Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

DENDE AS ONDAS

¿Crise? ¿Que crise?

16.05.2010 

3.5/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ANTONIO GUTIÉRREZ

Xa nos deron a mazada longo tempo agardada. O Goberno segue o exemplo do sabio Felipe González. O leonés, coma antes o sevillano, failles pagar aos cidadáns unha crise que de entrada non existía, anque coma o ingreso na OTAN, de saída resultou ser un mihura sen afeitar. Por fortuna para o noso equilibrio psíquico, Zapatero non é Pedriño o do conto do lobo. Malia as mentiras masivas propaladas polos seus mariachis, ten tan pouca credibilidade que todos sabiamos que había crise e que ía ser moi dura. Por iso agora, cando este Pedriño chusco recoñeceu no Congreso que viña o lobo, non nos colleu de novas. De aí que ata sorprenda esa irada reacción dos moi domesticados sindicatos maioritarios, aos que a fartura lles impide poñerse bravos.

Os contribuíntes, xa curados de espantos, acollemos as draconianas medidas con tranquilidade. E velaí o talento sen par do noso inigualable presidente. Durante anos anestesiounos con cantos de serea, falsos pero engaiolantes, para evitarnos agora o trauma. Colaboradores nós, non quixemos tapar os oídos malia coñecer a lenda de Ulises e agora estamos preparados para os anos de penuria que temos por diante.

A política da recuperación económica do Goberno consiste na conxelación das pensións, a redución do salario dos funcionarios nada menos ca nun 5%, a retirada do cheque bebé a partir do 2011 e o recorte dalgúns dereitos da Lei da dependencia. A isto habería que engadirlle que na declaración da renda teremos que incluír como ingresos as axudas do plan Renove para mercar un vehículo novo e os cartos recibidos por fillo nado. ¡Menos mal que estamos na senda da recuperación económica e xa medramos, senón pensaría que isto o fai un goberno de dereitas!

Todos coinciden en que, chegados a este punto, os recortes eran inevitables. Pero pregúntome que clase de política social é a que conxela as pensións cando o IVE vai subir dous puntos e o IPC interanual escala ata o 1"7%. Pregúntome por que teñen que pagar o déficit público as viúvas e os xubilados cando ese burato é obra da incompetencia manifesta e dos desbaldimentos continuados de Zapatero e dos gobernos autonómicos. ZP presenta como solidaria unha rebaixa salarial do 15% para os altos cargos, pero dado o nivel dos seus emolumentos é moi escasa. Teño para min que nestes momentos apenas nos diferenciamos de Grecia.

Para desviar a atención polo ataque ás pensións, o noso líder mundial quitou do chapeu outra das súas xenialidades. A crise hana pagar os funcionarios. Se será reaccionario este Zapatero que ata o Antigo Testamento recoñece que todo traballador ten dereito á súa paga. El vén negárllela agora coa súa vitola de progre.

Non hai nada máis demagóxico, pero nada máis popular que fustrigar os funcionarios. Iso sábeno ben en Moncloa, ese búnker especializado no agit prop máis rancio. De feito, case a metade dos españois aplauden que se prexudique a traballadores, o que denota xa por onde imos en ética social. Os funcionarios, como o seu nome indica, fan que o Estado funcione. Hainos mangallóns coma en todas partes, pero a meirande parte traballan dilixentemente. Cando as vacas son gordas, os traballadores da empresa privada perciben incrementos salariais que xa quixeran para si. Cando veñen tempos de penuria, bótaselles en cara que teñen traballo fixo. Hai oposición cada pouco. O que queira que se peche meses na casa e as prepare.

O desacougante de todo isto é que ZP non quere aprender. Mendigou durante anos un aloumiño de Wáshington, que non lle perdoou aquel desplante á súa bandeira. Agora fixo oídos xordos á crise e ten que baixar os pantalóns perante Obama e a UE e aplicar medidas impostas dende fóra para evitarnos a creba. E nin así ten a vergoña de asumir a súa responsabilidade. Se o fixese dimitiría. Iso é o que fan os políticos decentes nas democracias de verdade cando os seus erros levan o país ao desastre.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS