Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

XV ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN

Expertos pintan moi escuro o presente da nosa lingua no ensino, os medios e a empresa

Carlos Callón escandalízase porque o galego non existe no 96% dos colexios de Infantil das cidades de Galicia // A xornalista Carme Vidal cre que a prensa en galego vive o peor momento dos últimos 30 anos // Iván Vaqueiro recoñece que no mundo da economía está todo por facer // Paz Lamela, que era directora xeral de Política Lingüística no inicio da norma sobre o galego nas escolas, apela á concienciación como mellor recurso para defender e promover o idioma

De esquerda a dereita, Iván Vaqueiro, Carmen Vidal, Xaime Subiela, Paz Lamela e Carlos Callón - FOTO: XC
De esquerda a dereita, Iván Vaqueiro, Carmen Vidal, Xaime Subiela, Paz Lamela e Carlos Callón - FOTO: XC

SANTIAGO. X. CEA  | 19.04.2013 
A- A+

A práctica totalidade, un 96%, dos colexios de educación infantil das cidades de Galicia non imparten nada en galego. Este dato proporcionouno o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, no transcurso dos Encontros para a normalización lingüística que se celebran este xoves e este venres no Consello da Cultura Galega, en Santiago. Callón mostrouse escandalizado e insistiu en que a Lei que regula o uso da lingua segue sen cumprirse. A situación, pois, está atrancada, e a lingua esmorece. Vivimos unha situación triste transicional, dixo Callón, vendo éxitos pasados. Agora, e resumindo, "non se recoñecen dereitos para que non poidamos exercelos".

Carlos Callón relatou as actividades da Mesa, baseadas esencialmente na reivindicación e na sensibilización, en ocasións con resultados concretos, e criticou a parálise de institucións que deberían abandeirar a defensa activa do galego, como o Consello da Cultura, a Real Academia ou o Instituto da Lingua. A Mesa, que ve como aumentan os seus socios cada ano e que agora conta con 4.000, convocou e organizou mobilizacións significativas nos anos 1987, 2006 e a partir de 2009. Tamén preparou conferencias, actos de promoción e campañas divulgativas en situacións desfavorables. Callón referiu como gobernos do PP lle ofreceron diñeiro á Mesa a cambio de silencio, oferta que foi rexeitada: "Somos pobres pero tamén honrados", dixo.

O presidente da Mesa recoñece que a situación é complexa, con casuística variada e a veces dificilmente explicable. Citou como exemplo o caso do grupo de persoas que non fala galego pero que o defende mesmo participando nos actos de protesta. É un fenómeno contraditorio que está aí. Insiste en que o futuro da lingua está na xente que aínda non a fala, e comprometeuse a seguir na actitude de non calar, de aplaudir as escasas iniciativas, e de pedir que as institucións fagan algo, ademáis da política de homenaxe.

PAZ LAMELA: A CLAVE É A CONCIENCIACIÓN

Paz Lamela, mestra nacional e licenciada en Filosofía e Letras, foi pioneira. Como directora xeral do Ensino da Lingua Galega primeiro (1983) e como directora xeral de Política Lingüística despois (1984), coordinou e impulsou a posta en marcha da nova norma legal que regula desde aquela o uso do idioma nos centros de ensino de Galicia. Paz Lamela, cun gran bagaxe de experiencias no seu haber, recomendou utilizar a ferramenta da concienciación, en lugar da imposición, para conseguir máis falantes.

Lamela referiuse aos tempos no que non había nada, por suposto tampouco cartos. Relatou as dificultades de empezar unha docencia do galego cando non había docentes formados. Entón foi moi valiosa a axuda do Instituto da Lingua e dos medios de comunicación e "de todos", dixo expresando agradecemento. Tamén contou anécdotas salpicadas de nomes con responsabilidades dos gobernos de entón e algúns mesmo ilustres.

Paz Lamela, que tamén tivo responsabilidades no departamento de Cultura con Fraga, recoñeceu que non lle gusta o decreto actual de plurilingüísmo. Rexeitou os datos que deu Callón sobre a ausencia do galego nos colexios de Infantil, alomenos na provincia de Pontevedra, que á que dixo coñecer. Callón insistiu e aseguroulle que el mesmo participara na recollida de datos.

CARME VIDAL: CRÓNICA DUN FRACASO

A xornalista Carme Vidal, licenciada en Filosofía e tamén en Xornalismo e que agora desenvolve a súa actividade profesional na redacción do 'Sermos Galiza' (dixital diario e semanal en papel), percorreu os trinta anos de vida da norma do ensino en galego achegando datos referidos aos medios de comunicación. Definiu este percorrido como a "cónica dun fracaso". E non é que non se cumpriran as expectativas, senon que atravesamos "o peor momento en trinta anos".

Despois de recordar as desparicións de medios como Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Xornal ou L-V, referiuse a unha situación alarmante e desastrosa. Afirmou que as axudas non cumpren os obxectivos legais de uso da lingua, que debería ser habitual e progresivo, e a día de hoxe o galego esmorece nos periódicos cunha precariedade absoluta, practicamente ausente, cuantitativamente moi afastado dos obxectivos marcados no Plan de Normalización aprobado con consenso no ano 2004.

IVÁN VAQUEIRO: O VALOR DO GALEGO NA ECONOMÍA GLOBAL

Licenciado en Ciencias Políticas e emprendedor con empresas propias, tamén é director de proxectos da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape). Vaqueiro explicou como a promoción do uso do galego no mundo da empresa se ampara no seu valor de competitividade na economía global. O peso que terá no futuro próximo o PIB dos países emerxentes será enorme, e dentro desas zonas en ascensión están algunhas moi cercanas a Galicia pola fala.

Os países nos que se fala portugués constitúen unha oportunidade que non hai que deixar de explorar e traballar. Brasil, Angola, Guinea Bisau, Timor Leste, Sao Tomé, Mozambique ou Cabo Verde súmanse a áreas tan importantes como a india Goa ou a china Macao. Explicou Vaqueiro que afinidade lingüística abre moitas portas, e mesmo contou un caso real no que unha multinacional galega cerrou un negocio con rapidez malia a gran influencia doutros países que parecían lóxicos gañadores do contrato.

A pesar de todo, Iván Viqueira foi claro ao sinalar que na empresa, no que atinxe á promoción da lingua galega, está todo por facer.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS