen ningún rubor a súa alianza cos grandes grupos económicos, nunha reunión de Zapatero cos 37 maiores empresarios do Estado. A representación e as posteriores medidas, así como unha actitude de complicidade total coa patronal, deixaron practicamente sen argumentación a dereita. Un feito que, para alén do anecdótico, sen dúbida lle vai ter custos electorais ao PSOE, o que xa está causando algunha diverxencia interna. Non moitas porque, despois de todo, hai tempo que este partido é funcional ao modelo neoliberal, como sucede tamén co Partido Popular. As diferenzas están máis que nada nas formas e a intensidade á hora da aplicar o modelo, e ademais na escenificación mediática como a esquerda.

A conxuntura estase aproveitando polas clases dominantes, no eido da Unión Europea, porén tamén do Estado español, para intentar axeonllar os traballadores e derrotar estratexicamente as organizacións de clase. Non se fai só para mudar favorablemente a correlación de forzas para a próxima etapa, por un problema de poder, senón ademais, e fundamentalmente, para aumentar as taxas de lucros ¡por cobiza! Os prexudicados: as clases populares e os países dependentes.

De se impoñer esta tendencia con seguridade recuarase noutros aspectos, como: o ecolóxico, militarismo, dereitos democráticos, diversidade cultural e lingüística, cuestión nacional, etc. Porque os avances existentes neses temas non son soamente resultado do paso do tempo, senón dunha determinada correlación de forzas entre as clases sociais e do peso político da pluralidade nacional e cultural. Non é casual que na carta dos grandes empresarios ao Rei do Estado español estes non só falaran de temas económicos e laborais, senón tamén do estado das autonomías e dereitos democráticos. Os temas económicos, sociais, culturais, lingüísticos, etc., están intimamente relacionados no mundo actual. Ignoralo, cando os poderosos os teñen tan presentes, sería ademais dun erro un suicidio. A mobilización segue sendo a única solución..

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS