Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.01.2018 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

COUSO E ARCA

"Cousas que non vin nin vivín nin oín"

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ  | 15.01.2011 
A- A+

"Arqueiros que montaban sobre grandes mosquitos"...; "En canto chegamos á Lúa..." ; "Mulleres-videiras que dende o van tiñan todo o que hai que ter e das puntas dos seus dedos abrollaban bacelos colmados e acios". Que diriamos ao lermos tres fragmentos coma os anteriores? Quizais pensaramos nuns textos recollidos dun libro de ciencia ficción ou de anacos rescatados dun delirio. Os lectores que se acheguen ao escritor Luciano de Samósata ficarán sorprendidos diante da capacidade de fabulación e imaxinación deste curioso creador que viviu ao longo do século II da nosa era e que acostuma ser encadrado na denominada Segunda Sofística, un movemento cultural interesado no vencello do seu tempo co esplendor clásico ateniense.

Por iniciativa (plausible) da canguesa Editorial Rinoceronte (que, nun exemplo de dignidade e compromiso social, destina o 5% das vendas a proxectos no Terceiro Mundo) vén de ofrecerse en versión galega este volume titulado Relatos verídicos (ou tamén Historias verdadeiras seguidas dun índice con explicación de nomes de personaxes e lugares citados), en edición e tradución de Xurxo Pereira e Xosé Abilleira, que nos pode servir para coñecermos máis polo miúdo o narrador e os particulares universos que foi quen de plasmar, que nos chamarán a atención por quiméricos e futuristas así como polo grao de parodia e sátira que supoñen. Características que o mesmo Luciano de Samósata nos lembra no limiar desta historia incrible (e paródica) das viaxes e dos libros de tal asunto: "Esforceime por vanagloria en legar algo á posteridade para que non fose eu o único privado da liberdade de narrar historias; e posto que ningunha cousa verídica podía relatar /.../ virei cara a unha ficción /.../ e direi verdade ao admitir que minto". Relatos sorprendentes imaxinados por quen comezou a comprender as cousas, as causas e os comportamentos das persoas antes de que todo sucedera. Un libriño do escritor que se achegou á parodia desde as artes, a filosofía e a literatura..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS