Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

DENDE AS ONDAS

Dura reforma

13.06.2010 

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ANTONIO GUTIÉRREZ

O diálogo social foise polo sumidoiro. Realmente non sorprendeu a ninguén. A ruptura estaba programada dende o momento no que a parte do león sabía que todo xogaba ao seu favor porque o árbitro xa adoptara de antemán a súa propia postura. Era cousa de gardar as aparencias do diálogo, tan politicamente correcto hoxe en día, pecharse no castelo e agardar a que tocase a campá. Os grandes empresarios, eses individuos que seguen presentando beneficios récord, que aínda non tiveron que vender o iate, as mansións, as xoias... e que seguen gozando da vida propia dos ricos, amosan unha vez máis a súa tradicional rapina insaciable, indiferentes ante as traxedias que viven millóns de concidadáns.

A esquerda do PSOE nunca foi quen de rachar a dinámica perversa que está a converter os ricos en cada vez máis poderosos e os pobres en cada vez máis dependentes dos servizos sociais. Por iso cómpre lembrar o maxisterio tradicional da Igrexa en materia económica.

Xa dende os primeiros tempos moitos Pais sentenciaron que un rico non era máis ca un ladrón ou un fillo de ladrón. Por iso Xesús sabía que lles ía ser tan difícil entrar no Reino de Deus (a isto chámalle agora demagoxia esa dereita ultramontana que tanto gusta de deixarse ver nas procesións e que tanto berra en defensa dun catolicismo amaestrado co que quitar votos). Dende logo, ninguén se fixo rico pagando salarios xustos.

Zapatero, que é un laicista pragmático, foi ao Vaticano a recibir a bendición papal consciente de que mal non lle ía facer. Así, cheo de trascendencia, volveu con aires de eternidade e proclamou que a reforma que vén de presentar non está pensada para o curto prazo de seis ou oito anos. Dá a impresión de que regresou de Roma mareado polos efluvios do incenso. Porque non vai seguir na Moncloa tres lexislaturas máis e o PP, se gaña as xerais, non deixará pasar un día para cambiar o texto para endurecelo aínda máis.

Con esta reforma, esa esquerda tan sui generis que vén sendo o PSOE, dá un salto cualitativo, como xa fixo cos recortes sociais. De facto, o documento dinamita dereitos tan arraigados coma o convenio colectivo. A partir de agora, unha empresa "en crise" poderá modificar o convenio sen acordalo cos traballadores. Por moita arbitraxe que se impoña, isto é un cheque en branco que nos retrotrae ao peor franquismo. A reforma pretende tamén fomentar os contratos indefinidos en detrimento dos temporais. Iso é desexable. Pero a cambio abarata o despedimento. E aínda así temo que os traballadores temporais nunca chegarán a acumular os contratos suficientes para adquirir a categoría de fixos. Resulta moi preocupante que un empresario poida despedir libremente sempre que a empresa leve seis meses con perdas. Isto cando menos daralle traballo aos especialistas na enxeñería contable. E por se houbese pouco burato nas contas públicas, pagaremos do noso peto parte das indemnizacións por despedimento. Teño para min que os empresarios pasan a fin de semana bailando na punta dun pé e brindando con champaña francés.

É evidente que os desbaldimentos e as torpezas do Goberno obrigan agora a pasar por estes calvarios. Pero un bota de menos, por exemplo, un control rigoroso da xestión dos empresarios.

A empresa é un ben de dimensión social, malia que a titularidade sexa privada. Por iso nos malos tempos rescátanse con cartos públicos. Todos coñecemos empresarios que foron á creba simplemente por vivir por riba das súas posibilidades. Ese comportamento irresponsable debería ter unha sanción penal.

Por se a cousa estivese pouco revolta, seguimos a padecer a inflación de ex presidentes. O ínclito Felipe González, aquel que crebou o Estado e que tivo unha actuación tan democrática na loita antiterrorista, acaba de darlle a Zapatero unha solución alucinante. Para superar a crise cómpre afianzar a militancia pura e dura. É dicir, para maquear o desbaldimento o PSOE propón exacerbar o sectarismo. Moi seu.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS