Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

DE EDITORIAL GALAXIA

'O corazón da branca neve', a nova novela de Francisco Castro, métese no tráfico de seres humanos da man do inspector Hermida

Francisco Castro - FOTO: Galaxia
Francisco Castro - FOTO: Galaxia

17.10.2013 
A- A+

O sórdido mundo das mafias, a corrupción policial, a trata de humanos, o roubo de nenos... Un sinuoso e escuro camiño polo que transita o inspector Hermida no libro 'O corazón da branca neve'. A nova novela de Francisco Castro ofrece entretidas pescudas, suspense e sonoras sorpresas arredor do caso dunha nena roubada a unha rapaza inmigrante. Ofrece Castro un relato policíaco con moita intriga, nunha historia que pulula a miudo polos infernos, poboada de bandas criminais como as que nos golpean con frecuencia nos informativos da vida real. A novela está editada pola Editorial Galaxia na colección 'Literaria'.

O autor, Francisco Castro (Vigo, 1966), traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.

É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia.

En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica 'O ceo dos afogados' que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.

En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de 'Chamádeme Simbad' (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e 'O segredo de Marco Polo' (2010).

Galaxia
Portada de 'O corazón da branca neve'
FOTO: Galaxia

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS