Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Folga xeral contra da Historia

17.05.2010 

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

XOSÉ A. GACIÑO

Recordan aqueles primeiros momentos da gran crise, cando ata Bush parecía keynesiano? A medida que se coñecían os detalles e ramificacións da desfeita provocada polo terrorismo financeiro, abondaron as voces que afirmaban rotundas que aquilo non podía quedar así, que había que establecer normas e controis que impedisen a repetición de tanta irresponsabilidade.

Que a política controlase a economía. Os máis optimistas mesmo describían a situación de crise como a grande oportunidade para reformar o capitalismo e recuperar o espírito socialdemócrata do Estado do benestar, que se viña diluíndo, máis ou menos, desde a caída do muro de Berlín.

Dous anos despois, do único que parece que se poden ocupar os políticos gobernantes é de defender as súas respectivas débedas públicas dos ataques especulativos, lanzados polos mesmos fondos de investimento que provocaron a crise e que seguen asesorados polas mesmas axencias de cualificación que se equivocaron (ou mentiron, iso está por clarexar nalgúns casos) ao non detectar os riscos antes da crise.

Nese proceso, acaba de naufragar a determinación de Rodríguez Zapatero, que pretendía manter a boa cara social no medio da tormenta e que, finalmente, tivo que sucumbir ante a evidencia de que os especuladores non se calmaban nin sequera coa fronte común europea artellada para salvar a zona euro.

Fronte común, por certo, á que se chegou, polo menos, con catro meses de atraso, que hai que apuntar esta vez á conta de Angela Merkel (non todas as demoras e indecisións son obra do presidente español), que, despois de ser copromotora da decisión de acudir ao rescate de Grecia, foi demorando a concreción da axuda para que non lle afectase nas eleccións de Renania do Norte-Westfalia. A demora agravou a situación, encareceu o fondo de rescate e ademais os democristiáns perderon nas eleccións.

A suma de atrasos, propios e alleos, rebordou as expectativas do goberno español. Ante as presións de amigos e inimigos, Rodríguez Zapatero acaba de cruzar a raia vermella que prometera non traspasar nunca. E a súa soidade é máis visíbel que nunca.

A dereita, triunfante, abróncao cun sorprendente (e cínico) discurso social e aproveita, satisfeita, para resarcirse das veces que se lle recordou que, noutra crise anterior (de menos calado), Aznar conxelou o salario dos funcionarios.

Desde a esquerda e os sindicatos, as críticas son tan lóxicas como inútiles. Todos sabemos que recortar salarios e conxelar pensións é inxusto, e que as contas públicas deberían equilibrarse coa achega dos que máis teñen e coa persecución da fraude fiscal e do branqueo de diñeiros (onde quedaron, por certo, as intencións de rematar cos paraísos fiscais, expresadas en reunións do G-20 e similares?), pero tamén sabemos que o contexto internacional marca outra dirección, imposta pola tiranía dos "mercados", que eses si recortan a soberanía nacional e non os acordos entre os gobernos europeos, como parece molestarlle ao euroescéptico Rajoy.

En Portugal si conseguiron compaxinar os recortes con subas de impostos, grazas ao apoio dunha dereita máis responsábel ante os intereses nacionais.

En España, o Goberno non se atreve a tomar medidas parecidas só co apoio do resto da esquerda, que formarían unha maioría precaria.

Para esa esquerda presuntamente maioritaria (en todo caso, pola mínima), a semana pasada estivo marcada pola derrota, desde o sacrificio económico á suspensión de funcións do xuíz Baltasar Garzón, nun insólito axuste de contas de maxistrados nada independentes. E cando os sindicatos volven falar de mobilizacións, quizais o que pida o corpo é pensar, como Uxío Novoneyra (o noso entrañábel poeta ao que dedicamos hoxe o día das nosas letras) no seu poema Porta xorda, nunha "folga xeral contra da Historia".

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS