Neste exercicio Ferrol terá Orzamentos grazas ao acordo do Partido Socialista coa Esquerda Unida de Iolanda Díaz. Resaltar como sinais de identidade dos mesmos os destinados á participación directa dos cidadáns que pasan a tres millóns de euros, así como a suba na zona rural, obras e máis dun vinte e catro por cento no gasto destinado aos servizos sociais e muller, que fixeron posible a súa aprobación.
Quizais, un bota en falta unha vida municipal cunha maior capacidade de interlocución entre as forzas políticas do Concello, especialmente entre os tres da esquerda (PSdeG, EU e BNG). En calquera caso, é inasumible a inasistencia ao pleno dun PP que pretende facer dos desacordos das esquerdas o eixe da súa longa precampaña. Este nin sequera logra sumar á súa escisión, Independentes por Ferrol, que prefería uns "malos orzamentos" a ningún.
Din que neste acordo para os Orzamentos está o achegamento das eleccións do 22 de maio; así como a dispoñibilidade de reeditar o pacto municipal das esquerdas. Ogallá. Tras a súa ruptura (en outubro de 2008) moitos cidadáns progresistas reclamabamos publicamente a recomposición da súa colaboración, ampliada ademais aos nacionalistas. Recentemente, o propio alcalde socialista Vicente Irisarri deixaba as portas abertas para un goberno conxunto.
A xestión diaria nas institucións fai esquecer para a esquerda que a súa unidade é unha cuestión estratéxica. Probablemente é, dende o poder máis preto aos cidadáns, onde esas mesmas esquerdas deban ensaiar o seu modelo alternativo en favor do cambio social irreversible. E no curto prazo facer crible a alternativa á dereita política..