Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
Bautizaba sutilmente o xornal monárquico e conservador madrileño ABC, xunto con La Vanguardia o máis lonxevo e un dos máis influíntes do século XX, o encontro mantido recentemente en Barcelona polos líderes do Partido Popular de Galicia, Euskadi e Catalunya. E sentou cátedra para comentaristas políticos de toda roupaxe e condición. Foi como abanear un tótem. Automaticamente, comezaron a verter ríos de tinta e océanos de megabytes. O simbolismo do acto e a escenificación dunha comuñón que recupera a épica do mito da reconquista, dende o punto de vista do efecto mediático tivo certo éxito. Pacto do Tinell á inversa: rédito asegurado fóra de Cataluña, aínda que non reparasen en que supón un recoñecemento implícito da especificidade.
Como diría Roberto Vilar, ex Tonecho e presentador de Land Rober na TVG: "O cabalo traballa, a cabeza non para". Pois a fábrica de pensamento FAES traballa, e as súas cabezas non paran. Nunca descansan no obxectivo do engano semántico e da usurpación dos conceptos para baleiralos de contido.
Abstraerse dos debates nacionais en España é como facelo respecto das deidades de Fidel Castro ou do Che en Cuba. Unha herexía. Unha tolemia propia de alguén pouco menos que idiota. É certo que este tipo de tensións se producen no mundo enteiro, e intúese utópico que rematen algún día as liortas identitarias e as disputas territoriais, pero aquí convertéronse nunha patoloxía que lastra o debate político (e mesmo a eficacia da xestión colectiva dos recursos e dos esforzos) ata límites insospeitados. Máis aínda cando se aproximan eleccións. Debémosllo todo á errática e convulsa traxectoria dun antigo Imperio incapaz de se adaptar ás circunstancias históricas e solucionar ou, cando menos, sobrelevar dende un nivel menor de enfrontamento e sobresalto, e fóra de solucións conxunturais, as súas contradicións e diferenzas mediante o acordo permanente na procura da integración do disenso. Se a Constitución de 1978 pretendía pechar isto dunha vez e para sempre está claro que fracasou (o resultado das vindeiras eleccións catalás abrirá un novo ciclo nesta materia). Non hai máis que ver o pouco pedagóxica que foi para algúns, mesmo para os que naceron politicamente baixo a súa vixencia plena e deberan manter, cando menos, as formas. Non asumen a plurinacionalidade, e nalgunhas partes do rompecabezas hai cada vez máis poboación disposta a non esperar máis. E con máis sólidas estruturas para facéreno posible e efectivo.
Referíame antes directamente á xeración de políticos desmemoriados e desacomplexados, post-transición, que representan Alicia S. Camacho e Feijóo, metidos no papel de vedettes, e Basagoiti (alguén con maior cintura politica cós anteriores). Baixo o mantra de ollar ao futuro, do sentido común e da liberdade propoñen unha recentralización soterrada (nas mentes e na práctica) que puidera custarlle cara á sacrosanta indivisibilidade e unidade patria. Consideran a descentralización como cerna de tódolos males e disfuncións, cando achegou as maiores cotas de progreso e benestar para os cidadáns, e como fonte dun recorte de liberdades en nome da normalización e da recuperación das linguas minorizadas por mor de acordos ilexítimos entre os dous grandes diaños: o nacionalismo e o PSOE. O pacto que dende 1923 mantiveron catalanistas, galeguistas e o nacionalismo vasco para resisitiren o antidemocrático nacionalismo de estado, e que logo cristalizou en reivindicacións de natureza política, fora tamén chamado a Tripla Alianza. Hoxe, ao abeiro de ABC, El Mundo ou Federico Jiménez Losantos outra tripla alianza xermina: nostálxicos do réxime franquista, conservadores e os autoproclamados liberais. E baixo o paraugas de marcas tan estimulantes como Galicia Bilingüe, Manifiesto por la Lengua Común, Rebelión Cívica ou Peones Negros quixeran retrotraernos á etapa preconstitucional. Nisto consiste a Galeusca española..
