Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

:: investigación

A crise dos 50 agora empeza aos 30

As cargas económicas, laborais e do fogar, con longas xornadas de traballo, poucas relacións sexuais e sobrecarga familiar adiantan o declive da idade adulta, alerta un estudo realizado no Reino Unido. O contacto cos fillos, a través do Facebook

ALBA CARID   | 30.09.2010 
A- A+

O estrés froito das cargas económicas e familiares cando se contan 30 anos pode derivar nunha depresión

Moitos manuais de psicoloxía adoitan referirse acotío á chamada "crise dos 50", para sinalar un conxunto de cambios psicolóxicos e anímicos nas persoas adultas, que por primeira vez se decatan que a xuventude vai quedando atrás no tempo, e xa é necesario encamiñarse cara a etapa da madurez. Pouco despois de que se popularizase esta idea, algúns especialistas comezaron a falar de que o medio século de vida xa non se correspondía coa idade daqueles que estaban a sufrir a "crise do ser adultos", e que esta se estaba a dar xa en individuos que sopraban corenta (e pico) candeas no seu aniversario. Pero hoxe en día, esta idea tamén quedou desfasada: o que se leva é padecer os efectos da "crise dos 30". Ou polo menos, é o que afirma unha enquisa levada a cabo no Reino Unido, cuxos datos amosan que dos 2.000 entrevistados, os que máis solos e deprimidos confesaron sentirse tiñan entre 35 e 44 anos.

A asesoría de relacións persoais Relate, autora deste estudo, sinala que "os datos evidencian unha verdadeira crise da idade adulta". "Tradicionalmente asóciase o comezo deste declive a persoas que están chegando ao final da década dos 40 ou 50, pero o informe revela que este período está a afectarlles ás persoas cada vez máis cedo", afirma Claire Tyler, presidenta executiva.

Dos 2.000 individuos entrevistados, o 21% de homes e mulleres de entre 35 e 44 anos afirmou que se sentían sós a maior parte do tempo, e unha porcentaxe similar expresou que os problemas derivados das súas relacións interpersoais deprimíaos. Ao tempo, a sondaxe tamén revelou que o 28% dos participantes membros desa franxa de idade renunciaran a un emprego debido ás malas relacións cun colega de traballo.Para Cary Cooper, presidente de Relate e investigador de estrés laboral na Universidade de Lancaster (Inglaterra), é moi posible que se produza un aumento deste tipo de casos, posto que debido á coxuntura económica esixiráselle máis traballo a menos empregados."Calcúlase que no Reino Unido, o custo anual derivado dos problemas de saúde mental relacionados coa vida profesional é de 44.000 millóns de dólares (máis de 32.000 millóns de euros), asi que estamos ante un problema enorme", sinalou o investigador.

O estudo tamén amosa que as largas xornadas laborais, as discusións, a repartición das tarefas domésticas e a falta de relacións sexuais son os factores que homes e mulleres sinalan como a fonte máis común dos seus problemas coa parella. Cando se trata dos fillos, acúsase unha importante perda do contacto directo, posto que o Facebook é a nova vía de comunicación familiar, o que resulta nunha imaxe do máis gráfica de cal é o estado das relacións familiares na vida moderna.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS