Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

O rodicio do tempo

Dicionario de Etnografía e Antropoloxía

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ   | 05.06.2010 
A- A+

Eureka! Empezo con esta exclamación de xúbilo pola saída do prelo dunha obra moi agardada por necesaria, case imprescindible, tendo en conta as enormes e transcendentais transformacións socioeconómicas das últimas décadas, non só para os que nos dedicamos a estas xeiras, senón para o público en xeral. De agora en adiante, se queremos saber o esencial de calquera termo etnográfico ou antropolóxico, non teremos máis que botar man do Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, o primeiro que destas características se edita na nosa Terra.

Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo traballaron arreo, revisaron todas as publicacións anteriores, de xeito que cantos acudan a esta obra tiren unha idea precisa e clara do termo que desexen coñecer ou lle suscite dúbida, acompañado da bibliografía máis senlleira referida a este.

Os autores ofrecen información dos tres ámbitos nos que se divide toda cultura e sociedade: o material, o social e as crenzas e saberes. Na primeira xeira está a produción agraria (cultivos e apeiros), xunto coa gandería -os dous piares sobre os que se asentou a nosa economía tradicional dende sempre-, a pesca, os oficios (os que perduran e os que desapareceron); a alimentación e a súa evolución, o transporte, a vivenda, as construccións auxiliares e as feiras e mercados.

No ámbito social, atopamos entradas referidas á familia, á herdanza (a partes iguais, con mellora, a pervivencia do morgado...); as etapas da vida (infancia, mocidade, casamento, vellez, morte...), etc. Por último, o terceiro acolle o mesto mundo das crenzas e da relixiosidade, as festas, romaxes, literatura oral, música, medicina e bruxería. As culturas e as sociedades non son estáticas; están en continuos cambios. Sempre foi así, pero os do século XX foron espectaculares, de total ruptura co pasado en moitos casos. Nunca se deran tantos xuntos, tan grandes nin en tan pouco tempo. As persoas maiores (avós e pais, e nós mesmos nalgúns casos) foron testemuñas destes trocos, especialmente dos producidos dende mediados do século pasado en adiante. Empeza con abella e remata con zoqueiro. Entre ambas as dúas entradas hai centos de palabras, unhas máis cumpridas que outras, segundo a importancia: agricultura, albeite, barco, coresma, cruceiro, educación, emigración, entroido, historia da Antropoloxía, hórreo, maios, muíño, transporte, xitanos...

Non falta ningún dos temas de actualidade, mais o groso do conxunto refírese ao período de finais do século XIX a mediados do XX, cando se desenvolveron as mudanzas transcendentais, a despoboación do campo en beneficio do urbano, o abandono da agricultura e da gandería pola industria... Con grande acerto, os autores advirten no limiar que "os usos e costumes tradicionais non se deben á ignorancia dos campesiños, artesáns e mariñeiros, senón que son resposta razoable a factores xeográficos, históricos, económicos ou demográficos". Esto é o primeiro que debe ter en conta quen tente coñecer os costumes e as tradicións, non só de Galicia, senón de calquera pobo. Trátase de saberes, coñecementos, crenzas, conceptos... que os seres humanos residentes nun mesmo anaco de terra adquiriron e descubriron ao longo dos séculos, que non teñen porque ser mellores nin peores que outros, nin tampouco cadrar coas nosas verdades, cos coñecementos científicos actuais... Son diferentes, sen máis.

A nosa cultura popular rica de por si, de agora en adiante aínda é máis, pois canto mellor se coñeza moito máis será valorada.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS