Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
Arranca o curso universitario nun clima de cambios e desconfianzas. Os reitores das tres universidades galegas coinciden en pedir máis orzamentos para poder manter o pulso cos compromisos na docencia e na investigación, ademais de enfrontar os cambios introducidos co Plan Boloña. Porén todos sabemos que esta crise tamén vai producir transformacións necesarias no xeito de administrar a propia autonomía universitaria. Imponse a necesidade de abordar unha colaboración máis estreita entre os tres reitorados, unha maior racionalización dos recursos, descender no gasto, que ás veces se multiplica por tres innecesariamente, e desbotar criterios localistas que poden rematar en loitas fratricidas.
Todos, docentes e políticos, concordan nestes obxectivos como base primordial de entendemento. Así o manifestou tamén o presidente Feijóo onte en Fonseca, nun discurso axeitado á realidade ou ó que se agardaba escoitar do máximo mandatario de Galicia. Porén, conviría aconsellarlle ó presidente que remita o seu discurso ós seus conselleiros, especialmente ó de Educación e á de Sanidade, co obxecto de que deixen no caixón do esquecemento as aventuras políticas localistas, minifundistas e clientelares das que fan uso e abuso dende a súa toma de posesión.
