Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

CENTENARIO (II)

Fontenla, grande impulsor

Galego no exilio, Xosé Fontenla Leal organizou a vela a Pascual Veiga na que se interpretou por primeira vez o himno

XOSÉ NEIRA VILAS . SANTIAGO .   | 16.09.2007 
A- A+

Xosé Fontenla Leal, destacado galeguista no exilio

A vela de homenaxe a Pascual Veiga, celebrada na Habana o 20 de decembro de 1907, na que se interpretou por primeira vez o noso himno, foi ideada e organizada polo emigrante Xosé Fontenla Leal, a quen lle debemos outras iniciativas como a Academia Galega, tamén centenaria.

Fontenla naceu en Ferrol, en febreiro de 1864, e emigrou cos pais a Cuba cando tiña dez anos. O pai era canteiro. Tamén o rapaz traballou a pedra, pero doutro xeito. Moi novo entrou na empresa litográfica da Habana, no barrio habaneiro do Cerro. Desempeñou diversos trafegos como obreiro, e como lle gustaba o debuxo dedicouse á litografía (técnica iniciada en Alemaña; Cuba sería o segundo país en utilizala, de primeiras nos envases e nos aneis dos habanos).

Comezaba daquela a emigración masiva de galegos a Cuba. A familia Fontenla arribou durante a primeira guerra cubana pola independencia, que iniciara en 1868 o poeta e avogado Carlos Manuel de Céspedes. En 1871 fundarase a Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia. Pouco despois nacía o Orfeón Eco de Galicia. En 1878 creáronse as primeiras publicacións periódicas galegas de Cuba e de América: El avisador galáico, de existencia efémera e El eco de Galicia, semanario de longa vida; fundado polo estradense Waldo Álvarez Insua. Había unha forte solidariedade entre os emigrantes. Multiplicábanse as manifestacións culturais. Xurdiron os primeiros intentos para ensinar ós que chegaban analfabetos e para atender os seus problemas de saúde. Tal era o ambiente de Fontenla, un mociño que procuraba recuperar a súa identidade galega. Mercaba moitos libros, sobre todo referidos a Galicia. Era un home tenaz, fervoroso. Abonda con citar a súa relación con Ramón Cabanillas a quen convenceu para que escribise en galego; e o contacto que tivo con Basilio Álvarez cando este visitou a Illa, en 1912. Escribía en prensa da emigración (ás veces co pseudónimo de Breogán); integrou unha tertulia galeguista xunto con Nan de Allariz, Jesús Paynó e outros; organizou a Unión Redencionista Gallega, para loitar en contra dos foros; fundou con Secundino Cores a Revista de Galicia, estivo vencellado ó Centro Galego e ás sociedades de instrución creadas para erguer e soster escolas na terra galega e ás revistas La Arboleda e La tierra gallega, dirixidas polo seu amigo Roberto Blanco Torres.

Despois de 43 anos de ausencia volveu a súa Galicia natal. Designado polo Centro Galego acompañou os restos de Chané, que falecera na Habana. Con el viaxou Emilo, fillo do músico, quen describiría máis tarde (segundo nos informa o profesor Xosé María Dobarro) o estado de ánimo de Fontenla cando o barco se achegaba o seu destino. "La tierra iba dibujándose más clara; veíase el faro, casitas blancas, montes. Me miró. Estaba intensamente pálido. Llegábamos a la entrada de La Coruña. Seguía en su puesto. Le miré nuevamente y lloraba de dolor y alegría". No tempo que estivo en Galicia, visitou en primeiro lugar o seu Ferrol nativo. Andivo por outras cidades. Na Coruña, entre Murguía e os demais membros da Academia, interesouse polo escudo galego. E debuxou os que vía nas fachadas dalgúns edificios. Visitou a Pondal cando chegou, e estando en Ferrol soubo da súa morte e voltou enseguida á capital herculina.

Na compañía de Emilio, retornou á Habana no vapor María Cristina. Foron despedidos polo alcalde coruñés, e homes da talla de Villar Ponte, Peña Novo, Tetamancy, Carré, Vahamonde, Puga e outros, ademais do cónsul de Cuba.

Fontenla faleceu no hospital Calixto García, o 5 de decembro de 1919. Estaba só e non avisou a ninguén da súa doenza. Vin o certificado de defunción, no que o médico fixo constatar que morrera a causa dun "flegmón difuso".

Deixoulle encomendado ó seu fillo, José Fontenla Rizú que lle enviase todos os libros referidos a Galicia, á Real Academia Galega (xa lle doara anos antes outra cantidade ó Centro Galego), dando inicio á biblioteca da institución.

Na Coruña quedou a lembranza da súa presenza e da súa palabra, e moitos recordaríano anos despois, cando falou nunha homenaxe a Curros, xunto con Manuel Lugrís, Villar Ponte e Peña Novo.

Foi soterrado no cemiterio da Habana. Era galego e cubano. E en Cuba traballou intensamente pola reivindicación de Galicia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS