Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 19.09.2014  | Actualizado 00.18

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

POR NAVEGAR AO DESVÍO

O decretazo

EstévezFOTO:
EstévezFOTO:

CARLOS CALLÓN   | 15.11.2010 
A- A+

Pecho con este a serie de tres artigos-síntese cos que pretendín presentar unha panorámica xeral dos procesos de galeguización e desgaleguización do ensino desde 1995 até hoxe. Finalizo, como non podería ser doutro xeito, abordando o decretazo contra o galego, que xa varias veces foi motivo de análise nesta páxina, mais sobre o que cómpre voltar. Esta norma supón o perigo máis forte contra o que se enfronta o noso idioma, en especial porque acelera a súa perda nas zonas urbanas e porque estende a idea diglósica de que o idioma de Galiza non é válido para todos os coñecementos.

Unha norma rexeitada

O penúltimo día do ano 2009 a Xunta deu a coñecer o seu rascuño de decreto para derrogar a norma de 2007 pactada polas tres forzas con representación no Hórreo. Desde o principio até o final do proceso, a agresiva e unilateral proposta do PP contou co rexeitamento unánime de todas as comunidades educativas: todos os sindicatos do profesorado, todas as organizacions estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e -excepto unha- todas as asociacións de nais e pais de Galiza.

No primeiro semestre do ano en que nos encontramos, 2010, producíronse dúas manifestacións contra o chamado "decretazo contra o galego"; en ambos os casos, desbordáronse as rúas de Santiago de Compostela, na liña do que acontecera o 18 de outubro do ano anterior.

No proceso, a Xunta tamén se encontrou co rexeitamento da mesa sectorial de Educación, do Consello Escolar de Galiza e do Consello Consultivo. Xorda e inflexíbel, seguiu adiante co seu proxecto de decreto, aínda que no camiño introducise algúns cativos matices.

Os eixos desta norma pasarán a ser:

1. Prohíbense as experiencias educativas en galego na educación infantil que se puxeran en andamento de xeito voluntario durante o bipartito e que contaban cunha demanda crecente nas cidades.

2. Na educación infantil, as familias serán preguntadas sobre a "lingua materna" da nena ou do neno e, segundo cal for a resposta maioritaria, todo o ensino será nese idioma. No entanto, esa cuestión formúlase nun anexo á matrícula, xunto con outras preguntas e sen indicar cales son as consecuencias da resposta. Con esta forma de actuación, o que se pretende é varrer o galego nesta etapa nas cidades, xa que o decisivo pasa a ser cal é o idioma que se utiliza no día a día familiar, non o que se pode elixir no ensino.

Dito doutro modo: unha familia (declarada) castelán falante non poderá solicitar educación en galego. O matiz é importante; véxase, se non, na práctica dos datos até o momento existentes neste curso escolar: un 40% das familias das sete cidades responderon "galego"; porén, polo xogo de maiorías e minorías, só un 10% das aulas nesta etapa nas sete cidades galegas son neste idioma. Este nivel de desamparo para quen quere educación na lingua propia non se produce en ningunha outra comunidade autónoma do Estado.

3. Prohíbese a docencia en galego das materias científico-técnicas: matemáticas, tecnoloxía e física e química. Esta exclusión é explícita tanto para o proceso oral de ensino-aprendizaxe como para a recomendación de materiais. Nunca en 30 anos de democracia se produciu situación semellante en ningún lugar do Estado español.

4. O ensino en galego en primaria e secundaria pasa a ter un tope do 50% e, se un terzo do horario se impartir en inglés, o máximo pasaría a ser o 33%. Dito doutra maneira: a presenza teito é a que os decretos de 1995 ou 2007, de que falamos nos artigos anteriores, consideraban mínimo. Porén, fontes sindicais -non negadas pola Administración, que non ofrece datos- calculan que a porcentaxe de docencia en galego no ensino non universitario non chega ao 25%.

5. O novo decreto denomínase do "plurilingüismo", aínda que tal nome foi fortemente criticado por falaz, xa que a limitación ou mesmo prohibición da lingua propia en determinadas áreas nega a diversidade idiomática que se di promover. Este nome ten unha finalidade propagandística: dar a entender que o obxectivo deste decreto é mellorar o ensino de inglés (a ecuación subxacente é perversa: saberemos máis inglés canto menos galego soubermos).

Mais a realidade é que as aulas deste idioma na primaria e na secundaria continúan masificadas. O único que se fixo foi crear unha liña de axudas para que os centros de ensino poidan pasar a ministrar unha parte das súas materias en inglés. A maioría dos 52 centros que se acolleron a este programa son privados. Parte deles, reservan o galego nos seus proxectos educativos ás materias de educación física ou relixión. A verdade é que o plurilingüismo se configura só como unha camuflaxe para reducir a presenza educativa do idioma galego.

Menos dereitos que en Francia

Ao final dalgúns dos puntos antes sinalados indicaba que hai restricións que padece o galego con este decreto que non teñen parangón en ningunha outra comunidade autónoma do Estado español en 30 anos de democracia. Goberne quen gobernar estas comunidades, habería que acrecentar, pensando por exemplo nos modelos de Nafarroa ou València.

Mais hai un punto que me gustaría subliñar con especial énfase: que esta norma coloca o galego moi por debaixo das posibilidades educativas que teñen por exemplo as linguas que no Estado francés nin tan sequera contan con recoñecemento oficial, como o vasco, o catalán ou o bretón. Non é hipérbole: na xacobina Francia non se prohibe, como aquí, que unha familia teña a opción de escolarizar a súa crianza no seu idioma propio. E iso que, como é ben sabido, o Estado francés está considerado, con exactitude e xustiza, como un dos que menos recoñece e protexe a súa diversidade lingüística e cultural.

E agora que?

Galiza encóntrase nestes momentos cun modelo lingüístico no ensino que pon en serio perigo o presente e o futuro do idioma propio do país. A aprendizaxe do inglés, que é un obxectivo que todo o mundo comparte, está a ser utilizada como escusa para reducir a presenza da lingua de Galiza.

A comunidade galega é o primeiro territorio do Estado onde, pola vía dos feitos, se está a ensaiar o desmantelamento da oficialidade dunha lingua recoñecida xuridicamente a partir da restauración democrática. Porén, todo parece apuntar a que existe un proxecto estatal para estender esta involución a outros lugares. Así, o PP nas Illes Balears comezou a mudar o seu discurso sobre a lingua no ensino e, igual que fixo este partido en Galiza, pasa a considerar que o decreto do 50% (que esta formación promulgou cando gobernaba ese arquipélago) é unha "imposición" e atenta contra a "libertad lingüística". Se se consumará ou non a ofensiva é algo que aínda está por ver, porque ambos os territorios contan cunha resposta social moi importante.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS