Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

réplica

Democracia real xa! (Loamos a política profana)

ÓSCAR LOMBA E BRAIS FERNÁNDEZ   | 24.05.2011 
A- A+

A Daniel Bensaïd, in memoriam

 

O que se considera cegueira do destino é en realidade propia miopía

William Faulkner

 

Nestes tempos de desasosego e incerteza resulta oportuno comezar a cuestionarse formulacións caducas que aínda son o cravo ardendo no que se suxeita a maltreita esquerda. Estamos nun contexto no que o debate ideolóxico da esquerda necesita reforzar os argumentos dun proxecto transformador e renovado que revitalice o pensamento emancipador tradicional que une os clásicos coas diversas experiencias e achegas das novas culturas antisistémicas do movemento alterglobalizador e anticapitalista de hoxe.

Vivimos o período do esgotado enxalzamento da política epidérmica, da conversión do compromiso político nun mercado do voto. A política debe deixar de ser un feudo enclaustrado nun círculo pechado onde participan só grandes partidos-empresa que controlan os mecanismos da opinión mediática, os dispositivos informativos, a publicidade, a mercadotecnia, as sondaxes...

Este arquetipo da política tradicional adquiriu un papel desligado da cidadanía e creou unha técnica e uns paradigmas de funcionamento absolutamente distanciados da sociedade e extremadamente elitistas que alteraron a percepción do que é a verdadeira política. Desconcerto, preocupación, descontento e confusión son os trazos desta época. A crise do sistema capitalista xa non é só unha crise económica, enerxética, ecolóxica, alimentaria e social senón que tamén é unha crise política e moral. O concepto tradicional de política entrou en crise porque esta política non nos representa e só serve aos intereses dunha minoría, é corrupta e ineficaz porque como salienta Luigi Ferrajoli, "canto máis se debilita a relación de representación, canto máis se separan da sociedade os representantes, tanto máis esencial faise o paradigma constitucional, é dicir, o sistema de límites e vínculos, de separacións e garantías, idóneos para impedir a corrupción e a dexeneración burocrática e autoritaria". A cidadanía quere participar e demanda liberdade e democracia, pero real e demándaa xa.

Cómpre democratizar a política mais tamén a economía, o mundo do traballo e as relacións de produción. A democracia que queremos é radicalmente distinta das actuais democracias formais. Democracias que se revelaron alleas, que demostraron ser incapaces de darlles resposta aos problemas da cidadanía, en definitiva, democracia deturpadas que moitos cidadáns xa non consideran representativas. E iso é moi perigoso para o actual modelo pois o deslexitima. Por que? Porque os sistemas representativos teñen algo de solipsistas, como diría aquel filósofo e bispo anglicano irlandés George Berkeley: Necesitan ser recoñecidos e aceptados para existir e sobrevivir. Só existe o sistema se nós o aceptamos.

A cuestión é que a esquerda non pode seguir vivindo no pasado. Xa non existen partidos obreiros importantes e a clase traballadora non está disposta a esperar a chegada desa futura revolución que edifique o paraíso na Terra. Ás persoas indignadas coa -como afirma Manuel Rivas- "usurpación da democracia, os políticos profesionais como mordomos dos poderes económicos, o saqueo dos dereitos dos traballadores, a manipulación da información para administrar arsénico..." deben intervir sen medo e como dixo Stéphan Hessel "é tempo de mobilizármonos, de deixarmos de ser espectadores impasibles". Hoxe máis que nunca, loamos a política profana.

Pensamos que nun escenario de democracia representativa, a política implica o paso da esfera individual cara ao colectivo, pero tamén a destreza para a xestión dos recursos existentes e provisión de novos recursos necesarios. Opinamos que debería ser algo moito máis ambicioso e creativo. A política debería ser considerada unha ciencia humana encamiñada á elaboración de proxectos transformadores integrais que pretendan a consecución de niveis aceptables de benestar colectivo apoiándose nunha estratexia baseada na progresiva transmisión dos mecanismos de decisión política ao conxunto da cidadanía, conseguindo unha distribución equilibrada dos artefactos de decisión e incrementando os niveis de participación popular. Tamén debería procurar o logro do benestar material sen esquecer a extensión de valores humanistas e solidarios. Deste xeito transcenderiamos un escenario de democracia representativa -deturpado moitas veces por casos de corrupción, financiamento ilegal, afastamento dos políticos da sociedade civil...- e camiñaría cara a un maior protagonismo do individuo integrado nunha sociedade participativa, aberta e plural. Produciríase así unha sinerxia de vontades encamiñadas ao benestar colectivo esbozado desde as organizacións sociais alternativas e participativas (novos movementos sociais, sindicatos, ONGs, movementos veciñais, asociacións...).

Todos sabemos que as actuais democracias representativas apóianse case exclusivamente nos partidos políticos e isto dilúe as vontades individuais e os potenciais creadores particulares nunha suma estéril non-sinérxica de individuos anónimos. A suma ás veces sofre restas propiciadas por tecnócratas corruptos ou por políticos-vampiro que procuran o seu medre persoal e a autosatisfacción do seu ego en prexuízo da intervención colectiva coherente, coordenada, sinérxica e eficiente.

A democracia formal e representativa debe comezar a dotarse de novos instrumentos de democracia directa e participativa diminuíndo a concentración de poder en poucas mans ou limitando e fiscalizando os centros de decisión política.

Os partidos políticos deberían ser instrumentos máis flexibles e menos pechados onde se fomentase o debate de ideas e se atendese ao interese xeral. Engadiriamos que a política debería sobardar a vasilla partidaria e alagar toda a sociedade. O común non pode seguir sendo decretado de arriba abaixo, senón que ten que ser libremente cuestionado nun proceso interactivo e dialéctico inserido no binomio individuo-sociedade e onde as normas e as bases de convivencia teñen que reelaborarse e decidirse en todos os ámbitos sociais.

Terminariamos dicindo que o poder facer dos individuos e grupos sociais atópase actualmente mediatizado polo control dos recursos económicos e a información. Desta forma convértese nun "poder sobre" que esmaga as iniciativas creadoras do cidadán común creando "democracias catódicas" -en palabras de Ignacio Ramonet- onde o poder político non é senón o terceiro poder. Antes está o poder económico e logo o poder mediático. E cando se teñen eses dous, como ben demostrou en Italia o señor Berlusconi, facerse co poder político non é máis que unha formalidade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS